O Pleno do
Parlamento aprobou hoxe 58 resolucións no Debate sobre o Estado da Autonomía,
das que 24 saíron adiante logo de acordos entre o Grupo Popular e os grupos da
oposición. O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, sinalou que
"este Debate do Estado da Autonomía demostrou que este Goberno, e a
maioría parlamentaria que o sustenta, teñen máis impulso e máis ganas de
traballar por Galicia ca nunca" e contrapúxoo con que "en fronte tamén
vemos unha alternativa menos sólida ca nunca".
Miguel Tellado
salientou que máis do 40 por cento das resolucións aprobadas no Debate sobre o
Estado da Autonomía “saíran adiante logo de acordos cos grupos da oposición, a
través de transaccións ou co voto directo do Grupo Popular, o que demostra o
talante dialogante, negociador e aberto ao consenso do Partido Popular de
Galicia”.
GOBERNO QUE GOBERNA
Así mesmo,
lembrou que o Presidente Feijóo presentouse este mércores ante toda Galicia con
medidas "para xestionar a Galicia dos vindeiros 12 meses e para planificar
a Galicia dos vindeiros 12 anos”. "Porque iso é o que fai un Goberno que
goberna: estuda os problemas da súa terra, pensa, planifica e traballa para
solucionalos", salientou
Así, comparou a
realidade da Xunta coa dun Goberno central "que non Goberna, que crea
problemas onde non os había, utiliza os recursos do Goberno en facer campaña
electoral e supedita os intereses dun territorio aos intereses do partido e do
presidente".
Deste modo,
incidiu na "longa lista de agravios e traizóns que cometeu Sánchez con
Galicia nestes meses" e exemplificouno coa débeda impagada de 700 millóns
de euros, a ralentización do naval, a negativa a aprobar o estatuto de
electrointensivas, a vontade de pechar ENCE, o dieselazo e a contracción do
sector do automóbil ou o peche das térmicas.