Onte o Parlamento de Galicia aprobou a proposición non de
lei, impulsada polo Grupo Popular e coa única abstención do PSOE, a través da
que se demanda ao Goberno central que habilite de maneira urxente os mecanismos
legais correspondentes para transferir a Galicia os 700 millóns de euros
comprometidos para 2019 e que aínda lle adebeda, dos que 330 corresponden ás
entregas á conta de 2019, 200 millóns da devolución da mensualidade do IVE de
2017 e 170 dos incentivos por cumprir todos os parámetros de estabilidade
orzamentaria en 2017 e 2018.
Pedro Puy lembrou que 530 millóns desta débeda,
correspondentes ás partidas das entregas a conta e da mensualidade do IVE,
“están incluídos nos orzamentos da Xunta para o presente exercicio”, polo que
alertou de que a falta de abono por parte do Goberno central “pode orixinar
presións para o cumprimento do déficit por parte de Galicia e problemas de
liquidez na Tesourería da Comunidade Autónoma, poñendo en perigo o mantemento
de Galicia como a comunidade que máis rápido paga aos seus provedores”.
“E o que podería ser peor: se a transferencia non se
produce antes de que remate o presente ano podería derivar nun axuste no gasto
da Comunidade galega”, alertou.
O portavoz popular lembrou que o Goberno central “ten
saídas e antecedentes” para facer fronte ao abono desta débeda á Comunidade
galega, como proceder á autorización de anticipos (como se fixo nos anos 2005 e
2007) ou á aprobación de decretos-lei por razóns de urxencia en materia de
financiamento (do mesmo xeito que acontecera en 2016).
ANTECEDENTES E
MECANISMOS
O portavoz popular manifestou que “se hai antecedentes e
hai mecanismos para facer fronte a estes pagos o que queda é unha sospeita: a
cuestión non se resolveu cando se aprobaban todos os venres decretos antes das
eleccións, o Grupo Socialista está condicionando o pago do que lle corresponde
a Galicia a un proceso de investidura que non ten que producirse para que
Galicia teña estes recursos; e, finalmente, se da a circunstancia de que o
Estado está a ingresar eses recursos, e algúns membros do Goberno comezan a
barallar a hipótese de novas eleccións, co que a asfixia da Xunta e outras
comunidades autónomas beneficiaría a un goberno en funcións que entraría nunha
nova campaña electoral”.
Neste sentido, demandou coherencia aos socialistas galegos
logo de que a comezos do pasado ano 2018 cualificaran de “chantaxe intolerable”
ou de “quebranto” que o Goberno de Mariano Rajoy retrasara o pago das entregas
a conta correspondentes a 2017, “a pesar de que daquelas finalmente se
aprobaron os orzamentos e Galicia recibiu o acordado sen ningún problema”. Así,
lamentou que os socialistas se abstiveran na votación desta proposición non de
lei, “nunha cuestión de tanta importancia para a Comunidade galega”.
Neste sentido, lembrou que “é a primeira vez na historia
da autonomía que a Galicia non se lle transfiren os recursos aos que
comprometeu o Estado e á vez non hai perspectivas de que se aproben os
orzamentos xerais”. “Galicia debe ter o que lle corresponde e o que ten
dereito”, demandou Pedro Puy.
Imos secundar desde o
Congreso dos Deputados esta xusta reclamación do Parlamento de Galicia.