Onte a alemá
Úrsula Von der Leyen, foi elixida polo Parlamento Europeo presidenta
da Comisión Europea. Dos 733 votos depositados, un non foi válido, 383 eurodeputados
votaron a favor, 327 en contra e 22 abstivéronse.
O Parlamento
está composto neste momento por 747 membros, polo que a candidata necesitaba
374 votos favorables para ser elixida (máis da metade da Cámara).A votación,
secreta, efectuouse en urna.
Será a
primeira muller que ocupa a presidencia da CE, tomará posesión o 1 de novembro,
para un mandato de cinco anos.
Sen dúbida no
resultado da votación tivo influencia o discurso previo na sesión plenaria en
Estrasburgo, na que a candidata Von
der Leyen detallou as que serán
as súas prioridades políticas á cabeza da Comisión.
Dixo que a necesidade
“dun planeta saudable representa o noso maior desafío e responsabilidade”.
Von der
Leyen propuxo obxectivos de redución de emisións máis ambiciosos (de
entre o 50% e o 55% en 2030) e comprometeuse a preparar un “tratado verde para
Europa” e unha lei europea sobre clima nos seus primeiros cen días como
presidenta da Comisión. Tamén avanzou que impulsará o investimento sustentable
ata alcanzar un volume dun billón de euros nunha década.
Tamén
considerou que a UE debe establecer unha economía que sirva á xente e, para
iso, debe “repartirse a carga entre todos”, incluídos os xigantes tecnolóxicos
que operan en Europa sen compensar aos cidadáns europeos polo seu acceso ao
capital social e humano da UE.
Afirmou que o
colexio de comisarios respectará o equilibrio de xénero, e tamén apostou por
que a violencia contra as mulleres sexa definida como delito no Tratado da UE e
insistiu en completar a ratificación da Convención de Istambul.
Von der
Leyen reafirmou o seu compromiso co Estado de dereito como valor europeo
e anunciou que planea implantar un mecanismo de vixilancia para toda a UE,
mantendo os procedementos existentes.
Salientou
que os valores europeos tamén obrigan a salvar vidas no mar e deben reflectirse
nunha política fronteiriza humana. Avogou por un “novo pacto sobre migración e
asilo” e a reforma do regulamento de Dublín, e adiantou que o número de gardas
ás ordes de Frontex deberá ascender a 10.000
xa en 2024, no canto de 2027. Todos os Estados membros deberán asumir a súa
responsabilidade, sobre o principio de solidariedade, remarcou.
Von der
Leyen anunciou a posta en marcha dunha Conferencia para Europa en 2020 e
ao longo de dous anos, na que os cidadáns deberán ter un papel activo.
Mostrouse partidaria de reforzar o sistema do candidato principal nas eleccións
europeas, e abriu a porta para reconsiderar a creación de listas
transnacionais. Apoiou o dereito de iniciativa do PE e comprometeuse a presentar unha proposta
lexislativa en resposta a cada resolución que a Cámara aprobe con maioría
absoluta dos seus membros.
As miñas
felicitacións a esta política alemá, que pertence ao Partido Popular Europeo e
que agora terá que dirixirse por carta aos xefes de Estado ou de Goberno para
pedirlles que propoñan candidatos para formar parte da Comisión.
As audiencias
dos comisarios designados ante as comisións parlamentarias correspondentes
están previstas do 30 de setembro ao 8 de outubro. O colexio de comisarios debe
recibir o visto e prace do Parlamento, nunha votación prevista durante a sesión
plenaria do 21 ao 24 de outubro. A votación será nominal e, para ser
confirmado, o colexio terá que recibir unha maioría de votos emitidos.
Algúns dos desafíos que preocupan a Galicia
Desde Galicia esperamos que a nova Comisión que presidirá Von der Leyen sexa sensible as demandas do Goberno galego para que a nosa comunidade siga percibindo as axudas europeas que lle corresponden no vindeiro período orzamentario e se teñan en conta as nosas especificades no reparto dos fondos comunitarios.
A UE deberá ten que ter e debe ter en conta as
peculiaridades demográficas de Galicia, o bo uso que se fai dos fondos europeos,
e que ademais grazas a estes fondos pódense poñer en marcha políticas que
axuden a combater o envellecemento e a despoboación.
A realidade é que en Galicia hai cada vez menos mulleres en
idade fértil, pero ese é un problema que non só sofre a nosa Comunidade, senón
España e a Unión Europea.
Esperamos da nova presidenta que tome interese pola alimentación, a pesca e a agricultura. En relación coa primeira debe recoñecer que sector pesqueiro galego posúe máis da metade do emprego marítimo
pesqueiro en España e o 10% da UE, desembarca case o 70% da pesca fresca en
España e máis do 10% da UE, produce o 85% da conservas españolas de peixe e
mariscos e fai que España sexa a primeira zona produtora de Europa e a segunda
no mundo, e cultiva case o 15% da acuicultura europea e factura case o 5% do
total da UE.
Deberá ter en conta da necesidade de adoptar medidas
precautorias por parte da Unión Europea co obxectivo de protexer os intereses
marítimo-pesqueiros ante o brexit.
Sobre a
Política Agraria Común (PAC) os intereses de Galicia están en que esta política
favoreza a incorporación dos mozos á actividade agraria para potenciar e revitalizar
as zonas rurais, que se aumente o tope máximo da axuda por explotación; o
aumento dun 15% do número de axudas asociadas; o establecemento de medidas que
permitan responder de forma rápida ás oscilacións dos prezos dos produtos
agrarios e dos factores produtivos como os pensos e a enerxía, de forma que os
agricultores poidan manter as súas rendas ante estas continxencias, etc.