martes, 3 de septiembre de 2019

Apremiando ao Goberno socialista en funcións a urxente licitación das obras do tramo Eirasvedras-Quintela da variante de Ourense

Esta mañá os deputados ourensáns no Congreso, Celso Delgado e Ana Vázquez, apremiamos ao goberno socialista en funcións para que, dun xeito urxente, proceda a licitación das obras correspondentes ao tramo da variante norte de Ourense, Eirasvedras-Quintela. Unha situación, dicimos “para a que no quedan máis escusas cando tan só restan catro meses para licitar os traballos”.

Na nota de prensa manifestamos que: “Xa en xullo e grazas a unha pregunta parlamentaria dos deputados Celso Delgado e Ana Vázquez, relativa á variante norte de Ourense, coñecíase que por fin o citado proxecto fora sometido á Auditoría de Seguridade Viaria -despois de meses de longa espera- e tamén que o proxecto de construción do tramo Eirasvedras e a estrada N-120, no seu  punto qm. 573,800, ata a ligazón de Quintela, no seu pq. 572,000, fora aprobado pola Dirección Xeral de Estradas o pasado día 22 de abril de 2019 cun orzamento de licitación de 34,31 millóns de euros.

Unha esperada nova que se tiña que producir no ano 2018, pero que foi deliberadamente adiada polos novos responsables socialistas do Ministerio de Fomento.

Requerido polos deputados sobre as previsións de licitación, o ministerio respondía o 3 de xullo, sen comprometer data algunha, que “tratándose dunha das actuacións prioritarias, procederase a licitar as obras na medida que o permita a dispoñibilidade orzamentaria”.

Neste punto e cando xa non caben máis escusas, compre lembrar de novo que nos Orzamentos Xerais do Estado -elaborados polo executivo de Rajoy e aínda prorrogados-  existe unha partida consignada de 2,5 millóns de euros para licitar as obras deste tramo e, polo tanto, existe claramente disponibilidade orzamantaria e o único que é preciso e vontade política de licitar.

Compre non esquecer tamén que Pedro Sánchez presentou a principios deste ano un proxecto de OXE para 2019 no que para este tramo non existía consignación alguna, o que provocou enormes protestas. Afortunadamente estos orzamentos foron rexeitados.

Mentres o goberno en funcións de Pedro Sánchez marxina a variante norte de Ourense, segue a licitar contratos de obras doutras estradas en varias provincias do Estado, como por exemplo:

-Obras autovía A-12, do Camiño de Santiago. Tramo: Santo Domingo da Calzada-Villamayor do Río (14,4 qm), na Rioxa e Burgos, cun orzamento de licitación de 97,6 millóns de euros. BOE do 23 de xullo.

-Obras da nova ligazón na autovía A-67, Cantabria-Meseta, punto qm 108,750 ao 110,500 (1,8 qm). Tramo: Aguilar de Campoo-Mataporquera”, na provincia de Palencia e a comunidade autónoma de Cantabria, cun orzamento de licitación que ascende a 4 millóns de euros BOE do 21 de agosto.


O presidente Sánchez ten a responsabilidade, e tamén a capacidade, de impulsar unha das infraestruturas máis urxentes e importantes para Ourense, como é a variante norte, e polo tanto os deputados ourensáns do PP no Congreso esiximos ao Goberno que leve xa ao Consello de  Ministros este expediente é licite as obras do tramo Eirasvedras-Quintela e deixe de expoñer condicionantes orzamentarios, inxustificados. “