Da
actividade política galega de hoxe, saliento a que tivo lugar en Vigo con ocasión
durante a presentación dos resultados do Programa Operativo de Cooperación
Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (POCTEP).
Nel
o presidente da Xunta, Alberto Núñez
Feijóo falou do traballo feito pero
tamén do moito que queda por facer, incidindo en que neste momento xa se está a
preparar un novo Programa de investimentos conxuntos. “E seguimos defendendo
xunto a comunidades do noroeste peninsular un Corredor Ferroviario Atlántico,
ademais da necesidade de que se prolongue a actual liña de viaxeiros de altas
prestacións que vai de Coruña a Vigo ata a Porto, e da execución da saída sur
de Vigo prolongando a actual liña de alta velocidade” engadiu, referíndose
tamén ao reto do envellecemento e a dispersión da poboación.
Ao longo da súa
intervención, diante do presidente da CCDR-N, Fernando
Freire de Sousa,
o presidente do Goberno galego incidiu en que máis alá da relación entre
institucións, a cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal implica
a todos os niveis da sociedade e tradúcese en beneficios concretos para os
cidadáns a ambos lados da fronteira, como se pon de manifesto na execución do
Poctep, un exemplo claro da solidez desta relación que xa é de terceira
xeración.
“Estamos a falar de
proxectos concretos, mesurables e útiles que implican o traballo e a confianza
de empresas, administracións e institucións de todo tipo a un e outro lado da
raia”, dixo, recordando que no período 2014-2020, contáronse xa con 131 millóns
para iniciativas relacionadas co I+D+i, co fomento do emprego, coa protección
do medio ambiente ou coa mellora da capacidade institucional das administracións
e dos servizos que presta. E que benefician a axentes tan diversos como
universidades, centros tecnolóxicos, empresas, parques naturais ou cámaras de
comercio e administracións públicas.
Así, só na actual
convocatoria 2014-2020, estanse a desenvolver 80 iniciativas que contribuirán a
dinamizar a Eurorrexión como xa o fixeron outros proxectos máis alá dos Poctep,
entre os que destacan: a interconexión dos servizos de emerxencia e a
coordinación dos 112 a ambos lados; o programa de mobilidade universitario
Iacobus; a cooperación en materia sanitaria, coordinando e facilitando o acceso
a servizos especializados nos centros de referencia das comarcas fronteirizas;
os avances e melloras no Camiño Portugués a Santiago; e a posta en marcha da
estratexia Ris 3 Conxunta, a primeira presentada por unha eurorrexión.
O responsable do
Executivo autonómico reivindicou hoxe a cooperación leal Galicia-Norte de
Portugal para afrontar os retos futuros e seguir mellorando a vida dos veciños
a ambos lados da raia con máis e mellores servizos e infraestruturas. Para logralo,
aseverou que ambos territorios seguirán traballando en Europa para que o novo
período orzamentario, que está nestes momentos en definición, manteña a
cooperación territorial co peso que merece.
E concluíu asegurando que
ambos territorios seguirán traballando xuntos e dando continuidade a unha
cooperación leal que antes iniciaron outros: como o presidente Fraga e Luís
Braga da Cruz.
Recibirá resposta