Da actualidade política galega de hoxe saliento que o presidente do
Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou posta en marcha da Axenda de
Impulso da Industria Forestal 2019-2021 co fin de modernizar o tecido
empresarial deste sector; estimular a demanda e fomentar a utilización da
madeira nas novas construcións e contribuír á creación dunha sociedade
sustentable, baixa en carbono e baseada no emprego verde e no consumo de
produtos locais.
Tal e como se informou hoxe no Consello da Xunta, esta
Axenda coordinada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través
da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), nace da participación activa do
tecido asociativo para a identificación de retos e tendencias e o deseño de
accións que permitan xerar un maior valor na cadea monte-industria, sempre en
liña con obxectivos de desenvolvemento sustentable e as estratexias europeas de
innovación.
Como documento aberto e receptivo á inclusión de novas propostas,
tamén se manterán encontros cos diferentes axentes sociais para que poidan
contribuír coas súas suxestións. Na práctica, valerase do fomento do talento,
da innovación e da competitividade, poñendo en marcha medidas que promovan o
uso da madeira nos eidos da construción; en sectores estratéxicos da economía
galega como a automoción, o naval ou o téxtil; como fonte enerxética; ou como
elemento de referencia no deseño e na saúde.
Prevese que o conxunto de medidas
postas en práctica poidan mobilizar máis de 125 M€, ofrecer axudas a 350 pemes e
formar a 5600 persoas ata o ano 2021. En concreto, a Xunta apostará por
fomentar o uso da madeira –sobre todo local– na construción, por seguir
impulsando o sector contract galego, e por introducir na Comunidade, de xeito
decisivo, novos modelos de edificación sustentable.
A súa utilización permitirá
crear novas oportunidades laborais no eido rural e unha industrialización que
requira o mínimo emprego posible de enerxía, optimizando os recursos. Os
principais beneficiarios serán os cidadáns, que gañarán en eficiencia térmica,
insonorización e confort. En definitiva, o Goberno galego busca impulsar
medidas para estimular a demanda e promocionar o emprego da madeira nas novas
edificacións en Galicia. Así, tal e como se recolle na propia Axenda, desde a
Administración autonómica promoverase a apertura de novos equipamentos públicos
construídos en madeira.
Outras iniciativas previstas para garantir a execución
de proxectos en madeira local será o traballo de promoción con prescritores e
empresas tractoras –como é o caso de Finsa– e consumidores.
Enerxía, sectores
estratéxicos e deseño
A Axenda tamén recolle a redución dos consumos
enerxéticos e cambiar as fontes de combustible tanto na produción de
electricidade e calor, así como promover o uso de biocombustibles, en que o
emprego dos restos da industria forestal teñen un papel destacado.
Co obxectivo
de mellorar a competitividade de sectores estratéxicos galegos como a
automoción, o naval ou o téxtil, preténdese tamén impulsar a súa colaboración
coa industria forestal para desenvolver novos produtos, procesos e mercados a
través da bioeconomía circular. Por outra banda, apostarase polo uso da madeira
no deseño para a saúde. Entre estes exemplos destaca o deseño biofílico que
promove a utilización de madeira en interiores, mellorando o confort e
reducindo o estrés, cos consecuentes efectos positivos sobre a saúde; ou o
desenvolvemento de nanocelulosas que serven de excipiente nos medicamentos e
facilitan a fabricación de próteses.
Obxectivos da Axenda
Coa aplicación destas
medidas, a Axenda de impulso da industria forestal en Galicia pretende
incrementar nun 6 % a facturación (200 M€ máis ata alcanzar os 2.400 millóns de
euros) e os empregos directos (ata alcanzar os 21.000 postos de traballo), así
como aumentar nun 10 % o uso de elementos non estruturais na construción.
Para
conseguilo, a Axenda valerase do talento, favorecendo a incorporación de
profesionais cualificados como deseñadores industriais, enxeñeiros e
arquitectos nas empresas; da innovación, avanzando no desenvolvemento de
produtos derivados da biomasa para uso industrial, novos usos de composites ou
na obtención de novos produtos para o seu uso no téxtil; e na mellora da competitividade
a través da posta en marcha das construcións exemplares e do fomento de
reformas e rehabilitación de equipamentos de uso colectivo a través do
contract.
Deste xeito, a Xunta apostará polo fomento e posta en valor dun
material autóctono e reciclable como é a madeira, o que permitirá impulsar a
economía galega favorecendo un crecemento sustentable.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta