Onte con ocasión da
visita a Feira Líder de Loxística,
Transporte, Intraloxística e Supply Chain do Sur de Europa (SIL 2019),
tiven oportunidade de determe no espazo de Renfe Mercadorías e recibir
explicacións sobre o funcionamento do sistema
Copérnico, tecnoloxía dixital para o control das operacións que realizan
os trens que xestiona a Sociedade.
Dispón dun Centro
de Xestión Integrado de Renfe Mercadorías que funciona as 24 horas do día os
365 días do ano para facer un seguimento exhaustivo do tráfico, atender as
demandas dos clientes e anticipar solucións ás posibles incidencias que se dean
no transcurso do transporte. A representación dos trens que realizan cada
tráfico pódese visualizar nas pantallas instaladas no propio Centro de Xestión,
que vai estar integrado por un equipo multidisciplinar de profesionais cunha
clara orientación cara ao cliente.
Así o puiden constatar co exemplo dun tren
que acababa de pasar pola estación de San
Estevo do Sil, procedente de
Monforte e con destino a Tui, baleiro de madeira. Esta foto dá conta do que
digo.
A utilización do
sistema permitirá realizar análises económicas de apoio á xestión e á toma
racional de decisións. Esta análise será a base para definir a estratexia de
prezos máis adecuada, simular a rendibilidade de novos proxectos loxísticos e
para deseñar escenarios de explotación previos á execución que permitan
incrementar o aproveitamento dos recursos e a rendibilidade das operacións.
Outro dos módulos
está enfocado ao seguimento, rexistro e análise da operación. As súas
principais funcionalidades son a asignación de persoal e de material, o
seguimento en tempo real da operación, a localización dos trens e o seguimento
dos vagóns, o rexistro das incidencias e a xeración de informes.
Grazas a esta
funcionalidade, os clientes poderán acceder a unha versión restrinxida da
aplicación para realizar un seguimento en tempo real dos seus tráficos o que
lles permitirá mellorar a planificación de operacións complementarias ao
tráfico ferroviario e axilizar a súa toma de decisións.
Sen ningunha
dúbida, o uso desta tecnoloxía permitirá mellorar a operativa ferroviaria e
reducir os custos de explotación.
Recibirá resposta