Onte o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez
Feijóo, avanzaba unha moi boa nova, que
a Xunta dará un pulo definitivo á dobre candidatura da Ribeira Sacra a Reserva
da Biosfera e Patrimonio Mundial coa posta en marcha dun plan de acción
estratéxico que mellorará a protección deste territorio a nivel paisaxístico,
ambiental e urbanístico e permitirá regular as futuras intervencións.
Así se desprende dun informe analizado este xoves polo
Consello da Xunta no que tamén se concretan as principais medidas.
En rolda de prensa, Feijóo incidiu en que para seguir
dando pasos adiante é necesario fortalecer as ferramentas de ordenación e
protección deste espazo cun plan que contará cun investimento de máis de 3,5
millóns de euros e que se articulará a través de 10 propostas de actuación.
Así, en primeiro lugar, referiuse ao impulso dunha
nova Área de Rehabilitación Integral xestionada polo Consorcio da Ribeira Sacra
e integrada por 25 concellos, os mesmos incluídos na área de estudo do
expediente remitido á Unesco no marco da candidatura a Patrimonio da
Humanidade. Un “importantísimo asunto”, dixo, porque entre outros extremos
financiará accións integrais de rehabilitación.
Outra das accións estratéxicas programadas que
explicou o presidente da Xunta é a aprobación dun Plan Territorial Integrado
para os 14 concellos considerados de máxima protección do BIC Paisaxe Cultural
Ribeira Sacra, cun investimento de 500.000 euros.
Como terceiro punto, Feijóo avanzou que, a través do
chamado Plan Hurbe, se financiarán proxectos de recuperación de espazos de
elevado interese patrimonial que se atopen moi deteriorados. Ao respecto, e a
modo de exemplo, resaltou a recuperación das contornas da igrexa de Santa María
de Nogueira de Miño (Chantada) e do Mosteiro de Ribas de Sil.
Así mesmo, detallou que a cuarta acción será unha
intervención integral na parroquia de San Fiz de Asma, no concello de Chantada,
onde existe unha gran densidade de construcións que fan aconsellable fixar
certas pautas de intervención sobre as mesmas.
Feijóo incidiu en que tamén se levarán a cabo accións
en materia paisaxística. Por unha banda, unificaranse nunha soa as dúas áreas
de especial interese paisaxístico que existen nestes momentos na zona (as do
Canón do Sil e do Canón do Miño). E, por outro lado, porase en marcha un Pacto
pola Paisaxe para promover a protección e mellora deste territorio. Unha
iniciativa que contará cun investimento de 700.000 euros e que será xestionada
polo Consorcio. Nesta mesma liña, elaborarase tamén un Plan de Acción da Paisaxe
para os itinerarios de interese paisaxístico Chantada-Ponte Nova dos Peares e
Monforte de Lemos-Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.
Sensibilización ambiental
A sensibilización ambiental será outra das prioridades
do plan. Así, no marco do programa de educación medioambiental Voz Natura,
deseñarase un proxecto piloto para que os centros escolares desta zona que
participen poidan colaborar na recuperación de viñedos e zonas degradadas. E
para fomentar un turismo sustentable e de calidade, desenvolverase tamén para a
Ribeira Sacra unha nova ruta de Árbores con Historia.
Outra das accións previstas será a redacción dun
estudo de impacto do cambio climático, co obxectivo de recoller datos
meteorolóxicos e climatolóxicos das últimas décadas para detectar tendencias e
impactos. “Isto servirá para desenvolver un estudo preliminar das tendencias
futuras de certos parámetros como a chuvia e a temperatura”, precisou, subliñando
que o plan de acción incluirá tamén a futura declaración da Ribeira Sacra como
Reserva da Biosfera, unha iniciativa que xurdiu da man da Xunta a mediados do
ano 2017.
“Non agardamos pola declaración como Patrimonio
Mundial e Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra, senón que estamos xa actuando
como se xa tivera a dobre certificación da Unesco”, finalizou o presidente da
Xunta.