Visito
esta mañá o concello coruñés de As Pontes
para coñecer in situ a situación xerada como consecuencia do anuncio de Endesa
de pechar a central térmica.
Acompañado
polo concelleiro do Partido Popular, Javier Acosta,tiven oportunidade de falar
co presidente da Asociación de Transportistas de Carbón das Pontes, Manuel
Bouza, e coñecer a complicada e angustiosa situación na que se atopan uns 150
camioneiros que viñan facendo o transporte de carbón á central e que levan máis
de cinco meses sen realizar viaxe algún como consecuencia da unilateral
decisión empresarial.
Reclaman
unha solución para que haxa unha "transición xusta” que garanta a
continuidade dos empregos.
Onte a Xunta de Galicia representada polo
conselleiro Francisco Conde e outros directivos foron a Madrid cun obxectivo
claro: ser construtivos e apoiar unha fronte común que busque solucións reais á
situación actual da central térmica das Pontes.
O Goberno, a través da ministra para a Transición Ecolóxica,
confirmou que non ten ningunha alternativa viable que garanta a continuidade da
actividade industrial e dos postos de traballo.
Para afrontar o caos enerxético que ten provocado pola súa
inacción, o único que pide o Goberno é tempo; e tempo é precisamente o único
que non temos. Fronte a ruptura enerxética do Goberno, defendemos unha
transición enerxética ordenada; e fronte a paralización total da térmica,
defendemos a súa reactivación mentres se buscan os mecanismos que garantan a
viabilidade futura da instalación e, sobre todo, das 750 familias afectadas.
Neste sentido, a Xunta aproveitou a citada reunión para presentar as
súas propostas, nas que combina:
• Medidas fiscais para a reactivación inmediata da central
mentres se traballa nesta transición enerxética. O Goberno pode levar mañá
mesmo ao Consello de Ministros a eliminación do céntimo verde e a solicitude a
Europa do establecemento de pagos por capacidade para as térmicas.
• E a posta en marcha da Estratexia de Transición Xusta,
aprobada polo Goberno pero na que non avanzou pese a que si inclúe as centrais
térmicas.
Para a Xunta, estas solicitudes son unha prioridade. É a
única maneira de que Galicia teña garantías de que a mesa de traballo constituída
onte sexa efectiva e acabe na aprobación de medidas que permitan unha
transición enerxética xusta.
Nós cremos que As Pontes ten futuro.
• En ningún momento Endesa dixo non a reactivar a central se
o Goberno aprobaba medidas fiscais.
• En ningún momento o Goberno se opuxo ás nosas propostas
para que Galicia conte cun plan de acción urxente para unha transición xusta.