O grupo parlamentario popular esixe ao
Goberno socialista que poña fin ao bloqueo de recursos financeiros de concellos
e deputacións e explique as razóns da falta de pagamento. Nesta liña, os
deputados ourensáns, Ana Vázquez Blanco e Celso Delgado, rexistramos unha serie
de preguntas nas que se interesan pola débeda do Estado aos 92 concellos da
provincia de Ourense e que medidas vai adoptar o Goberno para poñer fin a esta
situación.
O grupo parlamentario popular
interpela ao Executivo sobre os motivos polos que o Goberno non cumpriu coas
súas obrigacións legais, e de raíz constitucional, para transferir a
actualización dos recursos derivados da participación dos ingresos do Estado e
do resto de recursos financeiros que corresponden ás entidades locais. Un
bloqueo inxustificado de importes, denunciamos, que está a provocar tensións
financeiras inaceptables nos concellos e que se traducen en menores e peores
servizos públicos para os cidadáns.
Igual que ocorreu co financiamento das
comunidades autónomas, o Goberno de Sánchez apela á concorrencia dun orzamento
prorrogado e ás limitacións dun Goberno en funcións para negar un dereito das
entidades locais e, por conseguinte, dos cidadáns que residen en cada unha
delas.
Na nosa opinión, resulta un paradoxo dificilmente aceptable que o libramento dos recursos económicos por parte do Estado ás entidades locais sexa posto en cuestión por un Goberno que non tivo reparos en aprobar reais decretos leis que crean novos dereitos económicos, facendo estalar o teito de gasto non financeiro do Estado e crebando a ordenación xurídica sobre estabilidade orzamentaria.
Neste
sentido, reclamamos a través das distintas iniciativas presentadas por todo o grupo
parlamentario popular a cuantificación do impacto económico financeiro que a
devandita falta de pagamento está a provocar en cada entidade local en España;
cando e de que modo cubrirá o Goberno o esforzo orzamentario que están a facer
estas entidades para atender o incremento das retribucións dos empregados
públicos (previsto no Real Decreto Lei 24/2018, do 21 de decembro), e se ten
previsto convocar á Comisión Nacional de Administración Local, para dar conta
das razóns desta parálise e posibles solucións á mesma.
Tamén se rexistraron preguntas por outras
liñas de financiamento directo, como subvencións ou convenios, que se atopan
paralizados ou conxelados. Nun momento de desaceleración económica e perda de
emprego necesítase boa xestión e non irresponsables manobras electorais ao
servizo do presidente en funcións e pagadas por todos os españois.
Negar os recursos das entidades locais
sobre a base de opinións sen fundamento técnico é negar a base mesma do noso
sistema de organización territorial, destacamos.
Estas preguntas súmanse á batería de
iniciativas que o GPP está a presentar para reclamar ao Goberno explicacións e
solucións ante o bloqueo do financiamento de servizos esenciais que prestan as
administracións territoriais.
Recibirá resposta
Recibirá resposta