Poucas veces teño escrito neste blog sobre temas de
pesca, cecais pola miña condición de
ourensán e dicir da provincia sen mar. Nembargantes no verán na localidade mariñeira
de Baiona teño máis oportunidade de acercarme ao mundo da pesca e da
problemática do furtivismo.
Precisamente
onte vin no peirao desa Vila vin entrar un barco do Servizo de Gardacostas de Galicia
e por iso reseño a nova que divulga hoxe a web da Xunta de que “o Servizo de
Gardacostas de Galicia realizou o mes pasado case 150 inspeccións de loita
contra o furtivismo nas praias galegas e detectou un total de 67 infraccións.
Estes datos supoñen un incremento nos dous casos de arredor do 75% respecto a
xullo do ano pasado e son froito do reforzamento dos controis por parte do
Executivo galego para atallar tanto o furtivismo considerado profesional como o
coñecido como de bañador, realizado por bañistas e turistas. Así o destacou
hoxe a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a súa visita ao posto da
campaña de sensibilización á cidadanía Non sexas pirata! Á praia vense a gozar,
non saquear, na praia Grande de Miño.
A titular de Mar salientou que a actividade habitual
dos gardacostas para frear a actividade irregular nas costas galegas debe
complementarse no verán con inspeccións nos areais para evitar que os bañistas
prexudiquen o traballo dos mariscadores e lastren os seus ingresos. Estas
accións nas praias, lembrou, acompáñanse con iniciativas como a campaña de
sensibilización dos cidadáns para facerlles comprender todo o traballo que
implica o marisqueo -desde a sementeira do marisco ata a limpeza das praias- e
o dano que causa aos profesionais do sector a súa extracción de xeito ilegal.
Por iso, o Executivo galego reforzou este ano as
actividades da campaña Non sexas pirata! co obxectivo de levala ata 45 areais e
35 concellos, fronte ás 35 praias e 21 concellos visitados o ano pasado. Estas
accións comezaron a mediados de xullo e desenvólvense ata que remate o mes
percorrendo distintas localidades das tres provincias costeiras galegas.
“O obxectivo é concienciar aos turistas para que
coñezan o traballo dos mariscadores, sexan responsables e non extraian
marisco”, destacou Rosa Quintana, que lembrou que este é un problema
socioeconómico, medioambiental e de saúde, posto que o consumo de marisco
extraído e comercializado de xeito ilegal supón un risco para o consumidor ao
non ter pasado ningún tipo de control que o avale.
A campaña Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non
saquear engádese a outras accións de sensibilización da Consellería do Mar como
o proxecto piloto desenvolvido no 2016 de entrega de 5.000 paipais en diversas
confrarías da provincia de Pontevedra con mensaxes de concienciación. Outra é a
aplicación móbil Non piques, non peques, que leva arredor de 12.000 descargas
nas distintas plataformas móbil e que contén información sobre a época óptima
de consumo dos produtos do mar.”