Onte o Consello, da Xunta aprobou o Proxecto de lei de Orzamentos para
2020, que irá acompañado do Proxecto de lei de medidas fiscais e
administrativas.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzaba, na rolda de prensa o
inicio da súa tramitación parlamentaria este sábado en tempo e forma. “A Xunta
de Galicia leva aprobando 40 anos consecutivos o seu Orzamento. Todos os
gobernos que tivo a Autonomía nestes 40 anos cumpriron as súas obrigas e
aprobaron anualmente os seus orzamentos”, abundou, antes de lembrar que o
Goberno central traballa cun presuposto de 2018 e comunidades como Cataluña
traballan cun orzamento do ano 2017.
Estes orzamentos pretenden consolidar o crecemento ante os sinais de
desaceleración da economía española e trasladar os efectos da recuperación a
todos os fogares galegos. Ademais, servirán para afrontar con éxito a
preparación do Xacobeo 2021 e manterán como prioridade a creación de emprego e
a innovación. Ademais, entre os principais obxectivos da Xunta para 2020,
figura que Galicia continúe sendo unha Comunidade fiable, estable e solvente,
que cumpra os seus obxectivos, pague as facturas e non deixe hipotecas ás
vindeiras xeracións.
Para dar resposta aos retos do inicio desta nova década, explicou, a
Comunidade disporá de 10.149 millóns de euros, 300 M€ máis que este ano –un
incremento do 3%-, 1.400 M€ máis con respecto ao inicio da lexislatura,
superando por primeira vez a barreira dos 10.000 M€ e sendo o quinto ano
consecutivo que o Goberno galego aproba uns orzamentos que crecen.
Nese marco de estabilidade e prudencia, Feijóo salientou que o control da
débeda segue sendo unha prioridade para o Goberno galego que, lembrou, evitou a
emisión de case 4.000 M€ de débeda, o que converte a Galicia na Comunidade que
menos incrementou o seu endebedamento na última década. En consecuencia, a partida
que máis baixa nos Orzamentos de 2020 é a de gasto de xuros de débeda. “Baixa
22 millóns de euros, un 13%”, salientou.
Menos impostos
O presidente da Xunta incidiu en que o proxecto orzamentario mantén todas
as rebaixas fiscais actualmente en vigor e inclúe catro novas baixadas de
impostos.
No caso do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais, baixa para aqueles
galegos que adquiran unha vivenda usada no rural. Se esa vivenda ten como
destino ser residencia habitual, o ITP baixa do 7% ao 5%. Se non vai ser
vivenda habitual, redúcese do 10% ao 6%. “O rural galego pasará a ter a menor
tributación da España peninsular na compra dunha vivenda para uso habitual”,
dixo.
Tamén se reduce o Imposto sobre Sucesións para as herdanzas entre
familiares directos, de xeito que calquera herdanza de ata 1 millón de euros
por herdeiro quedará libre de tributación. Con esta medida, o 99,9% dos galegos
non pagarán este imposto cando reciban unha herdanza dun descendente,
ascendente ou cónxuxe.
Ademais, amplíanse as empresas familiares que se beneficiarán da exención
que xa está en vigor para os familiares ata terceiro grado. Para estas persoas
os requisitos de propiedade exixirán que, como mínimo, o 50% da propiedade
pertenza á persoa herdeira, ao seu cónxuxe ou a un familiar ata sexto grado
(este último punto estaba fixado ata o de agora no cuarto grado).
Tamén se aproba unha “dedución verde” para o IRPF, isto é, unha
bonificación de ata 1.500 euros para todos os galegos que decidan mellorar a
eficiencia enerxética da súa vivenda. Neste imposto tamén se aproba unha
dedución específica para deportistas de alto nivel que reciban bolsas e
facilítase o acceso a deducións xa existentes para cooperativas e sociedades
laborais.
Prioridades de gasto
No tocante ás prioridades de gasto, o presidente da Xunta insistiu en que
este é “o presuposto con máis gasto social dos 40 presupostos de Galicia nos 40
últimos anos”, cun total de 7.400 millóns de euros. Deste xeito, en 2020
reforzarase o gasto social cun incremento de 275 M€, concentrando de novo a
maior parte do financiamento.
Ese reforzo orzamentario supón máis recursos para a sanidade pública, máis
de 4.100 M€, a maior cifra da historia, o que significa que case a metade do
aumento do gasto social se destina a mellorar a atención sanitaria (122 M€).
Tamén haberá máis recursos para o ensino (2.465 M€) para que Galicia siga tendo
a mellor ratio alumno/profesor de España e máis recursos para as nosas
políticas sociais e de benestar (830 M€).
Ao longo da súa intervención, Feijóo fixo especial fincapé no aumento de
fondos para a dependencia, que medra un 6% e chega a 362 millóns de euros e nas
medidas de política demográfica como a gratuidade da escola infantil a partir
do segundo fillo ou a ampliación da cobertura da Tarxeta Benvida.
Tamén serán prioritarias as políticas de emprego co obxectivo de baixar a
taxa de desemprego ata o 10% e as políticas de innovación que soben un 60% o
seu financiamento. Ademais, a preparación do Xacobeo 2021 contará cun orzamento
de 82 millóns de euros.
Investimento público e empregados públicos
Acto seguido, Feijóo destacou outras dúas partidas moi relevantes. Os
investimentos públicos volven medrar e chegan aos 1.691 M€, convertendo a
Galicia na Comunidade con máis investimento per cápita. E no que respecta aos
empregados públicos, incluiranse subas salariais de ata un 2,2%. En todo caso,
este aumento non se percibirá ata que a Administración galega conte coa
habilitación legal do Estado.
Neste sentido, o presidente da Xunta puxo en valor que “ante as incertezas
e as inseguridades, Galicia segue apostando pola certidume e a estabilidade” e
lamentou que o Goberno central manteña bloqueado o Consello de Política Fiscal
e Financeira desde hai 15 meses. Tamén volveu reclamar o pago dos 700 millóns
de euros que o Goberno adebeda a Galicia.