Estes son os catro retos que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, durante unha reunión cos membros do Executivo, directores e secretarios xerais da Xunta, para acadar, dixo, unha Galicia de máis calidade na nova década.
Reproduzo a nota que figura na web da Xunta
"Co obxectivo de avaliar o traballo feito ata agora e, sobre todo, preparar “o moito que temos por diante”, Feijóo mantivo esta mañá unha xornada –como se fixo ao inicio da lexislatura- que culmina coa posta en común do traballo previo das diferentes consellerías, para reforzar a unidade de acción dun Goberno unido e estable e redobrar a intensidade desa acción, logo da inevitable interrupción que para todas as administracións supoñen os procesos electorais e nun contexto político de inestabilidade e incertezas.
Na xuntanza, o responsable do Executivo galego precisou que lonxe de ser categorías, estes catro retos son obxectivos irrenunciables de todo o que se faga desde todos os ámbitos da Administración autonómica, porque “esa Galicia da nova década –sentenciou-, ten que empezar a construírse desde xa”.
Máis familia coa implicación de todos
Deste xeito, e para acadar o obxectivo de que toda Galicia sexa aínda máis familia, o titular da Xunta anunciou que na próxima semana, aprobarase a Lei de Apoio á Natalidade e Dinamización Demográfica, converténdose na primeira comunidade que eleva estas políticas a rango de lei, co obxectivo de que todos os galegos entendamos que o asunto demográfico é o principal reto da próxima década e das seguintes.
Así mesmo, confirmou que será importante a ampliación dos incentivos que incluirá para as familias, ademais de garantir un modelo único para calcular a renda das familias nas distintas axudas públicas que se dan desde a Xunta.
Neste mesmo eido, e na liña do que indica a ONU, expuxo tamén a necesidade de que os orzamentos inclúan un novo libro en clave de infancia que especifique todas as políticas que se aproban para a poboación de 0 a 18 anos.
En relación á conciliación, afirmou que é imprescindible a participación de todos os departamentos. Así, Economía deberá involucrarse en que as empresas faciliten flexibilidade horaria aos seus traballadores e normalicen xornadas máis racionais; as políticas de Emprego deberán buscar un emprego de maior calidade e cuxo punto fundamental sexa a conciliación.
Cómpre ademais seguir deseñando unha Educación que favoreza aínda máis a igualdade de oportunidades que xa garanten, por exemplo, as axudas para os libros de texto e material escolar ou os ordenadores nas aulas. Medio Ambiente e Mar teñen a responsabilidade de lograr mellores contornas nas que desfrutar en familia, na liña do que xa se está a facer coa nova normativa en materia de residuos ou cos proxectos de diversificación no litoral. E a Cultura debe seguir poñéndose ao acceso de todos os recunchos e desde todas as idades, tal e como está fixado na Estratexia Cultural para os próximos anos.
“O apoio aos maiores debe ser a filosofía predominante, máis aló das axudas á dependencia que se teñen que seguir incrementando, garantindo tamén para eles a mellor calidade de vida nos seus fogares. E, por suposto, desde cada un dos departamentos hai que traballar con máis énfase a prol da igualdade”, matizou, aseverando ademais que a inclusión e a discapacidade teñen que seguir sendo guías permanentes do traballo desde todas as consellerías. “Somos un goberno solidario e temos as maiores políticas de inclusión e os maiores presupostos para a discapacidade que nunca tivo a Xunta”, sostivo.
Feijóo non quixo tampouco pasar por alto que a Galicia da nova década tamén ten novos retos sanitarios. Se ben recoñeceu que se iniciará finalizando boa parte dos complexos hospitalarios e o parque de centros de saúde, con 2.300 profesionais máis que hai unha década e tamén con máximos históricos en intervencións, consultas e transplantes, así como coas menores esperas desde que hai rexistros, considerou que non é suficiente, “porque as demandas da Sanidade Pública teñen que ir acompasadas coas novas demandas da poboación”.
“Queremos unha Sanidade Pública mellor organizada, como xa estamos a facer na Atención Primaria; mellor financiada, e por iso, urxiremos ao Goberno de España a que aborde este asunto; con máis prestacións, como o acceso universal da Hospitalización a Domicilio; que estea preparada para incorporar novos tratamentos, como se fixo no caso da hepatite C ou nas enfermidades oncolóxicas; e que garanta unha atención máis personalizada”, explicou.
Conscientes de que a Sanidade pública, como o resto dos servizos, só pode funcionar da man dos seus profesionais, recalcou a necesidade: de ampliar as plantillas nas especialidades con maior déficit de efectivos, “para o que seguiremos persuadindo ao Goberno central”; de seguir traballando para que teñan empregos estables como o contrato de estabilidade para a Atención Primaria, “e tamén faremos contratos estables para a enfermaría”; e de que Galicia poida ter as mesmas opcións de contratación que moitas autonomías -por exemplo, as mesmas competencias que ten o País Vasco para homologar titulados estranxeiros-.
Galicia, a comunidade que máis apoie aos mozos
Se ben non somos a comunidade con máis mozos, Feijóo aseverou que Galicia si quere ser a autonomía que máis os apoie para que vivan, traballen e teñan aquí o lugar para desenvolver as súas vidas e o seu futuro.
Co este obxectivo, apostou por non quedar atrás naquelas materias que garantan as maiores oportunidades no futuro, impulsando unha educación adaptada ao mercado laboral: consolidando, por exemplo, a Educación STEM e a súa vinculación con aquelas carreiras universitarias de maior saída; continuando coa estratexia de FP; e a través dunha especialización universitaria para dar graos especializados.
Entre as medidas específicas, Feijóo explicou ademais que xa se está a traballar en axudas para que os mozos poidan sacar o carné de conducir; en ampliar as opcións de ocio máis aló do período estival ou en estender a gratuidade do transporte público para os mozos co acceso á Tarxeta Nova ata os 21 anos.
Logo de expoñer a necesidade de aprobar un Plan para o Emprego do futuro, que permita identificar os novos perfís profesionais que se demandarán no futuro, sinalou ademais que nos próximos meses aprobarase a Lei de Residuos para reducilos nun 15% e a Estratexia de Economía Circular, para garantir a optimización de recursos. Todo elo, co fin de darlles ás xeracións máis novas instrumentos para que poidan reforzar os perfís máis ecoloxistas.
Seguir reducir os impostos da vivenda no rural, crear novas sendas para peóns e ciclistas, incrementar a seguridade viaria, finalizando o mapa de autovías –“como finalizaremos esta semana a Autovía do Morrazo”-, ampliar as posibilidades de transporte público, apoiar o comercio de proximidade, potenciar o turismo rural, lograr que grandes proxectos para o lácteo reforcen esta importante industria para o noso país, fomentar a calidade do sector vitivinícola ou traballar nunha marca que distinga a calidade dos nosos produtos agroalimentarios, son todas elas medidas de distintas áreas, pero que redundan no obxectivo común de que a Galicia moza que quere o rural teña ademais a certeza de que merece a pena vivir nel e vivir del.
A Galicia innovadora que pensa en clave intelixente, tecnolóxica e dixital
Na súa intervención, o presidente da Xunta recalcou que apoiar a innovación dá resultados e proba diso é que as empresas galegas aumentaron no 2017 o seu esforzo innovador un 20,2% –moi por riba do conxunto de España, 8,3%-.
“Pero cómpre que se afonde con máis intensidade”, matizou, recordando que innovación non só é automoción, naval, aeronáutica ou Industria 4.0, senón que tamén é: explorar novos camiños no medio rural e no mar, para obter máis rendemento e mellores recursos; posibilitar que cada trámite da administración se poida facer online, para que o 51% dos trámites que hoxe xa se fan por internet sexan cada vez máis; que cada axuda que se outorgue desde a Xunta sexa para algo novo e algo mellor -un novo produto, un novo proceso-; ou que Galicia siga á vangarda tecnolóxica, tal e como se logrou garantindo a banda larga para todos os galegos, sendo a 3ª Comunidade con máis cobertura 4G e é a primeira en contar cun Plan 5G.
“E, por suposto, innovación tamén é innovar nos servizos públicos, onde temos que apostar máis que nunca pola tecnoloxía, porque é garantía dunha Educación Pública máis completa, cun equipamento dixital nas aulas ou conexión 100 megas nos centros. É garantía dunha Sanidade Pública mellor, a través da historia clínica e da receita electrónicas, así como do novo aparataxe. É garantía duns Servizos Sociais Públicos máis eficientes, como demostra a Historia Social. Ou porque é garantía dunha Xustiza máis áxil, a través de salas de vista dixitais ou coa sede electrónica xudicial”, abundou.
Para o responsable do Goberno galego é imprescindible pensar a industria e o comercio en clave intelixente, pensar os sectores primarios en clave tecnolóxica, pensar os fogares en clave dixital, sempre con garantías e con seguridade, pero sen deixar atrás esta nova realidade.
A Galicia verde, unha Galicia máis orgullosa de si mesma e con máis autoestima
Coa mirada posta no cuarto e último eixo, a Galicia verde, Feijóo avogou por reforzar unha conciencia colectiva que é cada vez máis forte, para que Galicia sexa a Galicia máis ordenada da nosa historia. “Temos un corpo normativo ambicioso para conseguilo”, matizou, engadindo que isto significa ademais priorizar a rehabilitación e combater o feísmo, apoiando e liderando os proxectos que poidan ser exemplares para o conxunto da sociedade.
Así mesmo, incidiu en que reforzar a Galicia verde tamén significa protexer a nosa terra: protexela de quen a quere atacar, tendo a política forestal presente en todos os departamentos porque a loita contra os incendiarios non é un problema exclusivo das políticas de Medio Rural. Protexela dos riscos máis evidentes, como o cambio climático, especialmente na xestión da auga, “e por iso presentaremos un instrumento que se ofrecerá a todas as administracións públicas para xestionar de común acordo todas as políticas de abastecemento e saneamento de Galicia”. E protexela tamén cunha aposta ampliada polas enerxías renovables, así como con medidas de transporte público e de mobilidade, cun novo plantexamento máis ambicioso.
Todas elas serán medidas que teñen efectos económicos e sociais evidentes, pero que tamén contribuirán a facer unha Galicia máis orgullosa de si mesma e con máis autoestima.
Unha Galicia con capacidade para liderar, ser referente de progreso e de calidade
Na segunda parte da súa intervención, o presidente do Executivo autonómico lembrou que a Galicia da nova década estará marcada por dous Xacobeos: 2021 e 2027. Pero máis aló da preparación destes eventos, fixo fincapé en que a Galicia Xacobea da próxima década ten que ser a mellor Galicia da súa historia para os galegos.
“Unha Galicia que non se conforma con converxer, senón que lidere; que non se conforma con reter, senón que atrae; que non se conforma con conservar o que ten, senón que potencia o que ten; e que non se conforma simplemente con resistir, senón que encara retos novos”, afirmou, sostendo que a experiencia máis recente permitiu consolidar unha Galicia con capacidade para liderar, para ser referente de progreso económico e de calidade do benestar das familias.
Ao respecto, referiuse a numerosos exemplos que demostran que a Comunidade ten capacidade e potencial para situarse á vangarda daqueles eidos que nos propoñamos. E, entre eles, destacou que en materia de urbanismo fomos capaces de substituír o desinterese e o descoido por un corpo normativo completo que desbota o feísmo e aposta pola construción racional. E, no cumprimento das normas de calidade da auga que marca a UE, salientou que estamos a un paso de alcanzar a meta.
Así mesmo, asegurou que, neste anos, pasamos de non ter ningún centro plurilingüe a contar con 324 na actualidade, así como a reforzar e mellorar a FP. Na última década as universidades lograron actuar como unha soa, especializándose e colaborando cada vez con maior intensidade; e, pese á crise, logramos impulsar a “construción” dun novo Servizo Galego de Saúde.
“Creo, polo tanto, que quedou lonxe esoutra Galicia que ía sempre por detrás doutras comunidades autónomas”, dixo, ao tempo que insistiu en que para acadar esa Galicia de máis calidade, é necesaria a implicación de todo o pobo galego e do seu goberno: “Con máis ambición, con máis intensidade no cumprimento das nosas obrigas, cunha política máis próxima e máis sensible cara á xente e con orgullo de ser os servidores dos galegos”.
A Galicia da nova década, máis que nunca Galicia Calidade
Neste mesmo sentido, engadiu que a Galicia da nova década ten que ser, máis que nunca, Galicia Calidade: “Calidade para os de fóra; un destino turístico distinto, con produtos excelentes e cun emprego de maior calidade. E, calidade tamén para os galegos, con mellores servizos públicos, con mellor emprego, con políticas sociais que non deixen tirado a ninguén, con maior conciliación e coa mellor Sanidade pública que nunca tivo”.
Feijóo concluíu afirmando que esta Galicia é unha obra colectiva, e a Xunta estará ao carón dos galegos para acadala. “Unha Galicia máis familiar, moza, innovadora e verde... Non son obxectivos dunha ideoloxía, dunha corrente ou dun goberno concreto, son e teñen que ser os obxectivos de toda unha Comunidade autónoma”, sentenciou, insistindo en que para acadalo, os galegos contan cun goberno formado por un equipo con experiencia e que se esforza.
“Isto vai máis alo de partidos e de siglas. Este proxecto vai máis aló das lexislaturas, non pensa nos dez anos dunha etapa e transcende as persoas que agora ocupamos postos temporais. Este proxecto mira con seguridade, confianza e ambición cara á próxima década e encáraa”, abundou, aseverando que neste proxecto estamos “todos a unha” porque ten un nome que nos convoca a todos e que precisa de todos: Galicia."
Recibirá resposta