Onte o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, presidíu xunto ao presidente provincial, Manuel Baltar, a reunión da Xunta Directiva do PP da provincia de Ourense, contando ademais coa presenza do secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado.
Baltar, afirmou que “estamos de novo preparados para gañar e ofrecer un futuro certo e estable, como así vimos de demostrar cada vez que diriximos o Goberno central, e como ninguén pode negar co Goberno na Xunta de Galicia e na Deputación de Ourense”.
O presidente provincial puxo o énfase en recordar que, ata o momento, o Partido Popular de Ourense foi a única formación na provincia “que ten a capacidade e a forza necesaria para gobernar, e facémolo grazas a maiorías absolutas ou á nosa vontade de pacto, porque por riba de todo sempre están os intereses de Ourense e os seus cidadáns”.
Iso, engadiu, “é o que nos distingue dos outros partidos políticos, en particular do que hoxe segue a gobernar en funcións, porque só pensan en clave partidista e para acaparar o poder, cunha máis que intencionada incapacidade de chegar a acordos de goberno”.
Neste bucle electoral no que estamos instalados e fronte á desmotivación dos cidadáns, subliñou Manuel Baltar, os populares ourensáns “fomos quen de ofrecer unha mensaxe de confianza que se traduciu nun aumento do apoio electoral nas municipais de maio con respecto das xerais de abril, nas que xa conseguíramos ser a provincia española con máis apoio”.
Baltar advertiu ante os membros da xunta directiva que a situación política actual “nos obriga a non descartar ningún escenario, pero non por elo imos deixar de loitar como sempre o fixemos por maiorías que dean a estabilidade e a certeza que, hoxe máis que nunca, reclaman os cidadáns”.
O presidente provincial laiouse do que cualificou como “desvarío político” no panorama nacional, “que se contaxia aos nosos adversarios na provincia, unha situación que só o PP é quen de mudar”, para o que pediu a todos os membros da dirección popular “que nos mobilizemos como nunca e demostremos unha vez máis todo o que podemos aportar ao goberno da nación”.
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, remarcou que as próximas Eleccións Xerais son unha oportunidade para que poñer remedio ao “desprezo permanente” do Goberno central con Galicia e cambiar meses de “enorme frivolidade” por políticos incapaces de gobernar. Así, animou a converter a desgana pola nova cita coas urnas en ganas por unha “época de normalidade”.
E é que, tal e como apuntou, “nunca antes” houbo o menosprezo co que o Executivo de Pedro Sánchez ten tratado á nosa comunidade nin tampouco o dano que lle está causando á nosa industria: “É difícil facelo peor”. Para Feijóo, non se pode admitir que o Goberno de España pretenda revestir de verde as súas improvisacións, os seus bandazos e a súa ausencia de solucións e alternativas, tal e como está a facer coa central térmica das Pontes, con Ence ou coa industria forestal; nin tampouco permitir a frivolidade que ten futuro de Alcoa ou co AVE. “Non vou calar”, subliñou o líder do PPdeG, quen se amosou preocupado pola situación da industria.
Fixo fincapé en que, o vindeiro 10 de novembro, os galegos teñen a oportunidade de poñer fin á decepción, á irresponsabilidade, á inestabilidade, á ausencia de solucións aos problemas económicos incipientes e ás afrontas a Galicia. E, para iso, Feijóo avogou por unir o voto no Partido Popular, para que o país recupere o crédito que está perdendo e se poña a funcionar desde xa. Neste senso, asegurou que o PP “sae a unir, a gañar e a gobernar”; e sostivo que é unha formación de maiorías, de goberno e con sentido de estado.
Tal e como indicou, “coa división gaña quen busca dividir e perdemos todos”. Así, explicou que os case 30.000 votos que acadaron Ciudadanos e Vox na provincia de Ourense non supuxeron ningún escano para eses partidos, pero si prexudicaron que o PP puidese obter máis, polo que quen saíu beneficiado foron os socialistas.