jueves, 31 de octubre de 2019

Eleccións Xerais 10N: O PP insistirá nunha política de apoio á empresa como motor de emprego reducindo cargas administrativas e unha baixada de impostos


A defensa da actividade industrial, como xeradora de emprego, precisa dun compromiso decidido e forte por parte dos Gobernos, un ámbito no que o Partido Popular manterá as súas propostas para a simplificación das cargas administrativas e un reforma de impostos, entre outras. Así o manifestamos os candidatos do Partido Popular para as eleccións xerais do 10 de novembro no parque empresarial de Pereiro de Aguiar, onde esta mañá visitamos a cooperativa galega Cofano no sector da loxística farmacéutica.

Na visita participaron os candidatos ao Congreso -Ana Vázquez, Celso Delgado e Avelino García- e ao Senado –Miguel Ángel Viso, Carmen Leyte e Francisco Fernández-, acompañados polo alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor. Todos eles destacaron a necesidade de favorecer o investimento empresarial e a creación de emprego para manter a actividade industrial e de servizos asociados, nunha área estratéxica para a provincia como a que conforman o propio parque de Pereiro de Aguiar, xunto co polígono de San Cibrao das Viñas e o Parque Tecnolóxico.



Nun momento no que os indicadores económicos falan de desaceleración, sinalamos os candidatos populares, as empresas  precisan de iniciativas decididas por parte dos Gobernos, medidas que o Partido Popular inclúe no seu programa e que se basean na eliminación de cargas administrativas e simplificación dos trámites para crear unha empresa; garantir a unidade de mercado; a rebaixa do tipo máximo do Imposto de Sociedades para que non supere o 20 %; na medida do posible reducir as cotizacións socias ás as empresas; ou un prezo da enerxía que teña o menor impacto posible nas empresas.

O compromiso do Partido Popular por esta área industrial ourensán, subliñaron, ponse tamén de manifesto na mellora das comunicacións, a través do futuro enlace coa autovía A-52 que constrúe a Xunta de Galicia, ou a firme aposta pola formación dos traballadores que realiza a Deputación de Ourense, conseguindo que a provincia sexa un referente na comunidade co Centro Galego de Innovación da Formación Profesional. 


Tamén traballarán nas Cortes Xerais para impulsar o estudo dun proxecto de terminal ferroviaria de mercadorías no polígono de San Cibrao.



Os candidatos destacamos ademais a visión en positivo que sempre fan do empresariado ourensán, dos que están e dos que virán, pola súa contribución ao desenvolvemento e ao futuro da provincia.

POSTA EN VALOR DA LOXÍSTICA FARMACÉUTICA.

Os membros das listas do PP ao Congreso e ao Senado visitaron a cooperativa farmacéutica Cofano, onde acompañados polos directivos coñeceron de preto a importancia do papel da distribución na cadea de valor do medicamento.

Fundada en 1951 e con capital 100 % galego, a cooperativa está formada por máis de 700 socios de toda Galicia e da traballo directo a máis de 150 persoas nas catro provincias, xerando en total máis de 300 empregos, e cunha facturación anual de 260 millóns de euros.