jueves, 12 de septiembre de 2019

No faladoiro de Voces de Galicia de Radio Voz


Participo esta  mañá, vía telefónica desde Madrid, no  faladoiro  do programa Voces de Galicia de Radio Voz, que  moderou Antía Díaz  na que  interveu  tamén a  deputada María Vilas.

Falamos en primeiro lugar de que hoxe mesmo a presidenta do Congreso,  Meritxell  Batet, acode á Zarzuela para informar o xefe do Estado e poñer en marcha o proceso de consultas aos representantes dos partidos políticos para constatar se hai un candidato con posibilidades de ser elixido presidente do Goberno ou ben, certificar o fin da lexislatura iniciada o 28 de abril cunha nova convocatoria electoral.

Dixen que a comparecencia de onte de Sánchez foi un novo acto electoral e constatamos que no presidente priman sempre as súas ambicións persoais ao interese xeral do país. Demostrou un nulo interese en concitar apoios e o seu desprezo polos cidadáns que maioríatariamente rexeitan unha nova convocatoria de eleccións, o que supoñería un monumental fracaso.

Acreditou que nunca quixo a coalición con Podemos e que tampouco buscou dar contrapartidas a abstención do PP e  Cs.

Dixen que España non merece unhas novas eleccións pero tampouco merece un presidente como Sánchez incapaz de resolver a situación de inestabilidade e o bloqueo no que se atopa España.

Lembrei  que aínda que o PP non apoiará a candidatura de Sánchez, ofreceulle ata once pactos de Estado, respaldo internacional para políticas de seguridade, e apoio para non subir impostos e en materia de emerxencia social tras as malas cifras económicas e os datos de aumento de paro.

A moderadora propúxonos falar a continuación da carta que o presidente dá Xunta Alberto Núñez Feijóo, remitiu ao presidente do Goberno central en funcións, cunha proposta de Real Decreto-lei, validada polos servizos xurídicos da Administración autonómica, que habilitaría ao Executivo de España a ingresar os recursos que debe ás comunidades.

Unha carta pedíndolle, en primeiro lugar, que deixe de bloquear á sanidade, os servizos sociais, a dependencia e a educación de todas ás comunidades autónomas. Dixen que ese Real Decreto-lei podería ser convalidado no Congreso dos Deputados a vindeira semana, co fin de que Galicia poida recibir os 700 millóns que os galegos pagamos nos impostos desde xaneiro.
O que é absolutamente inaceptable é  chantaxear ás Comunidades Autónomas dicindo que se queren recibir os fondos os seus partidos políticos deben absterse e propiciar a investidura de Sánchez, engadín.

Finalmente falamos das diferenzas económicas en renda entre barrios dunha mesma cidade e da iniciativa do Goberno galego solicitando á empresa concesionaria da Ponte de Rande para iluminar os piares da ponte, de máis de 100 metros de altura, nos seus máis de 150 tirantes e os seus taboleiros, voando a 45 metros sobre a ría.