Coñecemos onte que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investirá en 2020 máis de 61,5 millóns de euros na provincia de Ourense, o maior investimento per cápita da comunidade, ao preverse un gasto de case 200 euros por habitante, segundo recolle o proxecto de Lei de Orzamentos da Xunta remitido ao Parlamento.
Obras da conexión da A-52 |
Os orzamentos inclúen unha achega de case 15 millóns de euros co fin de blindar a gratuidade na utilización da autovía Ourense- Celanova.
Na cidade de Ourense impulsaranse as obras da 2ª fase de recuperación da contorna da Ponte Vella, cunha achega de 650.000 euros, e a continuación da mellora de seguridade na estrada OU-105, ao seu paso polo barrio de Seixalbo, cun investimento de 600.000 euros.
O Goberno galego tamén continuará avanzando na execución do Plan de sendas na comarca de Ourense coa previsión dun orzamento de máis de 1,3 millóns de euros para o vindeiro exercicio.
A seguridade viaria é unha materia prioritaria para a Consellería de Infraestruturas, que en 2020 destinará uns 7,3 millóns de euros a actuacións de conservación, vialidade invernal ou mellora de firmes nas estradas autonómicas da provincia ourensá.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez tamén executará actuacións no eido das infraestruturas sanitarias, aínda que os investimentos necesarios figurarán nos Orzamentos da Consellería de Sanidade.
Neste sentido, o Goberno galego acometerá melloras nos accesos aos complexos hospitalarios da provincia mediante un presuposto de 650.000 euros
Mobilidade
No eido do transporte, a Dirección Xeral de Mobilidade disporá o próximo ano de case 20 millóns de euros, dos que un total de 15,6 millons de euros van dirixidos ao Plan de Transporte Público de Galicia na provincia de Ourense.
A Xunta reserva un total de 300.000 euros que permitirán estender as vantaxes dos usuarios do Plan de Transporte Metropolitano ao conxunto dos cidadáns da provincia, unha vez culminado o proceso de renovación do transporte público de Galicia.
Ademais, estas cifras posibilitarán que a tarxeta Xente Nova amplíe ata os 21 anos a idade dos mozos que poderán viaxar gratis nos autobuses interurbanos e que se estenda o seu uso a toda Galicia.
A intermodalidade recibirá un gran impulso en Ourense, pois a Xunta prevé completar ao longo do ano 2020 as obras da nova estación de autobuses intermodal e o novo aparcamento subterráneo, para o que se reserva unha partida de 3,7 millóns de euros.
Actuacións hidráulicas
No que se refire a actuacións hidráulicas, Augas de Galicia conta cun orzamento de máis de 3 millóns de euros para continuar impulsando proxectos de saneamento e abastecemento na provincia de Ourense.
A través desta partida, a Xunta poderá executar obras como por exemplo as previstas no Concello de Baños de Molgas, dirixidas á mellora do saneamento e abastecemento nos núcleos de Formigoso, A Acea e Lamela.