Asisto invitado esta mañá ao
pleno do debate sobre o estado da provincia, "o máis importante xunto co
pleno de aprobación de orzamentos", como valorou o presidente da
Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que deu luz verde hoxe a un total de 23
propostas dos grupos políticos: 10 do Partido Popular, 7 de BNG e 6 de
Cidadáns, un plenario no que o presidente Baltar presentou 10 novas medidas, a
título persoal, como xa fixera nos anteriores debates do estado da provincia,
centradas nos ámbitos de medio ambiente, cultura, cooperación cos concellos,
emprego, deporte, turismo e termalismo.
No
debate, Manuel Baltar destacou a necesidade de que os responsables públicos e
as cámaras de representación política "empreguen sempre a humildade, e
desde ese prisma, se erixan como gobernos que gobernan, que resolven problemas
e que garanten estabilidade institucional e política. Esa é a dinámica -dixo-
da Deputación de Ourense, un goberno provincial como panca de cambio do
territorio e punto de encontro da veciñanza. A Deputación, en definitiva, como
gran consultora dos concellos", expresou.
As
10 medidas que propuxo o presidente Baltar son as seguintes:
1.
MEDIO AMBIENTE.- Cooperación específica en materia medioambiental co Concello
de Ourense, utilizando o compost obtido para rexenerar zonas degradadas por
incendios forestais e para programa de cooperación cos concellos para utilizalo
en zonas verdes e xardíns.
2.
DEPORTE.- Ourense como sede dunha etapa da "Vuelta ciclista a España"
en 2020.
3.
MEDIO RURAL.- Levar o documento de conclusións do "Ourense Rural
Summit" a entidades asociativas de gobernos europeos para reclamar a
adopción dunha "Axenda Rural Europea".
4.
CULTURA.- Desenvolver o proxecto do Centro de interpretación do galeguismo nos
Peares, lembrando sempre a Rodolfo Prada.
5.
TURISMO.- Presentar na vindeira edición de FITUR o xeodestino da Baixa Limia.
7.
CULTURA.- Baixo o paraugas do OUFF exercer un labor de coordinación e
achegamento ás iniciativas audiovisuais que existen e xurden en diferentes
lugares da provincia.
8.
EMPREGO.- Completar o proceso de traslado do alto emprego tecnolóxico ao
edificio "Provincia Intelixente", de conformidade con Abanca.
9.
TERMALISMO.- Iniciar as obras de acondicionamento e posta a punto do balneario
de Berán, converténdose nunha nova e atractiva posibilidade do termalismo de
Ourense.
10.
ETNOGRAFÍA.- Acondicionar as dependencias actuais do Inorde para acoller o
"Museo da roda de afiar", unha vez estea operativa a nova sede dos
servizos provinciais, no coñecido como "Edificio de Correos".
"Momento de propostas e solucións"
Manuel
Baltar, quen analizou no seu discurso os escenarios locais e globais da
política e a economía, destacou que nun momento como o actual, "de
incerteza e crise territorial en España, no que podería achegarse unha nova
recesión económica e onde semella que hai dobre velocidade nas comunidades
autónomas, cómpren propostas, solucións, feitos, realidades", dixo,
destacando que no escenario global no que nos atopamos, "a
internacionalización, a tecnoloxía e a xestión do talento son bazas fundamentais
para o crecemento". Neste sentido, citou o investimento "socialmente
responsable", que xa supera -afirmou- os 200.000 millóns de euros en
España. "Os fondos queren que as empresas nas que invisten asuman
prácticas de bo goberno e desenvolvan políticas sostibles e sociais, algo que
seguirá medrando grazas, en parte, ao Plan de Acción sobre Finanzas Sostibles
da Comisión Europea. Velaí unha andaina pública tamén por percorrer".
Baltar
dixo que estamos nun momento en que a chamada "age technology", a
industria relacionada cos servizos e produtos de última xeración para maiores,
"esperta o interese dos grandes investidores, outra oportunidade para esta
provincia, que ten retos claros como un turismo revolucionado polos
"viaxes á carta" onde o proxecto de destino turístico intelixente que
estamos implementando desde a Deputación marcará un antes e un despois,
multiplicado polo efecto das comunicacións cando chegue a alta
velocidade".
Neste
sentido, salientou os bos datos turísticos rexistrados na provincia, onde
agosto foi o mellor mes en turistas e pernoctacións de toda a historia, e onde
Ourense foi a quinta provincia de España que máis medrou con respecto a 2018,
un 10,4 %, segundo a Enquisa de Ocupación Hoteleira, subliñando que este pasado
verán marcou un récord turístico en Ourense, con 150.000 visitantes aloxados
nos hoteis da provincia.
"Sen
dúbida, nesa estratexia ten moito que ver unha marca como Termatalia, ligada a
un eixo de desenvolvemento fundamental: o ouro líquido de Ourense, os nosos
mananciais e o sector balneario. Velaí os 269 expositores e expertos termais
internacionais achegados á 19 edición de Termatalia, ademais de 25 medios de
comunicación de América Latina e Europa. Un sector onde o proxecto de lei de
augas termais con fins lúdicos é tamén unha oportunidade turística", dixo
o presidente da Deputación.
Cifras
ás que engadiu que Ourense foi a cidade que máis fondos europeos captou en
2017, e a provincia, a máis beneficiada en investimento por habitante en
Galicia: Ourense 17,84 euros; Lugo 12,76 euros; A Coruña 6,10 euros e
Pontevedra 4,66 euros, segundo o informe de fiscalización de fondos europeos
que fixo público o Consello de Contas.
Economía e emprego
No
que atinxe ao ámbito económico e laboral da provincia, Manuel Baltar,
baseándose nos datos do Observatorio Económico Ourensán, dixo que o debate
sobre o estado da provincia "desenvólvese nuns intres nos que a suma de
incertezas no campo internacional e nacional teñen producido unha
desaceleración do ritmo de crecemento das economías europea, española e galega,
"pero onde destaca o crecemento do conxunto de bens e servizos producidos
pola economía ourensá, que superou en case o dobre ao da galega e en algo mais
do 50% ao crecemento da economía española".
"A
esta evolución positiva das cifras do Produto Interior Bruto e do Valor
Engadido Bruto súmanse tamén evolucións positivas no outro conxunto de
indicadores que resultan claves para garantir o benestar dos habitantes da nosa
provincia: os da ocupación e os de desemprego", salientou Baltar, apuntando
que o número de persoas rexistradas nas oficinas de emprego da provincia de
Ourense era, no pasado mes de outubro, un 5,4 % inferior ás de outubro de 2018,
sendo a nosa a provincia galega onde mais diminuiu o paro rexistrado en termos
interanuais. "Compre destacar tamén que é unha diminución xeneralizada en
todo o territorio provincial e que o paro rexistrado ten diminuído en todas as
comarcas ourensás", dixo, remarcando "o significativo incremento da
taxa de ocupación feminina, que gaña un punto respecto á da EPA de fai un ano e
que se achega cara o 38%, o que supón un máximo histórico nos últimos dez anos.
Neste
sentido, afirmou que a creación de traballo feminino "é un dos elementos
centrais de calquera estratexia de fixación da poboación polo que, dende esta
institución, asumimos o reto de seguir acurtando o déficit que existe a día de
hoxe entre a taxa de ocupación feminina provincial e a galega".
Estes
datos, comentou o presidente, permiten manter para os próximos 12 meses
"as previsións económicas que nos fixábamos o ano pasado, procurando
achegarnos, no horizonte do ano 2020 ao obxectivo de asistir á plena
recuperación e á estabilización do mercado de traballo ourensán, cunhas cifras
de afiliación que se aproximen aos 106.000 afiliados no conxunto da provincia e
cunha taxa de paro por baixo do 12%".
Os
camiños para conseguilo, dixo, atópanse xa marcados: mellorar as taxas de
ocupación feminina, poñer en marcha un plan específico para potenciar o
crecemento empresarial e impulsar a actividade en sectores xa consolidados nos
que as empresas ourensás posúen altos niveis de competitividade (agroindustria,
viticultura, extracción da lousa, téxtil, comercio, automoción, termalismo ou
turismo), ademais de favorecer a conexión cos sectores emerxentes mediante procesos
relacionados con tecnoloxías avanzadas (automatización, captación e utilización
de grandes masas de datos nos procesos de toma de decisións, machine learning
ou intelixencia artificial), "que permitan ás nosas empresas manter e
incrementar a súa capacidade de creación de valor nun entorno cada vez mais
global e competitivo", afirmou Manuel Baltar.
Cooperación
O
presidente do goberno provincial destacou a sempre necesaria cooperación entre
administracións e co ámbito empresarial, e remarcou que a Deputación de Ourense
"traballa para todos: as entidades culturais, sociais, económicas, o
empresariado e o emprendemento, o cooperativismo, as pemes e os autónomos, os
creadores, os empregados e os desempregados; iso e o que facemos cos plans de
mandato, actualmente en execución o Plan Ourense 7273, por contar cunha visión
de provincia e coa Ourensanía por bandeira", e lembrou que a Deputación de
Ourense é, de novo, a primeira administración pública de España en contar cos
orzamentos para 2020, aprobados no mes de setembro.
Baltar
agradeceu as aportacións dos grupos a este debate sobre o estado da provincia,
"unha provincia que necesita do traballo de todos e que creamos nela. Crer
en Ourense para crear en Ourense. E o goberno provincial ten moito que dicir nesa
estratexia, unha filosofía política propia que marca o camiño e lidera o
territorio", dixo, remarcando que este "é o goberno do rigor, da
xestión, da innovación, da transparencia e da cooperación. O goberno da
veciñanza do territorio e da visión integral de provincia". E rematou
afirmando: "Que ninguén dubide que desde Ourense seguiremos defendendo os
sinais básicos da identidade galega: unha lingua propia, unha literatura de
prestixio e unha cultura popular diferenciada. Cuestións todas elas ás que Ourense
tanto aportou e seguirá aportando".
Propostas de resolución aprobadas
O
pleno aprobou 23 propostas de resolución sobre turismo, cultura, sectores
produtivos, igualdade, servizos sociais, medio ambiente, rural, economía,
termalismo, infraestruturas e transporte. Son as seguintes:
1.-
CULTURA E COOPERACIÓN. Posta en marcha da Rede Provincial de Museos da
provincia de Ourense. Analizando a singularidade de cada uno dos museos
existentes na provincia, para elaborar un plan dotando o conxunto dun
instrumento de cooperación para activar sinerxias.
2.-
INFRAESTRUTURAS. Poñer en marcha, da man da Asociación de Construtores de
Ourense, o proxecto "XEOESTRADAS" sobre as infraestruturas viarias da
nosa provincia. Unha ferramenta de participación cidadán para mellorar o estado
das vías provinciais que permitirá obter estatísticas buscando sempre a
prestación do mellor servizo público.
3.-
TURISMO. Executar o programa "Ourense destino turístico intelixente",
avanzando na vangarda do "turismo á carta" tendo en conta o
extraordinario potencial dos nosos recursos. O posicionamento de Ourense, de
todas as súas comarcas, da súa visibilidade dentro do turismo interior, é unha
capacidade que a Deputación debe abordar dun xeito preferente.
4.-
IGUALDADE. Dedicar espazos ou zonas de titularidade provincial para reivindicar
a posta en marcha de políticas de igualdade e a loita contra a violencia de
xénero. A transformación de espazos propiedade da Deputación en zonas que
signifiquen a aposta pola igualdade e a erradicación de toda violencia de
xénero.
5.-
TRANSPARENCIA E GOBERNO ABERTO. Retransmisión das Xuntas de Goberno da
Deputación. Liderar de novo a transparencia, sendo a primeira administración en
compartir coa veciñanza o contido das xuntas de goberno da institución.
6.-
IDENTIDADE. Organizar, en colaboración coa Xunta de Galicia, o Congreso Internacional
da Cultura Galega, e a Exposición sobre a Xeración Nós. Cumpríndose 100 anos da
aparición do primeiro número da Revista Nós en 2020, a Deputación fará un
esforzo especial na reivindicación dunha xeración proverbial no pensamento
galeguista. Tamén poñer en valor a cultura galega no contexto internacional.
7.-
EMPRENDEMENTO. Seguir apostando polos emprendedores ourensáns, co Plan
Emprendou da Deputación con fondos comunitarios, e facilitando o seu
asociacionismo para que sirva de panca para o nacemento de novas iniciativas
empresariais. Aproveitaremos o retorno e sinerxias das experiencias de éxito
derivadas dos plans e programas postos en marcha coa Escola de Organización
Industrial do Goberno de España.
8.-
TERMALISMO. Poñer en marcha o proxecto do futuro Gran Hotel Balneario na cidade
de Ourense. Constituirá o elemento tractor do termalismo na cidade de Ourense
cunhas instalacións de referencia a nivel nacional e internacional dignas da
capital do territorio con maior potencial termal de Europa.
9.-
EMPRESARIADO. Apoiar desde o INORDE, en colaboración coa Xunta de Galicia, a
segregación de 421.000 metros cadrados do Parque Tecnolóxico de Galicia para
incorporalos ao Parque empresarial de San Cibrao das Viñas. A xeración de máis
solo na área industrial máis grande de Galicia procurará a existencia de máis
proxectos empresariais aumentando a riqueza e o emprego.
10.-
MEDIO RURAL. Consolidar o Observatorio Internacional do Medio Rural, en
colaboración coa Universidade de Vigo, convertendo a Ourense en referencia nas
políticas de vangarda coa vista posta no reto demográfico. Contribuír ao deseño
e implantación dun ente participativo onde os sectores interesados, desde a
colaboración público-privada, teñan voz para seren escoitados e influencia nas
políticas que se recomenden.
11.-
MEDIO AMBIENTE. Instaurar un novo marco de xestión dos residuos sólidos urbanos
establecendo axudas para todos aqueles concellos que, dentro do marco de
xestión de residuos provincial ou fóra del, incorporen sistemas que permitan
uns mellores criterios de separación e recuperación, especialmente no que
respecta á materia orgánica, tal e como marca a estratexia Horizonte 2020 da
Unión Europea.
12.-
DESENVOLVEMENTO LOCAL. Establecer marcos de cooperación económicos e técnicos
cos GDR (Grupos de Desenvolvemento Local) como cos órganos de Xestión das
Reservas da Biosfera existentes na provincia, que lles permitan implementar
fórmulas de traballo cara á sostibilidade.
13.-
UNIÓN EUROPEA. Que a Deputación promova proxectos abertos a todas as
corporacións locais da provincia para a solicitude como beneficiarios das
distintas Ordes de Axudas da Unión Europea, permitindo que os concellos con
menos de 20.000 habitantes poidan optar a estas, e actuando a Deputación como
líder destas peticións ao tempo que permite a todos os interesados a
participación nos mesmos.
14.-
TRANSPORTE. Colaborar e esixir do Concello de Ourense e da Xunta de Galicia a
posta en marcha dun sistema de transporte público integrando que permita
acceder dun xeito sostible á veciñanza do resto dos concellos aos servizos da
capitalidade, e eventualmente que o territorio provincial se beneficie da
chegada do AVE, mediante un transporte público de calidade. Dentro deste mesmo
ámbito, cómpre esixir un tren de cercanías que vertebre a provincia e esta co
resto de Galicia. Así como reclamar ao Ministerio de Fomento a inmediata
redución dos prezos abusivos dos trens Avant que parten de Ourense e a mellora
nas súas frecuencias.
15.-
ECONOMÍA LOCAL. Establecer liñas de axudas directas para que os concellos
poidan desenvolver mercados de proximidade (KM0), incluíndo liñas que permitan
establecer pequenos obradoiros locais de deshidratados, sistemas clave..., que
permitan aos pequenos produtores facer transformacións básicas das súas producións,
permitindo con isto axudar ás economías locais e á posta en valor do medio
rural, promovendo a recuperación de superficies abandonadas.
16.-
ECONOMÍA. Reclamar a Xunta de Galicia e do Estado que doten orzamentariamente
todas aquelas competencias que teñen descargado nos últimos anos nos concellos.
Así como aquelas exencións (por exemplo a taxa de IVTM para persoas con
discapacidade) que o Estado aplicou, sen chegar nunca a compensar ás arcas
municipais por esta merma.
17.-
SANIDADE. Instar á Xunta de Galicia a dotar aos servizos sanitarios de Atención
Primaria dos medios humanos e materiais mínimos indispensables para dar unha
atención de calidade, mellorando a súa coordinación. Ao tempo, reclámase que a
atención hospitalaria na provincia sexa cuberta e se dote de persoal e dos
recursos necesarios, tal e como están a reivindicar os profesionais da sanidade
pública.
18.-
EDUCACIÓN. Potenciar a nosa cultura e ofrecer alternativas lúdicas aos nosos
nenos e adolescentes en idade escolar, que permitan aproveitar e optimizar os
nosos recursos.
19.-
MEDIO RURAL. Poñer en valor o enclave "As Corcerizas", no núcleo
rural de Vilar de Barrio.
20.-
SERVIZOS SOCIAIS. Apostar polo benestar dos nosos maiores. Posta en marcha de
proxectos de cohousing-vivendas colaborativas.
21.-
TURISMO. Creación dunha APP de turismo.
22.-
INFRAESTRUTURAS. Creación dunha comisión de seguimento de infraestruturas e
investimentos provinciais.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta