Da actualidade política de onte saliento que o presidente da
Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiteroulle á ministra de Hacienda, María Jesús
Montero, a necesidade de que o Goberno central atope unha solución para
transferir a Galicia os 700 millóns de euros que lle adebeda á Comunidade
Autónoma.
Di a web da Xunta o seguinte: "Fíxoo
durante a presentación do Anuario 2019 elaborado
polo Foro Económico de Galicia, un acto onde tamén estivo presente a ministra
María Jesús Montero. Feijóo trasladoulle que o actual é un escenario “sen
precedentes” na historia do financiamento autonómico, polo que agarda que haxa
unha solución “o antes posible”. Porque “é xusto” –sinalou-, e tamén porque as
Comunidades son imprescindibles para manter os servizos públicos e teñen un
papel fundamental para consolidar o crecemento económico de España.
O titular
do Goberno galego incidiu en que é imprescindible que o Goberno de España sexa
capaz de actualizar os pagos pendentes ás Comunidades para que Galicia poida
aprobar os seus Orzamentos. Así, lembrou que é unha das poucas Comunidades que
sempre foi capaz de aprobalos ano a ano, en tempo en forma. Pero neste momento,
valorou, a inestabilidade política en España, cun Goberno en funcións,
dificulta a aprobación das contas públicas para 2020, tanto para o Goberno
central como para as Comunidades Autónomas.
Non
obstante, Feijóo trasladoulle á ministra que Galicia “vai facer o posible” para
ter Orzamentos e aseguroulle que nestes momentos de incerteza política a
Comunidade vai intentar “achegar certezas e favorecer o crecemento económico”.
O
presidente destacou que a aprobación dos orzamentos é precisamente un dos
compromisos da Xunta fronte a estas incertezas actuais, como son a citada
inestabilidade política en España, a desaceleración en Europa, os efectos do
Brexit ou a tensión comercial entre os Estados Unidos e a China.
Con este
horizonte, quixo deixar claro que a Xunta “non quedará cos brazos cruzados” e
resumiu a responsabilidade e o deber do Goberno galego en tres grandes
compromisos, o citado de aprobar os orzamentos e dous máis: seguir cumprindo as
regras fiscais e seguir traballando na planificación estratéxica.
Nesta liña,
o presidente da Xunta recordou que os datos de Galicia confirman que é posible
compatibilizar o crecemento económico co cumprimento das regras fiscais.
Así,
expúxolle á ministra que pode seguir contando con Galicia, porque Galicia quere
seguir sendo a comunidade de referencia no cumprimento de débeda, o límite de
débeda, a regra de gasto ou o pagamento a provedores. “Queremos seguir
achegando solvencia e credibilidade ao conxunto de España”, subliñou."
Recibirá resposta