Como daba conta o 20 de xuño neste blog, en Galicia naceron en
2018, 16.550 nenos, un 10,3 % menos. E en Ourense 1.486, un 13 % menos que no
ano anterior.
Pois
ben, diante deste monumental problema, celebro que o pasado xoves o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciara
que o Consello da Xunta iniciaba a tramitación da Lei de impulso demográfico,
que converterá a Galicia na primeira comunidade en contar cunha norma neste
eido. Feijóo destacou que “non queremos ser un expoñente do problema que supón
o cambio demográfico, senón un referente na busca de solucións”.
Informa a web da Xunta que esta lei
achega o marco normativo para afrontar o cambio demográfico, “o maior desafío
que afronta Galicia a medio e longo prazo”, incidiu o presidente da Xunta.
Deste xeito, as persoas que queren ter fillos contarán con axudas económicas,
como, por exemplo, a Tarxeta Benvida -mellorada para as familias que viven no
rural- ou o Plan de apoio ás familias numerosas. Ademais, contarán con medidas
de impulso á conciliación, como a prioridade nos concursos públicos para as
empresas máis comprometidas con esta cuestión.
Ademais,
ampliarase a medida de esixir que todas as nenas e nenos matriculados nas
escolas infantís leven o seu calendario de vacinación ao día. En primeiro
lugar, estenderase a necesidade de solicitar o calendario de vacinas a todas as
escolas infantís que conten con financiamento público e, en segundo lugar, as
que non o fagan deberán avisar cun cartel que nese centro non se esixe que
todas as nenas e nenos estean axeitadamente vacinados.
Feijóo
incidiu en que Galicia será pioneira “porque consideramos que un Goberno que
pense no futuro ten que ter a demografía entre as súas grandes prioridades” e
engadiu que esta lei contará con compromisos orzamentarios concretos. Deste
xeito, este texto legal blindará que durante cinco anos o orzamento en Familia
se incremente de forma constante e sustentable. Para executar as medidas que
inclúe prevese un investimento anual de máis de 700 millóns de euros.
A Xunta
aspira a contar coa colaboración de concellos e deputacións para o cal se
inclúen dúas medidas no articulado da lei: a creación dun subfondo específico
para políticas demográficas dentro do Fondo de Cooperación Local e a posta en
marcha da Comisión de Impulso Demográfico.
Para
concluír, o presidente da Xunta sinalou que esta lei se orienta a tres aspectos
fundamentais: o fomento do retorno e a atracción de nova poboación; o
equilibrio territorial, para o que se defino o novo concepto Responsabilidade
Social Territorial; e, finalmente, o envellecemento activo.
Pola súa
banda, a conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou a vocación de
consenso e permanencia da Lei, pois ten en conta as liñas mestras de actuación
que aprobou por unanimidade o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica,
así como o seu carácter transversal ao implicar na súa elaboración e
desenvolvemento ao conxunto do Goberno galego. Neste sentido, indicou que
“facer de Galicia o mellor lugar para formar unha familia é un obxectivo común
que non debe entender de ideoloxías”, e engadiu que este novo marco normativo
“é a semente dunha política demográfica reforzada, cuxos resultados, se temos
éxito, comezarán a percibirse dentro duns anos”.
Fabiola
García centrou en oito bloques o contido da Lei, relacionados coas distintas
áreas de intervención nas que se pode incidir para darlles ás familias que
queren ter fillas e fillos todas as facilidades. Estes son: a maior
coordinación das Administracións públicas, os criterios xerais de actuación da
Xunta en materia demográfica, medidas de apoio ás familias, o fomento da
conciliación, o apoio á mocidade, o impulso do retorno das galegas e galegos no
exterior e atracción de nova poboación, o equilibrio territorial e o
envellecemento activo.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta.