Celebrar que a asemblea xeral da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa ( EHTTA) elixise onte por unanimidade ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, como novo presidente desta entidade termal, a máis importante do mundo no seu ámbito, integrada por 51 territorios termais de 17 nacións. Parabéns.
No acto, celebrado na cidade belga de Spa, Baltar agradeceu a confianza outorgada pola asemblea pola "honra e a responsabilidade que supón presidir esta organización, para desenvolver un labor frutífero en favor do termalismo europeo". Nas súas primeiras palabras como presidente, Manuel Baltar puxo o acento no papel divulgador do termalismo que desenvolve a EHTTA, "que demostrou ser un vehículo esencial para transmitir a importancia do termalismo e do patrimonio histórico que atesouran as cidades e territorios aos que representamos.
Baltar remarcou a importancia do termalismo "como eixo estratéxico de desenvolvemento", colocándoo como unha aposta prioritaria na súa acción de goberno, e citou como exemplo o plan "Ourense, a provincia termal", "unha iniciativa que levamos a cabo desde a Deputación de Ourense implicando a outros gobernos, planificando actuacións e fixando un cronograma de cumprimento". Tamén destacou a cooperación cos concellos termais -20 de 92 na provincia de Ourense-, e a innovación que supuxo o "termalismo social", o "termalismo deportivo", así como o acordo co Goberno de España para acceder por tren a Ourense desde 40 capitais para gozar dos nosos balnearios. "É unha realidade cuxo éxito se ve completado co uso, cento por cento, da administración electrónica: en menos de 3 minutos, sen un só papel, adxudicamos a praza nos nosos balnearios".
E hoxe defendeu a "marca termal" como un medio para preservar o patrimonio histórico dos territorios vinculados ao termalismo. Na xornada previa á conmemoración, mañá, 12 de outubro, do "Día do patrimonio termal europeo", Baltar afirma que esta celebración "supón seguir defendendo con máis forza a riqueza termal das cidades e provincias de Europa, outorgándolle maior visibilidade internacional a un dos recursos naturais máis importantes cos que conta a Unión Europea".