lunes, 30 de septiembre de 2019

Pechar abruptamente a central térmica de As Pontes, sen alternativas industriais, vai en contra dunha transición enerxética ordenada


A pasada semana recibíamos unha pésima noticia, o anuncio de ENDESA de peche da central térmica de As Pontes, despois de cinco meses sen practicamente actividade nas súas instalacións


Primeiro foi o caso de Naturgy con Meirama en Cerceda. Onde xa se anunciou o peche da instalación a mediados de 2020, e que xa leva meses paralizada.

Certamente este anuncio vén provocado por unha decisión temeraria do Goberno socialista, cuxa vontade política, como xa ten demostrado en Meirama, é o peche das centrais térmicas sen ofrecer alternativas industriais para Galicia e, sobre todo, para as comarcas máis afectadas.

Estamos ante un Goberno desconectado da realidade, o que se traduce nun Brexit enerxético a Galicia:

• O peche das centrais das Pontes e Meirama provoca que Galicia pase de ser excedentaria a deficitaria na produción de enerxía e, mentres tanto, España importa enerxía de Marrocos que emprega a mesma tecnoloxía que nas Pontes pero sen os controis da UE.

• Non se trata polo tanto dunha transición enerxética, senón dunha ruptura enerxética con Galicia, unha transición enerxética á nada.

A nosa preocupación é máxima porque o Goberno debe asumir dunha vez as súas responsabilidades. Por iso desde o PPdeG, avogamos por crear unha  fronte común: 

• O que está acontecendo non é xusto para Galicia. 
• Non nos merecemos o trato que nos está dando o Goberno de España.
• E non imos aceptar o peche das centrais térmicas a cambio de nada.

O Goberno tivo sempre nas súas mans a posibilidade de facer unha transición enerxética xusta e ordenada:

• eliminando o céntimo verde ao carbón,
• executando os mecanismos de compensación por CO2,
• ou con retribucións específicas nos casos que se use biomasa forestal para o funcionamento das centrais. 

Onte o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, mantivo unha reunión co presidentes provinciais do partido na Coruña e Lugo, Diego Calvo e Elena Candia, á que asistiron alcaldes e portavoces dos concellos da área de Ferrolterra, Eume, Ortegal e da Terra Chá para abordar a problemática derivada do anuncio de peche da central térmica de As Pontes.

Logo desta xuntanza, Tellado declarou que “o PSOE quere asinar o certificado de defunción desta comarca” ao forzar a clausura dunha central que estaba levando a cabo un plan de investimentos para alongar a súa vida útil ata o ano 2045 e que operaba respectando toda a normativa medioambiental da Unión Europea.

“Este foi o obxectivo do Goberno Sánchez desde o primeiro día”, incidiu o número dous dos populares galegos, e preguntouse se as mesmas ministras de Industria e de Transición Ecolóxica que levan meses falando alegremente de pechar as térmicas van vir a As Pontes a mirarlle á cara aos traballadores e dicirlle que se van para a casa sen ningunha alternativa.

No mesmo sentido, Tellado lembrou que “hoxe son estas 750 familias, pero mañá poden ser moitas máis, porque hai moitas industrias ameazas polas políticas erráticas dos socialistas”. Sobre isto, lembrou os problemas que están a atravesar as empresas electrointensivas (con especial atención a Alcoa en San Cibrao), a falta de carga de traballo no naval ferrolán, a persecución dos motores de combustión e os seus efectos no sector da automoción, ou a vontade do Goberno de pechar a factoría de ENCE en Pontevedra”. “Pedro Sánchez quere converter Galicia nun deserto industrial e non llelo podemos permitir”, insistiu.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta