Primeiramente visitamos as
instalacións do Museo do Viño de Galicia situado na coñecida como casa reitoral
de Santo André de Camporredondo. Trátase dun museo de titularidade autonómica que ten
como finalidade a de recuperar, documentar, conservar e difundir o patrimonio
cultural vitivinícola de Galicia para o coñecemento, a aprendizaxe e o gozo da
cidadanía, en xeral, e o aproveitamento e a consulta dos investigadores e
estudosos do universo vitivinícola, en particular.
A exposición percorre
as tres plantas deste edificio singular construído no século XVIII como casa de
priorado para explotación vitícola dependente do Mosteiro de San Martiño Pinario
de Santiago de Compostela.
O museo dedica a súa
exposición permanente ao cultivo da vide e ao proceso produtivo do viño ao
longo da historia en Galicia. Por unha banda, a vinicultura (técnicas e
sistemas do cultivo da vide) e, por outra, a viticultura (técnicas e
coñecementos da elaboración do viño). Os paneis explicativos aúnan textos e
ilustracións de gran calidade e acompáñanse con obxectos significativos
relacionados con cada panel, como ferramentas, escritos, instrumentos técnicos,
contedores etc.
A exposición
permanente desenvólvese en oito salas, dedicadas cada unha delas a unha
sección, que acollen, entre outras, pezas relacionadas co cultivo das cepas,
tanto dende o punto de vista histórico como dende os ciclos tradicionais de
colleita. Tamén teñen o seu espazo pezas significativas relacionadas con cada
denominación de orixe do viño en Galicia, cunha sala dedicada en particular á
comarca do Ribeiro. Por último, poden verse pezas sinaladas no proceso de
elaboración do viño, dende que chega a uva á adega ata a súa conversión en
viño.
Rematada esta interesante visita, mantivemos
unha reunión de traballo, na que abordamos a necesidade de que os actuáis
sistemas de financiamento autonómico e local sexan revisados para adaptalos ás
novas realidades, tendo como obxectivo principal conseguir unha maior eficacia
na prestación dos servizos.
Tomamos nota da petición do
alcalde para que as vilas históricas e monumentais como Ribadavia, con
numerosos bens protexidos, sexan apoiadas en futuras convocatorias do
denominado “1,5 % cultural”, que periódicamente saca o Goberno central.
Os candidatos comprometémonos,
ademais, a procurar que vilas da
categoría de Ribadavia, cun enorme potencial histórico, cultural, termal e
turístico, teñan o apoio do Goberno central nos seus plans de promoción nacional
e internacional, como complemento do traballo que neste ámbito está a realizar
a Xunta de Galicia e dos proxectos que desenvolva o propio concello.
Precisamente o ámbito turístico nucleado
en torno ao mundo do viño é unha excelente oportunidade para atraer máis
visitantes á zona darlle pulo ao sector económico máis importante da comarca,
no que tamén destaca outra área de especial significado pola singularidade como
o termalismo, de gran éxito en Prexigueiro.