Tamén onte os candidatos do PP
participamos nun acto sectorial de Educación, celebrado no centro cultural
Marcos Valcárcel, diante dun numeroso auditorio, e que contou coa presenza da titular desta materia no Goberno
galego, Carmen Pomar, e do anterior Conselleiro, Jesús Vázquez Abad que presentou o acto.
Nunha breve intervención dixen que aspiraba a que na próxima lexislatura que naza tras as eleccións do 10 de novembro, sexa posible acordar no Congreso dos Deputados unha Lei de educación con vocación de estabilidade. E para que o seu resultado sexa satisfactorio deberían ser oídas as Comunidades autónomas, que son as que por competencias transferidas xestionan a educación, no caso de Galicia con enorme eficacia e acreditando resultados moi satisfactorios.
O número tres
da lista ao Congreso, o profesor Avelino García, fixo un repaso ás propostas que o PP ven
de facer no seu programa de intencións para o ámbito educativo. Destacando como
punto de partida o máximo respecto ás competencias delegadas nesta materia nas
autonomías, García citou outras cuestións como a liberdade de elección de centro, unha proba
nacional de avaliación de coñecementos en primaria e secundaria e maila ABAU,
materias troncais comúns en toda España, unha inspección educativa con
capacidade sancionadora, o bilingüismo en inglés ou a escolarización gratuíta
de 0 a 3 anos.
Non
obstante, Avelino García puxo o énfase na posta en marcha da FP dual, “unha
aposta de futuro para adecuar os coñecementos dos alumnos ás necesidades reais
das empresas e que terá o máximo expoñente en Ourense”. Referiuse así o
candidato popular ao Centro Galego de Innovación da Formación Profesional, unha
iniciativa impulsada polo presidente da Deputación e presidente provincial do
PP, Manuel Baltar, “o que demostra que o noso partido fala con feitos, cando
buscamos novas oportunidades formativas e laborais para os nosos mozos”.
Carmen Pomar- que salientou o gran traballo do seu antecesor Jesús Vázquez - incidiu na aposta do seu departamento
pola atención á diversidade e a escola inclusiva. Sinalou o sistema educativo
galego como o máis inclusivo de España. Segundo a última estatística do
Ministerio, Galicia ten a maior porcentaxe de alumnado con necesidades
educativas especiais integrado en centros ordinarios, o 92,7%. A isto
contribúe, en palabras da titular de Educación, o incremento do número de
profesionais dedicados á atención diversidade, que pasou en dez anos de pouco
máis de 2.700 a máis de 3.500.
Avanzou tamén que o seu departamento traballa nun Plan
de choque contra o acoso escolar, que incluirá formación específica de
profesorado en educación emocional e convivencia, e a oferta aos centros de
programas orientados á prevención da violencia e á mellora da convivencia
escolar.
Fixo un repaso polos avances na implantación dos
programas educativos a prol dun ensino plurilingüe e tecnolóxico, que chegan
cada ano a máis alumnado.
Xunto ao
fomento das competencias STEM nos centros educativos, a conselleira destacou o
labor desenvolvido a prol das competencias de comprensión lectora, coas
bibliotecas escolares como principal eixe. Así, neste curso máis de 700 centros
participan do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares.
Tamén falou da Formación Profesional na que segue a medrar no número de alumnos e
acada xa os 52.764 estudantes. A este respecto, salientou que Galicia oferta unha FP atractiva e adaptada ao tecido
socioprodutivo e que fomenta o emprendemento, ao tempo que está a dar pasos
significativos para consolidar a FP dual.
Puso en valor a planificación e o importante esforzo de
licitación e contratación realizado polo seu departamento para que neste curso
os centros de máis antigüidade desenvolvan a súa actividade lectiva en mellores
condicións.
Referiuse tamén ao cadro de
persoal docente, que neste curso supera os 30.110 profesionais e garante a
cobertura das necesidades do sistema educativo galego. Neste sentido, abondou
no compromiso do seu departamento coa estabilidade laboral dos docentes, con
continuas ofertas de emprego público; coas melloras retributivas, que comezaron
en outubro de 2018 e continuarán de xeito paulatino ata o 2021; e coa formación
permanente do profesorado porque para a formación inicial seguimos sen novas do
Goberno central.