Asisto esta mañá en Santiago de Compota a unha reunión da Xunta Directiva do PPdeG, na que o presidente Alberto Núñez Feijóo, avanzou “unha reacción galega no Partido Popular” en todos os ámbitos, non só no local e autonómico, senón tamén no das políticas e no da xestión.
“Imos reaccionar, non só para manter a nosa primeira posición, senón tamén para ser a casa común para a maioría dos galegos que nos ven como un punto de encontro”, dixo Feijóo, quen salientou que o PPdeG non vai quedar quieto ante a perda de apoios nin se vai dar por satisfeito por unha notable melloría nos resultados entre as Xerais e as Municipais, nin tampouco vai caer en euforias inxustificadas polo número de alcaldes acadados: “Non dar nada por perdido nin por gañado nin caer na satisfacción. Reacción”.
Asegurou que calquera do resto de partidos quererían para si o resultado do PPdeG. Neste senso, Feijóo incidiu na importancia de, aínda sendo o primeiro partido de Galicia, esixirse máis, facer autocrítica, ser inconformistas e intentar mellorar.
O PRIMEIRO PARTIDO DE GALICIA
Feijóo, que dixo que o punto de partida de cara as vindeiras eleccións Autonómicas é moi similar ao de hai catro anos -en canto ao apoio popular, ao número global de alcaldías e á presenza urbana e provincial-, avogou por non caer nin no pesimismo nin nun exceso de confianza e garantiu o compromiso de que “nos esforzaremos máis, traballaremos máis e que imos reaccionar”, porque, segundo indicou, só así será posible gañar nas vindeiras Autonómicas.
UN PARTIDO DE MAIORÍAS E GAÑADOR
Fixo fincapé, tamén, en que o PPdeG é un partido de maiorías, con principios sólidos e composto de moitos cidadáns que son distintos, pero que coinciden porque é máis o que lles une que o que lles separa. Un partido que é moito máis que unha ideoloxía e unhas siglas e no que miles de cidadáns se senten reflectidos, identificados e cómodos.
Apuntou que en Galicia son máis os que prefiren a moderación, a estabilidade, os gobernos unidos, as políticas útiles, a xestión eficiente e responsable, a liberdade e a convivencia; do mesmo xeito que son máis os que están coa Constitución e o Estatuto de Autonomía e os que prefiren non renunciar a ningunha das nosas linguas. Por iso, para que máis galegos se sumen ao PPdeG, Feijóo avogou por estar máis na rúa e seguir explicándolle o que se fai.
Do mesmo xeito incidiu en que o PPdeG é “un partido gañador”, por iso, amosouse convencido de que, con implicación, actuando con xenerosidade, escoitando e estando cerca dos veciños e abrindo as portas de entrada, no 2020 virá unha gran vitoria.
UN PARTIDO DE GOBERNO
O presidente dos populares galegos apuntou que o PPdeG, que é un partido de goberno, non se conforma co feito ao longo destes dez anos.
Así, referiuse ao programa presentado, esta mesma semana, pola Xunta de Galicia e que conta con políticas e proxectos que garanten a mellor Galicia para nova década: de máis calidade, familiar, moza, innovadora e verde. Será un seguro de goberno -sostivo- para os galegos, as políticas sociais, a educación a Sanidade pública e que garante a gobernabilidade. “Un seguro -continuou- a todo risco fronte a incerteza e a inestabilidade de España”.