Dando continuidade
ao Debate sobre o Estado da Autonomía
hoxe pola mañá o Grupo Popular, por mediación do viceportavoz do Miguel
Tellado, presentou as 40 propostas de resolución rexistradas entre as que
destaca a solicitude ao Goberno central do pago dos 700 millóns de euros que
debe a Galicia e a posta en marcha do Plan Estratéxico de Galicia 2021, ademais
de medidas dirixidas ao medio rural, o desenvolvemento industrial, o turismo,
os servizos públicos, a violencia de xénero e a lealdade institucional. Tellado
amosou a “disposición ao diálogo do PPdeG para chegar a acordos cos grupos da
oposición, porque os galegos demandan unidade no establecemento de prioridades
e na defensa dos intereses de Galicia”.
Miguel Tellado
iniciou a súa intervención facendo unha valoración da primeira xornada do
Debate sobre o Estado da Autonomía celebrada onte e destacou que “vimos a un
Presidente da Xunta que pensa en xestionar os doce meses que quedan desta
lexislatura e tamén planificar a Galicia dos vindeiros 12 anos”. “Para iso,
fixo 90 anuncios de moito calado, entre os que destaca a aprobación dos
orzamentos da Xunta para 2020, a mellor imaxe da estabilidade política que se
vive en Galicia”, indicou.
Respecto dos
grupos da oposición, lamentou que “están desnortados, co mesmo discurso de sempre,
coa mesma falta de proxecto e con menos liderado que nunca”. Así mesmo, dixo
que “non teñen ideas para que Galicia avance e non son capaces de apoiar ao
Goberno galego cando presenta medidas positivas”. “Os galegos teñen un
Presidente con quen contar, pero non poden contar para nada cos grupos da
oposición”, indicou.
Respecto das
propostas de resolución rexistradas polo Grupo Popular, Miguel Tellado
concretou que “pódense agrupar sete grandes apartados: economía; rural galego;
Galicia Verde; industria e emprego; servizos públicos; turismo e cultura galega;
e institucional.
Dentro do
apartado económico, o viceportavoz popular explicou que “urximos ao Goberno
central que transfira de inmediato á Comunidade galega os 700 millóns de euros
comprometidos en 2019 e que aínda debe”, así como ínstase á Xunta a aprobar, no
primeiro semestre de 2020, o Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030, cos retos e
liñas estratéxicas para a vindeira década.
LEXISLATURA DO RURAL
“Estamos na
lexislatura do rural galego e deste
xeito desde o Grupo Popular formulamos propostas para seguir mellorando o nivel
de vida dos galegos que queiran vivir no noso rural”, sinalou. Así, demándase o
desenvolvemento dun novo paquete de medidas de impulso fiscal ao rural, tanto a
través de tributos que dependan de Galicia como solicitando ao Goberno central
que faga o propio nos impostos estatais; que se dote aos concellos do rural
galego de novos servizos; avanzar na loita contra os incendios forestais; e establecer
un sistema de xestión de dexeccións gandeiras.
No que respecta á
Galicia Verde, o Grupo Popular solicita a declaración do estado de emerxencia
climática en Galicia, que deberá compaxinarse coas necesidades de emprego e
industria en Galicia; a aprobación dun Plan de eficiencia enerxética 2020-2024
dirixido á redución do consumo enerxético polas familias galegas; e a posta en
marcha, en colaboración con concellos e deputacións, dun ciclo integral da
auga.
Dentro deste
apartado, Tellado indicou que “fixamos a nosa atención na mellora da mobilidade
en Galicia, pedindo melloras tanto no transporte publico como no privado”. “Neste
punto, merece unha mención especial a chegada do AVE a Galicia, polo que
solicitamos ao Goberno de España que cumpra os prazos comprometidos para que
estea en probas antes de que remate o presente ano 2019 e que estea funcionando
en 2020 con todas as garantías de seguridade; así como a renovación das
conexións ferroviarias de mercadorías de Galicia, aproveitando a chegada do
novo ramal do Corredor Atlántico que conectará o noroeste peninsular”, engadiu.
Un cuarto
apartado das propostas de resolución presentadas polo Grupo Popular ten que ver
co ámbito industrial e de emprego. En concreto, declárase o apoio a todos os
sectores industriais de Galicia, demandando medidas específicas que garantan a
continuidade do emprego nas centrais térmicas de As Pontes e Meirama; na
factoría de Alcoa en San Cibrao; de Partner en A Coruña; MEGASA;
Ferroatlántica; e a totalidade de empresas electrointensivas de Galicia, ao que
se suma a demanda dunha nova estratexia de innovación para pequenas e medianas
empresas e a planificación de novos ámbitos de solo residencial destinados á
construción de vivendas protexidas nas cidades galegas.
No ámbito
pesqueiro, o Grupo Popular amosa a preocupación pola crecente presenza de
plásticos e mocroplásticos no mar, ao tempo que solicita o impulso de accións
que faciliten unha remuda xeracional na pesca galega.
EMPREGABILIDADE DAS MULLERES
No que respecta
ao emprego, as propostas de resolución demandan promover a empregabilidade das
mulleres nos sectores industriais con maior presenza de homes; así como
mellorar as condicións de traballo dos empregados públicos.
Dentro do
apartado de servizos públicos, o Grupo Popular solicita a mellora do ensino
galego, cunha aposta polos idiomas, as tecnoloxías e a innovación educativa; a
definición dunha estratexia galega de Formación Profesional 2020-2030; e a
modernización e racionalización das titulacións universitarias. No ámbito da
sanidade, pide a execución dos 102 millóns de euros do Plan Galego de Atención
Primaria 2019-2021; e demándanse, tanto á Xunta como ao Goberno central,
recursos suficientes para a estabilización do persoal e as súas condicións
laborais, así como para o estudo das novas enfermidade e os desafíos
sanitarios. E, por último, en servizos sociais incídese na necesidade de
ampliar as prestacións da Tarxeta Benvida; pero tamén demanda a actualización
da Axenda Social Única no primeiro semestre de 2020; e o reforzo da atención ás
persoas maiores na súa contorna.
As propostas de
resolución do Grupo Popular tamén incorporan medidas dirixidas ao turismo e a
cultura galega. Así, considérase fundamental o desenvolvemento do Plan
Estratéxico do Xacobeo 2021, e tamén o fomento do turismo interior.
No ámbito
cultural, solicítase a posta en marcha da Estratexia da Cultura Galega,
desenvolvendo as súas 100 primeiras medidas no primeiro semestre de 2020; e
reivindícase a colaboración de todas as institucións para celebrar o centenario
da Xeración Nós e o impulso de medidas que fomenten a transmisión da lingua
galega.
LEALDADE INSTITUCIONAL
Un último apartado
das propostas de resolución do Grupo Popular incorpora medidas no ámbito
institucional. En concreto, unha primeira esixe ao Goberno de España que
reconduza as súas relacións coa Xunta baixo o principio de lealdade
institucional, de xeito que non se tomen decisións unilaterais que afecten de
xeito negativo ao exercicio de competencias de cadaquén.
Así mesmo,
incídese na necesidade de reformar a Lei orgánica de réxime electoral xeral, de
xeito que se dote de maior estabilidade ás institucións a través de mecanismos
que garantan o acceso aos gobernos daquelas candidaturas que acaden un maior
apoio popular nos distintos procesos electorais.
Outras propostas
incluídas neste apartado van dirixidas á extensión á totalidade dos xulgados
galegos do modelos de salas de vistas integramente dixitais; o reforzo da
participación rexional nas institucións europeas, de xeito que se palíe as
consecuencias da saída do Reino Unido da Unión Europea; que se favoreza a
integración familiar e persoal das persoas retornadas; e a solidariedade co
pobo de Venezuela, ante a grave crise económica, política e social que está a
vivir este país, en especial as persoas galegas alí residentes.
Para rematar, un
dos aspectos que o Grupo Popular considera máis relevantes dentro deste
apartado é a condena rotunda de todo tipo de violencia contra a muller, ao
tempo que tamén se condena todo tipo de violencia terrorista, felicitando ás
forzas de seguridade do Estado polas actuacións que permitiron a
desarticulación de grupos terroristas. Unha última, solicita que as distintas
administracións leven a cabo actuacións encamiñadas en materia de memoria
histórica.