lunes, 21 de octubre de 2019

Eleccións Xerais 10N: O PP pedirá máis fondos á Unión Europea e ao Goberno central para incluír a mellora das comunicacións entre a Baixa Limia e Portugal

O Partido Popular loitará por conseguir os fondos europeos e da administración central necesarios para a mellora das comunicacións entre a comarca da Baixa Limia e o norte de Portugal, facilitando así o desenvolvemento dunha rexión transfronteiriza cun enorme potencial. Así o destacamos os candidatos do PP pola provincia de Ourense ao Congreso, Ana Vázquez e Celso Delgado- e ao Senado –Miguel Ángel Viso e Carmen Leyte, durante a visita que hoxe realizamos a Lobios e na que estivemos acompañados polos representantes populares municipais deste concello, ademais de Bande, Muíños e Lobeira.

Os candidatos fomos informados en detalle sobre as actuacións realizadas e previstas no marco do programa Raia Termal, que botou a andar en xuño de 2017 e cuxo ámbito de actuación abrangue as zonas transfronteirizas do río Miño (Cortegada e Melgaço) e do río Limia (Lobios, Bande, Muíños e Terras do Bouro), ademais da participación da Deputación de Ourense e a Confederación Hidrogáfica do Miño-Sil. Unha iniciativa que conta cun orzamento de máis de 2,6 millóns de euros, financiados ao 75 % polo fondos Feder e que ten como obxectivo valorizar e potenciar os recursos termais deste espazo.


Para os representantes populares, aínda que compre destacar o importante adianto nas accións previstas para a primeira fase deste proxecto, é imprescindible seguir loitando pola consecución de máis fondos europeos, nun momento que ademais é fundamental logo da incorporación a estas axudas da perspectiva demográfica.

Neste contexto, e logo de subliñar o seguemento que os deputados e senadores estivemos a realizar na pasada lexislatura sobre o programa Raia Termal a través da presentación de distintas iniciativas, os candidatos expresaron a necesidade de mellorar as comunicacións con Portugal –aspecto no que inclúen ao Concello de Lobeira- “porque non podemos seguir dando as costas ao potencial que supón no ámbito económico e turístico unha poboación dun millón de persoas, como a que habita no norte do país veciño”. Unha demanda na que, afirmamos, contan co total apoio dos presidentes das cámaras municipais lusas implicadas.

O Partido Popular, engadimos, ven de demostrar de lonxe a súa especial sensibilidade co desenvolvemento das rexións transfronteirizas, como impulsora de proxectos como o da Raia Termal, polo que os candidatos anunciamos que seguiremos a apoiar novas solicitudes de proxectos e a máxima implicación das administración, cunha mención especial á necesaria colaboración da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.