viernes, 19 de julio de 2019

Na presentación do Plan estratéxico do Xacobeo 2021


Asisto hoxe en Santiago de Compostela á presentación do Plan estratéxico do Xacobeo 2021  na que o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo falou ante membros da Igrexa, alcaldes dos máis de 120 concellos polos que transcorren os camiños, asociación xacobeas e culturais e directivos turísticos, unha ampla representación de Galicia que, dixo, “quere evidenciar que organizar o mellor Xacobeo da mellor Galicia require do compromiso de todos”.

 “Temos claro que o Xacobeo é de todos. As galegas e os galegos temos o dereito de vivir o Xacobeo, de desfrutalo, pero tamén temos o deber de preparalo, de enriquecelo, cada un desde as súas respectivas responsabilidades, individuais ou colectivas”, aseverou.

Así, destacou a diversidade desta folla de ruta, que conta con achegas de máis de 600 persoas, entidades, organizacións políticas e peregrinos, facendo fincapé en que “o traballo que todos os galegos tempos arredor do Xacobeo non remata aquí, senón que comeza”. Por isto, chamou á implicación do conxunto da sociedade galega, española e europea para que Galicia mostre no Xacobeo 2021 todo o seu potencial e todas as súas capacidades no eido cultural, turístico e relixioso, pero tamén no económico e social.

Na mesma liña, Feijóo salientou a importancia de cada un dos papeis que ten cada persoa ou entidade para que o pobo que se vexa no Xacobeo 2021, e nos seguintes de 2027 e 2032, sexa “máis Galicia Calidade que nunca”, e expresou o seu desexo de que toda a Comunidade sexa a casa acolledora para os que nos visiten.

Do mesmo xeito, asegurou que o Xacobeo dos 5.000 días “esixe que deamos o mellor de nós mesmos cada un deles” e convidou a todos os galegos a aproveitar xuntos a Galicia Xacobea da próxima década para afondar nos eidos marcados como prioritarios: unha Galicia verde, moza, familiar e innovadora.

Galicia, no mellor momento para a celebración dos Anos Santos

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta afirmou que “non cabe dúbida de que aproveitar os seguintes Anos Santos como plataforma para ensinar a Galicia que queremos ser na próxima década é un obxectivo ambicioso”, pero asegurou que “temos unha vantaxe que nos permite facelo coa preparación debida: hai tempo suficiente”.

Neste sentido, explicou que, a diferenza do Xacobeo 2010, “levamos preparando esta cita desde hai anos, e con aínda máis intensidade desde agora, xa con este Plan Estratéxico como folla de ruta, aínda a ano e medio para que se abra a Porta Santa”. “Desde logo na Xunta xa levamos a cabo iniciativas importantes, que creo que nos sitúan na mellor situación respecto a calquera outro Ano Santo anterior”, abundou, afirmando que Galicia está en mellor situación porque o feito peregrino está no seu mellor momento –hai un 20% máis de peregrinos que en 2010, dos que o 65% son internacionais e 35% nacionais, e superouse a barreira dos 300.000 peregrinos-, e porque “sentamos as bases para ensinarnos ao mundo nas mellores condicións”.

Máis polo miúdo, expuxo que hoxe hai máis camiños recoñecidos -incorporouse oficialmente o Camiño de Inverno e o Camiño Portugués da Costa-; os camiños están máis diversificados –o que fai que non se caia nunha masificación que puidera comprometer a experiencia-; a Catedral foi obxecto da maior rehabilitación da súa historia, á que se suma a restauración do Pórtico da Gloria; estase a acometer a maior recuperación paisaxística dos máis de 1.500 quilómetros dos Camiños de Santiago; o novo Centro de Acollida ao Peregrino dá mellor recibimento aos peregrinos que recollen a Compostela; está a piques de rematar completamente a mellora das instalacións do Monte do Gozo; hai 12 albergues máis na rede autonómica que no Xacobeo 2010; e eventos como o festival O Son do Camiño consolídanse e son exemplo da programación festiva que se estende no conxunto de Galicia.

Triplícase o orzamento con respecto ao Xacobeo 2010

Co obxectivo de seguir preparando Galicia para estar no seu mellor momento, o presidente recordou –como xa se anunciou en días pasados- que o Plan estratéxico do Xacobeo 2021 garante con recursos suficientes ese compromiso da Xunta, que incorpora un mínimo de 247 millóns de euros para os próximos anos, o que supón triplicar o esforzo orzamentario dedicado ao anterior Xacobeo. De todos os xeitos, fixo fincapé en que é unha cantidade que agarda que se poida incrementar “unha vez que se despexe o escenario político a nivel nacional”, isto é, que o Goberno central poida concertar o alcance e o contido de compromisos que ten adquiridos.

O Xacobeo máis participativo para lograr os mellores resultados

Feijóo avogou por lograr esa unidade administrativa, da Xunta, concellos e Goberno central, pois “será o mellor exemplo para as galegas e os galegos”. Nesa liña, puxo como exemplo os resultados da convocatoria O teu Xacobeo, que revelan unha Galicia con ideas e con ganas de que o próximo Ano Santo “sexa o mellor tamén porque será o máis participativo”, dixo, poñendo en valor que “así debe ser porque cada gran que se achegue contará para poder lograr os mellores resultados”.

“Temos moito a favor, pero cómpre que traballemos xuntos, con todo o mellor de nós mesmos para poder conseguir que o Xacobeo teña un impacto económico ambicioso”, concluíu, e mencionou así mesmo o desexo de superar os 9,3 millóns de visitantes do anterior Xacobeo.

Chamou á implicación do conxunto da sociedade para que o Xacobeo 2021 faga crecer o Produto Interior Bruto de Galicia un 0,9% e cree 11.500 empregos a tempo completo nos próximos catro anos, desde hoxe ata 2022, o último exercicio que se verá influenciado directamente polo Ano Santo.

O presidente da Xunta resaltou para finalizar que o fenómeno peregrino permite amosar desde Galicia unha visión polifacética do mundo, cunha gran capacidade para entender a diversidade. “Defender o Xacobeo debería obrigarnos tamén a converternos en promotores desa diversidade, que é tan contraria ás tentacións illacionistas como a aquelas outras que pretenden desdebuxar a personalidade de cada territorio”, sentenciou.