Unha lei que nace da necesidade de
adaptar a xestión pública da auga ao novo contexto de cambio climático e para
coordinar a resposta das administracións ante situacións de seca ou o de risco
sanitario. Con esta norma, asegurou a conselleira, “Galicia vai estar mellor
preparada” para afrontar esas eventualidades.
A Lei aposta, por unha banda, pola prevención, procurando unha maior eficiencia e responsabilidade na xestión e no uso das reservas hídricas; e, por outra banda, ordena e delimita con claridade os protocolos de actuación que debe seguir cada administración en caso de seca ou risco sanitario, facilitando a máxima axilidade na adopción de medidas extraordinarias destinadas a garantir auga á poboación.
A conselleira lembrou que as competencias no abastecemento de auga á poboación son dos concellos, que deben estar apoiados polas deputacións provinciais, pois estas entidades teñen o deber legal de apoiar aos municipios. Comprometeu, en todo caso, a colaboración da Xunta de Galicia coas administracións locais nesta materia, unha axuda xa demostrada a través das máis de 300 obras de abastecemento realizadas na última década en beneficio de 186 concellos.
Ademais, tras convocar as primeiras axudas para que os municipios elaboren os seus plans de emerxencia fronte á seca, o vindeiro ano crearanse as destinadas á instalación de contadores de caudal que permitan identificar as perdas. E a Xunta dará prioridade ao apoio a aqueles municipios que aposten pola responsabilidade na xestión da auga e pola planificación das actuacións en caso de seca ou risco sanitario.
Eficiencia na xestión e responsabilidade no consumo
Na súa intervención, Ethel Vázquez detallou que os
obxectivos concretos da Lei son: asegurar unha prestación axeitada dos servizos
de abastecemento de auga á poboación en cantidade e calidade axeitadas; reducir
a vulnerabilidade dos sistemas de abastecemento fronte á seca; e protexer a
saúde pública en caso de risco sanitario no abastecemento.
A conselleira destacou a necesidade de combater as
situacións de ineficiencia actuais, en que hai redes municipais de
abastecemento que rexistran perdas da auga potabilizada do 40%. Galicia, dixo,
“perde 1 de cada 5 litros de auga que circulan polas súas redes e se sitúa como
a 4º comunidade autónoma con maiores perdas anuais, máis de 55.500 millóns de
litros”, e sinalou como aínda máis preocupante a evolución negativa, pois os
datos do INE de 2016 son os peores desde 2004.
Explicou que a Xunta abordou coa Federación Galega de
Municipios e Provincias (Fegamp) un cronograma para facer fronte a esta
situación e que consiste no establecemento dun período de 2 anos para que os
concellos realicen auditorías das súas redes de abastecemento e identifiquen as
posibles fugas. Disporán dun ano máis para actuar, de forma que se establece,
en total, un prazo de 3 anos para que os municipios sitúen as fugas das redes
de abastecemento por debaixo do 20%.
Superado ese período, as perdas excesivas de auga nas
redes serán obxecto dun gravame disuasorio cuxa recadación será finalista e
destinada, en exclusiva, á renovación das redes. A conselleira aclarou que a
vontade da Xunta é conseguir non recadar nin un só euro con esa taxa.
Por iso, Ethel Vázquez avanzou que o Goberno galego
prestará apoio ás administracións locais na loita contra as perdas, habilitando
o vindeiro ano as primeiras axudas aos concellos para a instalación de
contadores de caudal, que serán obrigatorios tanto nos puntos de captación de
auga como nos de subministración final, para dispor da información necesaria
sobre posibles fugas.
Na procura dunha maior eficiencia e responsabilidade
no uso da auga, explicou que a lei tamén promove que as tarifas municipais
polos servizos de subministro de auga que animen a un uso eficiente e a un
consumo responsable, facendo facturas de fácil comprensión polos usuarios;
diferenciando tramos en función do volume de auga consumida; e sen que poidan
establecerse mínimos exentos que desincentiven o consumo responsable da auga.
Planificación
Para acadar os obxectivos fixados, a Lei reforza a
aposta pola planificación como ferramenta tanto para dotar de maior eficacia e
eficiencia no funcionamento dos sistemas de abastecemento, como para asegurar a
resposta áxil e eficaz en caso de seca ou alerta sanitaria.
Así, o Proxecto de lei concede un prazo de 2 anos
desde a súa entrada en vigor para que os concellos ou entidades titulares dos
sistemas de abastecemento con máis de 20.000 habitantes elaboren os plans de
emerxencia fronte a seca.
Concretou que, no caso dos concellos e entes locais,
fíxase o contido que, como mínimo, deben ter os plans de emerxencia por seca:
unha descrición e diagnóstico do sistema de abastecemento; a identificación das
zonas máis vulnerables e das actividades estratéxicas no ámbito; un sistema de
indicadores que permita prever os escenarios de risco con anticipación; a
previsión de alternativas para a subministración de auga; e as actuacións
necesarias para garantir o abastecemento durante o episodio de seca.
Cómpre ter en conta que actualmente non existe ningún
concello na demarcación hidrográfica Galicia-Costa que conte cun plan de
emerxencia fronte á seca aprobado por Augas de Galicia, motivo polo que a Xunta
convocou recentemente unha orde de axudas para a súa elaboración, que
rexistraron 80 solicitudes.
No caso de Augas de Galicia, a Lei recolle a obriga de
contar co seu propio plan de seca, como todos os organismos de bacía, e
introduce como novidade o deber de este organismo de emitir anualmente un
informe de seguimento e de actualizar ese plan cada seis anos.
Axilidade de resposta fronte á seca
A Lei busca deixar establecidos os protocolos de
actuación nos diferentes escenarios de alerta por seca ou risco sanitario e as
responsabilidades que corresponden tanto aos concellos e entidades responsables
dos sistemas de abastecemento como a Administración Hidráulica de Galicia.
En función do
escenario de alerta que determinen os indicadores, os concellos deberán ditar
disposicións dirixidas ao aforro da auga, restrinxindo o uso de auga potable
para fins secundarios, e executar as actuacións identificadas como necesarias
para garantir o abastecemento, de acordo co establecido no seu plan de
emerxencia. Así mesmo, poderán reutilizarse as augas residuais depuradas para
usos tales como as fontes ornamentais, a rega de xardíns, baldeos, sempre
previa desinfección e con autorización sanitaria.
A conselleira puxo o acento nas medidas para facilitar as actuacións necesarias para garantir o abastecemento de auga en cantidade ou calidade. Así, informou de que as medidas adoptadas en situación de seca ou risco sanitario levarán implícita declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación dos terreos necesarios para a execución das actuacións necesarias. Ademais a execución de obras destinadas a garantir o abastecemento de auga en caso de emerxencia declarada prevalecerá sobre os instrumentos de planeamento urbanístico, que será posteriormente adaptado á actuación.