Tamén esta mañá os candidatos do
Partido Popular ao Congreso -Ana Vázquez e Celso Delgado- e ao Senado –Miguel
Ángel Viso, Carmen Leyte e Francisco Fernández, estivemos en
Sanmartiño, no Concello de Vilamarín, acompañados polo alcalde, Amador Vázquez, e membros
do seu equipo de goberno, así como polo alcalde da Peroxa, Manuel Seoane, e
polo portavoz popular en Coles, Luis Antonio Iglesias. Alí fixemos un
repaso á situación actual da autovía A-56,
que unirá Ourense con Guntín e desde aquí terá continuidade ata
Lugo a través da A-54 (Santiago-Lugo).
Unha
autovía que constará de oito tramos, 3 deles en Ourense e 5 en Lugo. Pero na
actualidade tan só un está en obras.
Tramos na
provincia de Ourense
Ourense-enlace Cambeo (9 quilómetros e 94,86
millóns de euros).
Este tramo, xunto ao variante norte de Ourense, son os
prioritarios da A-56 por ter tráficos próximos a 10.000 vehículos e pola siniestralidade
existente na N-525.
O proxecto segue en redacción. Modificouse o trazado do subtramo
Ourense-Coles (respecto á solución seleccionada polo estudo informativo
aprobado en 2006) para minimizar os
impactos sobre o territorio, postos de manifesto na información pública do
proxecto de trazado (2013).
O pasado 30 de maio, os deputados no Congreso Celso Delgado e Ana
Vázquez interesáronse pola situación en que se atopaba a redacción do proxecto
deste tramo, respondendo o Goberno que “continúa en redacción”.
Compre apuntar que o informe de impacto ambiental da nova
alternativa no subtramo Ourense-Coles foi formulado en 2017. Transcorreron
moitos meses e debería estar xa redactado este proxecto. Reclamamos avances.
Enlace Cambeo-Sanmartiño (8,5 quilómetros e
73,14 millóns).
Está aprobado o trazado do intercambiador de Cambeo (A-56,
N-525 e N-540) e pendente de finalizar
a redacción do tramo Cambeo-Sanmartiño.
O proxecto segue en redacción e compre actualízalo á normativa
técnica vixente, pero para Fomento non é un tramo prioritario por tráfico
(inferior a 5.000 vehículos/día).
Tamén en maio, os deputados populares preguntaron ao Goberno polo
estado deste proxecto, sendo a contestación: “continúa en redacción”. Para nos é prioritario e pedimos asúa axilización.
Tramos na
provincia de Lugo
San Martiño-A Barrela (9,8 quilómetros e
33,43 millóns de euros, cun investimento total estimado de 48,19 millóns).
Este tramo ten un longo historial; o BOE do 23 de febreiro de
2008 publicou a licitación do contrato do citado tramo que entón tiña unha lonxitude de 8,8 quilómetros
e un orzamento de 46,76 millóns. Foron adxudicadas polo Ministerio de Fomento o
12 de agosto de 2008 a “Vías e Construcciones S.A.” por importe de 32,2 millóns.
O 22 de xullo de 2010, o entón ministro José Blanco anunciou a
rescisión dos contratos de Sanmartiño-A Barrela Norte e o da ligazón.
Finalmente, no ano 2014 conseguise evitar a rescisión dos
contratos e as obras retomáronse en xullo de 2015, sendo ministra Ana Pastor.
Nos orzamentos de 2018 aínda vixentes hai unha consignación de 10,8
millóns de euros para continuar coas obras.
O 27 de setembro de 2018 –tralo cambio de Goberno pola moción de
censura- o deputado Celso Delgado, nunha comisión de Fomento, preguntou ao
secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio, José Javier Izquierdo Roncero,
sobre a situación deste tramo, respondendo que “a obra estaba parada por estar tramitándose
un modificado”.
Foi esa a primeira vez que os representantes populares coñecían a
existencia dese modificado, que se xustificaba entre outros motivos por
adaptacións á normativa vixente, cuestións relacionadas co viaduto do Bubal e a incorporación do semienlace da Barrela.
O 22 de outubro de 2018, os comisionados do grupo da A-56
entrevistáronse novamente en Madrid con responsables do Ministerio de Fomento
(José Javier Izquierdo Roncero,
secretario xeral de Infraestruturas, e Ángel González del Río, xefe da
Demarcación de Estradas do Estado en Galicia), que lles informaron que a esa
data o grao de execución era do 51 %, que non se cumpriría o prazo de xuño de
2019 e que habería que pensar máis ben en finais dese ano.
Recentemente -en setembro de 2019- o goberno socialista cifraba a
execución das obras nun 67,71 %.
O avance é lento, posto que se en outubro de 2018 o grao de
execución era do 51 % e agora do 67,71 %, o incremento de obra cífrase en case
doce meses tan só nun 16,71 %.
Ademáis, o Ministerio non fixa unha data para a posta en servizo,
recorrendo ao eufemismo “continúa coas obras… de acordo ao programa de
traballos vixente”. O último compromiso que contraera era que estarían as
obras rematadas a finais do presente ano, o que non sucederá.
Analizada esta situación, os candidatos denunciamos a lentitude das
obras, apremiando ao Ministerio para que poña todos os medios necesarios para
o seu remate. E que no primeiro semestre de 2020 podamos xa circular por este tramo.