viernes, 19 de julio de 2019

Lembrando a Don Xaquín Lorenzo, insigne etnógrafo e xeneroso galeguista, no 30º aniversario do seu pasamento



Asisto onte na biblioteca antiga da Deputación de Ourense a o acto de clausura dunha mesa redonda titulada “Xocas, no ronsel da Xeración Nós”, unha actividade do Parlamento de Galicia e o Museo do Pobo Galego celebrada para conmemorar o 30º aniversario do pasamento do etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo Fernández, falecido o 18 de xullo de 1989, na súa casa de Facós, no concello de Lobeira.

Escoitamos interesantes aportacións sobre a súa figura a cargo do presidente do Consello de Goberno do Museo do Poblo Galego, Justo Beramendi, e os patróns Clodio González Pérez, María Xosé Fernández Cerviño e Xosé Carlos Sierra Rodríguez. Tamén a de Alfonso Vázquez-Monxardín, académico correspondente da Real Academia Galega.

Tamén falaron o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo.

Fixeron memoria das diversas facetas de Xaquín Lorenzo, primeiro nos anos de universitario e das súas primeiras publicacións e tamén o contacto co Seminario de Estudos Galegos no que ingresou como "socio aitivo" cun traballo sobre o carro galego, o 1 de maio de 1926.
Que traballou fundamentalmente nas seccións de Etnografía e Folclore, dirixida por Risco e na de Prehistoria, dirixida por Cuevillas. Participou en distintas campañas promovidas polo Seminario como a catalogación de castros, o estudo de distintas localidades (Velle, Calvos de Randín), e tamén cos seus propios traballos de investigación, que en moitos casos verán a luz na revista Nós. A súa tarefa non só incluía estudos, estivo moi implicado no proxecto de creación dun Museo de Galicia, proxecto que esmorece coa guerra e que aínda que tardiamente verá cumprido coa creación do Museo do Pobo Galego, do que será presidente.
Falaron tamén de que nos anos mozos tamén participou na vida política do país, en 1930 foi nomeado secretario terceiro da Irmandade Galeguista de Ourense e un ano despois apoiou o Manifesto do Partido Nazonalista Republicán, formación na que estaban Risco, Otero Pedrayo, ou Cuevillas entre outros e que logo, xunto con outros grupos, constituirían o Partido Galeguista que a finais deste mesmo ano xa comezaba a agromar. Xaquín Lorenzo sempre se considerou un dos fundadores e participou en mitins, conferencias e traballou a prol do Estatuto de Autonomía.
Finalizada a contenda civil foi nomeado profesor interino de Xeografía e Historia no Instituto de Ourense, ocupou o posto de Otero Pedrayo, apartado da cátedra desde 1937. A súa filiación galeguista non permitiu que seguise no ensino público e no curso 1942-1943 xa forma parte do claustro de profesores do colexio privado Cardenal Cisneros, do que chegou a ser copropietario e director e no que permaneceu ata a súa xubilación en 1981.
Foi ponderado o seu labor de etnógrafo e arqueólogo e como percorre Galicia na busca de datos para os seus estudos; o mar, a terra, os oleiros, os cesteiros, o carro, o xugo, os xogos e cantigas populares estarán presentes na súa obra.
O 16 de setembro de 1951 en Celanova e coincidindo co centenario do nacemento de Curros ingresou como Académico Numerario da Real Academia Galega cun discurso sobre a casa galega que foi contestado en nome da Corporación por Ramón Otero Pedrayo.
Despois dunha vida dedicada á arqueoloxía, á etnografía, á historia e a tantas outras disciplinas, Xaquín María Perfecto Lorenzo Fernández, Xocas, como lle chamaban os seus amigos, morreu na súa casa de Lobeira o 18 de xullo de 1989.
Pechou o acto o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices que dixo “Boa parte das arelas polas que tanto traballaron os galeguistas históricos, e nomeadamente a Xeración Nós, son hoxe unha feliz realidade”.

Recordou, nesta liña, que Galicia dispón das súas propias institucións de autogoberno, “a lingua e a cultura galega brillan con luz propia e maniféstanse con plenitude en todos os ámbitos”. Apuntou que “a nosa Comunidade séntese cómoda como parte indisoluble da España democrática e constitucional, a mesma que nos permite desenvolver todos os nosos potenciais”.

Para o presidente do Parlamento, “Galicia atópase plenamente inserida en Europa e goza dunha proxección exterior que abre portas e incrementa exponencialmente as posibilidades do país, e todo iso sen deixar de cultivar os vínculos fraternais coa América de alén mar, cos irmáns de Portugal e coa lusofonía no seu conxunto”.

Recoñeceu que o Parlamento se suma “encantado” a esta conmemoración, entre outras razóns, polas contribución de Xaquín Lorenzo ao galeguismo e á cultura galega contemporánea, e pola súa entrega á etnografía, que entendía como unha “ferramenta determinante para reafirmar o sentimento colectivo do pobo galego”.

En opinión de Santalices, “Xocas foi un home íntegro e comprometido que consagrou a súa vida á nosa xente e ao universo vital que nos modela e conforma como galegos”.

Alégrome de asistir a este intersante mesa redonda que puxo en valor a enorme categoría humana e persoal de D. Xaquín, unha persoa á que sempre admirei e  cuxos libros etnográficos comprei e lin hai moitos anos, como o titulado "A Casa".