sábado, 3 de agosto de 2019

Na inauguración da XL "Festa do Pemento da Arnoia"


Asisto onte ao acto inaugural da "Festa do Pemento da Arnoia", unha celebración que leva 40 edicións, e que está adicada a amosar a calidade deste produto fundamental da nosa gastronomía e que nesta ocasión, os organizadores prevén superar os dez mil visitantes e un consumo de máis de 3.200 quilos de pementos.

A festa, iniciada no ano 1980 e actualmente declarada de Interese Turístico Galego, converteuse nun referente gastronómico, logrando que este produto acadase en 2013 a distinción de ser amparado pola Indicación Xeográfica protexida (IXP) "Pemento da Arnoia".

Esta celebración, coa que colabora a Deputación de Ourense, é unha das máis importantes do "calendario gastronómico do verán galego que segue a ser un éxito en cada edición", dixo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

Pola súa parte, o alcalde de Arnoia Rodrigo Aparicio dixo que o programa desta 40ª edición mestura "actividades gastronómicas, turísticas, culturais, deportivas e automobilísticas", xunto coa novidade deste ano: "a primeira anada dun licor elaborado a base de pemento da Arnoia".

O conselleiro do Medio Rural, José González, tamén participou na inauguración da XL Festa do pemento de Arnoia, que se celebra dende hoxe e ata o domingo neste concello ourensán.
Durante a súa intervención, José González explicou que a Xunta aposta pola calidade como xeito de revalorizar os produtos agroalimentarios galegos. De feito, ese é un dos piares da estratexia a seguir pola Consellería do Medio Rural. Neste aspecto, o conselleiro destacou o bo facer dos gandeiros e agricultores galegos, de aí a súa aposta para que sexa coñecido dentro e fóra das nosas fronteiras. Segundo José González, o xeito de competir cos grandes produtores non é a través da cantidade, senón da calidade.
Por iso, a Consellería do Medio Rural conta cunha liña de axudas específica para apoiar o funcionamento dos consellos reguladores, dotada con medio millón de euros e a través da cal a IXP do pemento de Arnoia recibirá 11.700 euros para cubrir todo tipo de gastos de funcionamento e facilitar o seu labor ao longo do presente exercicio.
Ademais, o conselleiro recordou que está aberto tamén o prazo de solicitude das axudas para realizar investimentos nas explotacións agrícolas de produción vexetal, que contan cun orzamento dun millón de euros para este ano. Estas achegas, que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), pretenden mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a súa reestruturación e modernización.
Así, poderán ser beneficiarios destas axudas todos aqueles titulares de explotacións agrícolas que estean inscritos no Rexistro de Explotacións Agraria de Galicia (Reaga) e que teñan unha orientación baseada na horticultura ao aire libre ou en invernadoiro, horticultura e cultivos diversos, cultivos leñosos, sementes e plántula de hortalizas ou de pataca.
Mobilización de terras
Durante a inauguración, o conselleiro do Medio Rural tamén lembrou aos veciños que neste mesmo concello se puxo en marcha unha parcela piloto de 2.500 metros cadrados para desenvolver probas e mellorar a produción de pemento. Deste xeito, a través dunha mesma iniciativa, conséguense dous obxectivos: recuperar terras e incrementar a calidade e a produción.
Ademais, segundo avanzou o conselleiro, os técnicos de Medio Rural xa están valorando novos proxectos de mobilización de terreos nunha zona ao carón do río, co obxectivo de poñer a producir novos predios.