jueves, 10 de octubre de 2019

Feijóo tiña razón: " Un Goberno en funcións pode transferir ás CC.AA. os recursos do sistema de financiamento


Onte a ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero, sorprendíanos afirmando  que as entregas a conta ás comunidades autónomas xa dispoñen do informe favorable da Avogacía do Estado e vanse a aprobar en días.


Recordo que son 700 millóns de euros os que o Goberno central debe a Galicia. Desta cantidade, 530 millóns de euros están incluídos nos Orzamentos da Xunta en vigor -330 millóns das entregas a conta e 200 da mensualidade do IVE do ano 2017- e os outros 170 millóns correspóndense cos incentivos polo cumprimento de todos os obxectivos de estabilidade.

Levamos varios meses  escoitando  escusas e mentiras por parte  do  Goberno de Sánchez, que afirmaba que era inviable  facer esas entregas. Apreciamos unha utilización política, unha vez máis, da Avogacía do Estado. Sánchez pon a súa pegada en todas as institucións do Estado. 

Onde pon a man non deixa crecer a herba. Xa o fixo na instrución do 1-0 e agora repíteo  co financiamento autonómico. O que ata hai uns días era imposible, agora si se pode en plena precampaña. O PP xa presentou varias alternativas viables xuridicamente, sen necesidade de forzar aos órganos da Administración.

Constatamos que o Goberno de Sánchez intentou chantaxear ás Comunidades Autónomas cos cartos que se dedican a pagar os servizos públicos de todos os cidadáns. E que esa chantaxe fracasou porque as CC.AA., lideradas contundentemente polo presidente  da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non cederon.

Confírmase tamén que todo que dixo o Goberno era unha farsa, unha mentira, porque o Goberno admite agora que o que dicía hai unhas semanas era falso, e que Galicia tiña razón: un Goberno en funcións se pode transferir ás CC.AA. os recursos do sistema de financiamento, recursos que xa ten en caixa porque os galegos xa os pagaron.

É obrigado pagar a integridade do debido, non só unha parte da débeda, non nos vale só coas entregas a conta. Se agora non hai impedimento legal para pagar as entregas a conta, non pode haber impedimento para pagar o iva e os incentivos.

En todo caso, lamentamos que nun tema tan serio como o financiamento dos nosos servizos públicos o Goberno estea actuar de xeito tan frívolo e tan electoralista, sen dar a cara ante as Comunidades Autónomas e mantendo secuestrado o Consello de Política Fiscal desde hai 14 meses.