Celebro moito que a 24ª edición do Ourense
Film Festival se convertera “na edición máis potente e exitosa da súa dilatada
traxectoria”, como hoxe salientou o presidente
da Deputación de Ourense Manuel Baltar.
O presidente do goberno provincial agradeceu
o traballo dos coordinadores Aurelio Gómez Villar e Miguel Anxo Fernández e do seu equipo de traballo, integrado por 50
persoas, “por cumprir ao 100% o programa previsto, executando tódalas propostas
incluídas nesta ambiciosa programación que fixo desta 24ª edición, a mellor de
toda a historia do Festival de Cine, tal e como o avalan as cifras”.
Baltar
destacou que o OUFF “situou a Ourense como centro de referencia do
audiovisual”, un evento ao que definiu como “o indubidable Festival de Galicia”
e que tivo “un gran retorno económico para a cidade”, adiantando que a vindeira
edición celebrarase do 25 de setembro ao 3 de outubro de 2020, tendo como
países convidados a Francia e Marrocos.
Lembrou que esta edición contou con “92 proxeccións, 96 películas,
incluídas as curtametraxes, sendo un Festival de Cine máis ourensán ca nunca,
coa implicación de empresas de tódolos sectores, e o máis salientable: a
implicación do público”. Neste sentido, destacou o importante incremento que se
experimentou na asistencia ás salas de proxección e actividades paralelas con
respecto á pasada edición, con 14.349 asistentes fronte aos 8.316 do ano 2018.
De todas elas, asistiron ás proxeccións 9.024 persoas (6.249 no 2018), sendo
xeneralizado o esgotamento de entradas en practicamente tódalas proxeccións da
sección oficial, pero tamén con moita participación no resto das seccións
programadas.
Agora toca agardar á 25ª edición do Ourense Film Festival
que celebrarase do 25 de setembro ao 3 de outubro, e coincidindo co Centenario
da Xeración Nós, apostarase por descentralizar datas e espazos e haberá sesións
matinais. Ademais, potenciarase a internacionalidade do festival tendo a
Francia e Marrocos como países convidados.
Moitos parabéns.