martes, 20 de agosto de 2019

O número de hoteis galegos medrou máis dun 8% na última década. Ourense conta con 93 hoteis

Informa a Xunta na web que o número de hoteis galegos medrou máis dun 8% na última década, pasando dos 839 establecementos rexistrados no 2009 aos máis de 900 que existen na actualidade. 


Así se reflicte no informe Dinamismo do sector hoteleiro en Galicia 2009-2019 que presentaron onte o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro. Del se desprende que os hoteis concentran o 69% da demanda turística da Comunidade, é dicir, que de cada dez pernoitas que realizan os turistas, sete teñen lugar en hoteis.

Ao longo deste tempo, o número de turistas aloxados en establecementos hoteleiros aumentou un 23%, pasando de 3,4 en 2009 a case 4,2 en 2018. Ademais, a cifra de pernoitas que realizaron estivo preto dos 8,5 millóns, o que supón unha suba do 13,7%.

Segundo o estudo presentado, e baseado en datos oficiais do Instituto Galego de Estatística (IGE) e do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia (REAT), a nosa Comunidade conta na actualidade cunhas 2.800 prazas hoteleiras máis que hai dez anos, o que o sitúa preto dun total de 55.000. Neste sentido, o titular de Cultura e Turismo da Xunta sinalou que estes datos reflicten o “peso específico” do sector hoteleiro na nosa economía, así como a súa capacidade para adaptarse “aos cambios dos últimos anos” grazas a súa aposta permanente pola mellora da calidade e da competitividade.

Na rolda de prensa ambos dirixentes anunciaron, así mesmo, a resolución da convocatoria de axudas por valor de 1,2 millóns de euros a 70 establecementos para acometer melloras de modernización, accesibilidade ou aforro enerxético no marco do Plan MAT de Mellora de Aloxamentos Turísticos, ao que o Goberno autonómico está a destinar máis de 5 millóns de euros en dous anos.

Evolución e reparto xeográfico

Román Rodríguez explicou que o incremento no número de establecementos se rexistrou na meirande parte das categorías de aloxamento, acadando especialmente unha maior evolución nos hoteis de catro estrelas, que medraron máis dun 30%, algo que reflicte “a crecente profesionalización do sector e a súa aposta pola excelencia”.

Do mesmo xeito, as catro provincias teñen hoxe máis hoteis que hai dez anos, especialmente A Coruña e Lugo, cun incremento do 13,3% e do 10,4%, respectivamente; seguidas de Ourense e Pontevedra, cun alza do 9,4% e do 3,8%. Esta tendencia á alza reflíctese tamén no número de prazas ofertadas, que medraron un 7,5% no caso de Lugo, un 7,6% na provincia de Ourense e un 5,5% e un 4,4% na Coruña e Pontevedra.

A provincia pontevedresa encabeza a clasificación tanto no número de prazas como no de establecementos, con 25.780 repartidas en 407 negocios. En segundo lugar atópase A Coruña, con 18.357 en 280 hoteis. Pola súa banda, Lugo conta con 6.285 prazas repartidas en 127 establecementos e Ourense con 4.538 nun total de 93 hoteis.

O estudo presentado hoxe amosa ademais a pegada do sector en toda a xeografía galega. Así pois, segundo os datos expostos polo titular de Cultura e Turismo, preto o 59% dos concellos contan con algún hotel dentro do seu territorio, mentres que se falamos de establecementos hoteleiros en xeral (hoteis e pensións) a cifra sitúase por enriba do 80%. “Isto amosa a gran implantación do sector en toda Galicia, con presenza no rural e ámbito no urbano, nas zonas de costa e no interior”, remarcou.

Influencia no ámbito rural
Este feito, como concretou Román Rodríguez, permite avanzar “en dúas das liñas estratéxicas da Xunta en materia turística”, como son a descentralización da oferta, “facendo que cada vez cheguen máis viaxeiros a toda Galicia”, pero tamén na desestacionalización do turismo, “favorecendo que cheguen turistas en calquera época do ano para gozar dos distintos valores de cada territorio”.

No que respecta á oferta por concellos, Sanxenxo é o que acumula un maior número de prazas hoteleiras seguido de Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña e O Grove. Por outra banda, o indicador que mide as prazas hoteleiras por cada 100 habitantes amosa que o municipio cunha maior oferta en relación á súa poboación é Mondariz-Balneario, debido “ao pulo do turismo termal”.


Ségueno concellos como Sanxenxo e O Grove e outras vilas do rural lucense e ourensán como Pantón, Lobios ou Cenlle, “o que amosa a importancia do sector hoteleiro á hora de fixar poboación e crear postos de traballo estables e de calidade nos concellos do rural”, declarou o conselleiro.

Máis ingresos e máis competitividade
Román Rodríguez puxo como exemplo do “dinamismo” do sector hoteleiro galego o aumento do 10,2% nos seus ingresos durante o primeiro semestre do ano, superando a cifra dos 118 millóns de euros. “Temos un sector máis rendible e competitivo, capaz de xerar máis emprego de calidade durante todo o ano e en toda Galicia”, destacou.

De manterse esta tendencia, remataría o ano superando o volume de negocio do ano pasado, cando rozou os 300 millóns de euros de ingreso, un 38% máis que hai un lustro.

Neste sentido, lembrou a aposta do Goberno autonómico por impulsar un turismo vencellado á calidade e á excelencia, así como á profesionalización e á mellora da competitividade do sector “favorecendo que os nosos viaxeiros queden máis tempo na Comunidade, realicen un maior gasto e xeren máis riqueza”.

Plan MAT de Mellora de Aloxamentos Turísticos
Román Rodríguez lembrou que a aposta por un turismo de calidade é un dos principais obxectivos do Plan MAT de Mellora de Aloxamentos Turísticos, unha estratexia que ten como obxectivo favorecer a renovación e modernización dos establecementos da Comunidade coa ollada posta no “gran reto” que para o sector suporá a celebración do próximo Xacobeo 21, unha cita na que a Xunta está a traballar intensamente.

Precisamente, avanzou a resolución dunha liña de axudas dentro deste plan dotada con máis de 1,2 millóns de euros que beneficiarán a 70 establecementos de toda Galicia e mobilizarán 4 millóns de euros. Este investimento permitirá acometer, entre outras actuacións, melloras de accesibilidade, modernización de instalacións, innovación, prestación de servizos ou aforro enerxético.

Pontevedra recibe o 54% das axudas
A meirande parte das axudas, un 54%, se concentran na provincia de Pontevedra, mentres que máis dun 66% das subvencións se destinan á mellora de hoteis, aínda que tamén acadan ao turismo rural, pensións, cámpings, apartamentos e albergues.

A este investimento, puntualizou o conselleiro, cómpre sumarlle un millón de euros adicional que a Consellería de Cultura e Turismo xa investiu o pasado 2018 en axudas a 54 empresas do sector para acometer actuacións de melloras en infraestruturas de establecementos turísticos de aloxamento de toda Galicia. Así mesmo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria habilitou, como parte do programa Reforma Tur, 3 millóns de euros dirixidos a 500 establecementos. En conxunto, desde 2018 o Goberno galego está a colaborar coa renovación de uns 625 establecementos cunha partida de 5 millóns de euros.