jueves, 7 de noviembre de 2019

Eleccións Xerais 10N: En Galicia, só o PP pode conseguir actas para formar un Executivo alternativo ao de Pedro Sánchez e os seus socios


As vinte horas en Expourense tivemos o mítín principal, presentado por Jesus Vázquez que presentou aos intervientes.

A cabeza de lista polo Congreso, Ana Vázquez, iniciou a súa intervención no mitin central de Ourense cunhas palabras de apoio aos membros dos Corpos e Forzas de Seguridade –Policía Nacional, Garda Civil, Mossos d´Esquadra- que en días pasados defenderon a liberdade nas rúas de Cataluña, “sufrindo nas súas carnes a ira do independentismo e que o próximo domingo van traballar a reo para permitir que todos os cataláns que tamén se sinten españois podan votar coa máis absoluta liberdade”.

Vázquez afirmou que unir o voto nestas eleccións significa pensar en España, en Galicia e Ourense, “para liderar un goberno en Madrid que non nos marxine, que non haxa que reclamar cartos ao Estado ou que non aprace a chegada do AVE”. Un voto unido, engadiu, “co que dicirlle aos seguidistas de Sánchez que non temos fatiga democrática e que acudiremos ás urnas cantas veces sexa preciso, pensado sempre en ofrecerlle solucións aos cidadáns e para liderar un goberno ao que non lle van tremer as pernas para tomar decisións”.

Despois de oito meses e medio cun goberno socialista instalado na parálise e dezaseis meses de inestabilidade, a cabeza de lista do PP ourensán ao Congreso asegurou que o próximo domingo o PP pode “facer historia, poñendo fin ao bloqueo para comezar a traballar, e para iso temos a ferramenta máis importante e a máis efectiva: a papeleta do Partido Popular, coa que imos a ensinar a Sánchez a porta de saída da Moncloa”.

Logo o presidente provincial do Partido Popular, Manuel Baltar, pediu o voto unánime dos ourensáns ao PP como a única vía capaz de garantir un goberno “sólido, estable e fiable”, apelando á capacidade de xestión, experiencia e compromiso dos populares, “como así estamos a demostrar no goberno local de Ourense, na Deputación e na Xunta de Galicia”.

Baltar reclamou un voto unido en torno ás siglas do PP “para ofrecer aos ourensáns un interlocutor válido en Madrid que nos escoite e cumpra os seus compromisos coa nosa provincia, poñendo punto final a esta etapa de incertidume e inestabilidade que foi o único logro dos socialistas nos últimos dezaseis meses”.

O presidente provincial contrapuxo a falta de liderado de Sánchez “á capacidade de xestión, de deseñar programas realizables e de pacto do PP ourensán, con gobernos que son quen de aprobar orzamentos, porque haberá orzamentos no Concello de Ourense, porque na Deputación fomos a primeira administración pública de España e aprobalos hai 42 días e porque a Xunta de Galicia xa entregou no Parlamento o seu proxecto económico para o próximo ano”.  

Esa é a diferenza entre un goberno socialista que non funciona e os gobernos populares, “que si saben cumprir coas súas obrigas e traballar polos cidadáns, como facemos no PP de Ourense, tomando desde a Deputación a iniciativa na candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio mundial da Unesco, planificando o protagonismo que deberán ter os camiños de Santiago na provincia no Xacobeo 2021, impulsando a marca Ourense como provincia termal, apostando por ser referente da formación en Galicia co Centro de Innovación da FP, ou o emprego tecnolóxico co proxecto Provincia Intelixente e afrontando os retos do futuro co Observatorio do Medio Rural”.

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu aos galegos que se unan este domingo no Partido Popular para que todos os votos sumen escanos e haxa outro Goberno. E recalcou que, en Galicia, só o PP pode conseguir actas para formar un Executivo alternativo ao de Pedro Sánchez e os seus socios.
Incidiu en non caer na trampa dos socialistas de dividir o voto de centro-dereita e pediu o apoio para cambiar a inestabilidade polas certezas, a frivolidade polo rigor e a responsabilidade, a inacción ante a desaceleración pola experiencia acreditada, o desinterese por Galicia polo respecto, un partido en permanente campaña electoral por un Goberno que xestione e un candidato, na Moncloa por un presidente.

Como apuntou Feijóo, Pedro Sánchez substituíu un Goberno que creaba emprego e aprobaba os seus orzamentos por outro apoiado por Podemos, nacionalistas, Bildu e os independentistas; un Goberno, engadiu, que foi incapaz de Gobernar e que bloqueou España tres veces. E fixo fincapé en que, á hora de votar, non esquezamos aos traballadores de Alcoa, das centrais térmicas, do sector forestal, da automoción e do naval.
Para Feijóo, España necesita que Pedro Sánchez perda para que todos os españois poidan saír gañando. Referiuse á situación de inestabilidade á que os socialistas levaron ao país, ao paro e á inacción ante a desaceleración, á equidistancia ante os extremistas que o PSOE ten como socios e o continuo menosprezo a Galicia. Así, pediu un voto unido, para que o luns se produza un cambio, porque do contrario a división fará que se repita todo isto: “Votar e votar unidos o próximo domingo”.

Salientou que o domingo só hai dúas opcións: PSOE ou Partido Popular. Así, apuntou que para que todo siga igual os españois teñen varias vías: quedar na casa ou votar PSOE, a Podemos, a nacionalistas e, tamén, a VOX e a Ciudadanos. Xa que, segundo dixo, dar o apoio a estas últimas dúas formacións divide o voto do centro-dereita e favorece directamente aos socialistas porque todos eses votos quedarán sen escanos e sen senadores. Pola contra, quen queira que haxa un presidente e un Goberno en España só ten unha vía: o Partido Popular.

Parar rematar, pediu unir o voto no PP, para que o deterioro económico non sexa maior debido á parálise do Executivo socialista, cuxas políticas sempre fallan ante as dificultades económicas, como se ten visto en épocas anteriores; e, tamén, para que os traballadores de Alcoa, As Pontes e os dos sectores naval e forestal teñan unha alternativa e non perdan o seu emprego. Para o líder do PPdeG, só co PP España pode saír deste bucle e haberá un goberno para todos e un país que funcione.

Neste senso, salientou que só hai unha papeleta para que triunfe o cambio e para que España volva ter un Goberno útil, para que cree emprego e una aos españois: “A papeleta do PP é garantía de que Pedro Sánchez se vaia e volva o cambio”.