As vinte horas en Expourense tivemos o mítín principal, presentado por Jesus Vázquez que presentou aos intervientes.
A cabeza de lista polo Congreso,
Ana Vázquez, iniciou a súa intervención no mitin central de Ourense cunhas
palabras de apoio aos membros dos Corpos e Forzas de Seguridade –Policía
Nacional, Garda Civil, Mossos d´Esquadra- que en días pasados defenderon a
liberdade nas rúas de Cataluña, “sufrindo nas súas carnes a ira do
independentismo e que o próximo domingo van traballar a reo para permitir que
todos os cataláns que tamén se sinten españois podan votar coa máis absoluta
liberdade”.
Vázquez afirmou que unir o voto
nestas eleccións significa pensar en España, en Galicia e Ourense, “para
liderar un goberno en Madrid que non nos marxine, que non haxa que reclamar
cartos ao Estado ou que non aprace a chegada do AVE”. Un voto unido, engadiu, “co
que dicirlle aos seguidistas de Sánchez que non temos fatiga democrática e que
acudiremos ás urnas cantas veces sexa preciso, pensado sempre en ofrecerlle
solucións aos cidadáns e para liderar un goberno ao que non lle van tremer as
pernas para tomar decisións”.
Despois de oito meses e medio cun
goberno socialista instalado na parálise e dezaseis meses de inestabilidade, a
cabeza de lista do PP ourensán ao Congreso asegurou que o próximo domingo o PP
pode “facer historia, poñendo fin ao bloqueo para comezar a traballar, e para
iso temos a ferramenta máis importante e a máis efectiva: a papeleta do Partido
Popular, coa que imos a ensinar a Sánchez a porta de saída da Moncloa”.
Logo o presidente provincial do
Partido Popular, Manuel Baltar, pediu o voto unánime dos ourensáns ao PP como a
única vía capaz de garantir un goberno “sólido, estable e fiable”, apelando á
capacidade de xestión, experiencia e compromiso dos populares, “como así
estamos a demostrar no goberno local de Ourense, na Deputación e na Xunta de
Galicia”.
Baltar reclamou un voto unido en torno
ás siglas do PP “para ofrecer aos ourensáns un interlocutor válido en Madrid
que nos escoite e cumpra os seus compromisos coa nosa provincia, poñendo punto
final a esta etapa de incertidume e inestabilidade que foi o único logro dos
socialistas nos últimos dezaseis meses”.
O presidente provincial
contrapuxo a falta de liderado de Sánchez “á capacidade de xestión, de deseñar
programas realizables e de pacto do PP ourensán, con gobernos que son quen de
aprobar orzamentos, porque haberá orzamentos no Concello de Ourense, porque na
Deputación fomos a primeira administración pública de España e aprobalos hai 42
días e porque a Xunta de Galicia xa entregou no Parlamento o seu proxecto
económico para o próximo ano”.
Esa é a diferenza entre un
goberno socialista que non funciona e os gobernos populares, “que si saben
cumprir coas súas obrigas e traballar polos cidadáns, como facemos no PP de
Ourense, tomando desde a Deputación a iniciativa na candidatura da Ribeira
Sacra a patrimonio mundial da Unesco, planificando o protagonismo que deberán
ter os camiños de Santiago na provincia no Xacobeo 2021, impulsando a marca
Ourense como provincia termal, apostando por ser referente da formación en
Galicia co Centro de Innovación da FP, ou o emprego tecnolóxico co proxecto
Provincia Intelixente e afrontando os retos do futuro co Observatorio do Medio
Rural”.
O presidente
do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu aos galegos que se unan este domingo no
Partido Popular para que todos os votos sumen escanos e haxa outro Goberno. E
recalcou que, en Galicia, só o PP pode conseguir actas para formar un Executivo
alternativo ao de Pedro Sánchez e os seus socios.
Incidiu en non caer na trampa dos socialistas de dividir
o voto de centro-dereita e pediu o apoio para cambiar a inestabilidade polas certezas,
a frivolidade polo rigor e a responsabilidade, a inacción ante a desaceleración
pola experiencia acreditada, o desinterese por Galicia polo respecto, un
partido en permanente campaña electoral por un Goberno que xestione e un
candidato, na Moncloa por un presidente.
Como apuntou
Feijóo, Pedro Sánchez substituíu un Goberno que creaba emprego e aprobaba os
seus orzamentos por outro apoiado por Podemos, nacionalistas, Bildu e os independentistas;
un Goberno, engadiu, que foi incapaz de Gobernar e que bloqueou España tres
veces. E fixo fincapé en que, á hora de votar, non esquezamos
aos traballadores de Alcoa, das centrais térmicas, do sector forestal, da
automoción e do naval.
Para Feijóo, España necesita que Pedro Sánchez perda para
que todos os españois poidan saír gañando. Referiuse á situación de inestabilidade á que os socialistas levaron ao país, ao paro e á inacción
ante a desaceleración, á equidistancia ante os extremistas que o PSOE ten como
socios e o continuo menosprezo a Galicia. Así, pediu un voto unido, para que o
luns se produza un cambio, porque do contrario a división fará que se repita
todo isto: “Votar e votar unidos o próximo domingo”.
Salientou que o domingo só hai dúas opcións: PSOE ou Partido Popular.
Así, apuntou que para que todo siga igual os españois teñen varias vías: quedar
na casa ou votar PSOE, a Podemos, a nacionalistas e, tamén, a VOX e a
Ciudadanos. Xa que, segundo dixo, dar o apoio a estas últimas dúas formacións
divide o voto do centro-dereita e favorece directamente aos socialistas porque
todos eses votos quedarán sen escanos e sen senadores. Pola contra, quen queira
que haxa un presidente e un Goberno en España só ten unha vía: o Partido
Popular.
Parar rematar,
pediu unir o voto no PP, para que o deterioro económico non sexa maior debido á
parálise do Executivo socialista, cuxas políticas sempre fallan ante as
dificultades económicas, como se ten visto en épocas anteriores; e, tamén, para
que os traballadores de Alcoa, As Pontes e os dos sectores naval e forestal
teñan unha alternativa e non perdan o seu emprego. Para o líder do PPdeG, só co PP España pode saír deste bucle e
haberá un goberno para todos e un país que funcione.
Neste senso, salientou que só hai unha papeleta para que triunfe o cambio
e para que España volva ter un Goberno útil, para que cree emprego e una aos
españois: “A papeleta do PP é garantía de que Pedro Sánchez se vaia e volva o
cambio”.