Hoxe a conselleira
de Infraestruturas e Mobilidade, Ehtel Vázquez, supervisou as obras da estación
de autobuses intermodal de Ourense, que estará á disposición dos veciños e
usuarios no verán de 2020.
Vázquez Mourelle
destacou que esta infraestrutura irá acompasada do novo aparcadoiro subterráneo
que executa ADIF, unhas actuacións que supoñen un investimento global de preto
de 11 millóns de euros, dos cales case 9 son achegados desde a Xunta.
Salientou que o
Executivo autonómico está a traballar para que esta nova estación de autobuses
intermodal estea dispoñible no Xacobeo e permita converter a Ourense nun
importante nó de comunicación ferroviarias en Galicia.
Neste sentido,
indicou que o Goberno galego agarda que o Ministerio de Fomento tamén avance no
cronograma para a reforma da estación ferroviaria, a integración urbana e a
conexión cos barrios da Ponte e do Vinteún, así como no cumprimento dos
compromisos para a chegada do AVE que Ourense e Galicia agardan.
Lembrou que a Xunta
retomou hai unhas semanas as obras da nova estación de autobuses intermodal,
logo de que fose liberada a praia de vías por parte do Adif, que ocupaban parte
do espazo no que se asentará a terminal.
Precisou que os
traballos avanzan logo de acordar a mellor maneira de simultanear os traballos
da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo que está a executar Adif,
para manter o máximo número de prazas posibles de aparcamento para os usuarios
mentres se realizan as actuacións.
Explicou que na
actualidade se están a levar a cabo os traballos de escavación e movemento de
terras e unha vez rematados, se acometerán as cimentacións e a construción da
estrutura do edificio da estación. Engadiu que tamén se cimentarán parte das
dársenas, deixando libres unhas 85 prazas de aparcadoiro.
Concretou que se
prevé que na próxima primavera estea finalizada a estrutura do edificio da terminal de autobuses, máis de 700 m² para
albergar servizos de venda de billetes, consigna, oficinas, aseos, ademais de
13 dársenas de operación e outras 3 de regulación.
A partir de aí,
sinalou que continuará a execución da 1ª metade das dársenas, o que permitirá
deixar en servizo unhas 50 prazas de aparcadoiro. Despois executarase a outra
metade das dársenas e a estrutura de cubrición, quedando liberado todo o espazo
para a urbanización, e xa sen prazas de aparcadoiro nesta zona.
Nesas datas, está
previsto que Adif teña xa adiantado ese aparcadoiro subterráneo de 300 prazas
que está executando e que financia maioritariamente a Xunta.
A responsable de
Infraestruturas fixo fincapé na aposta conxunta das tres administracións pola
integración estética e funcional das terminais de tren e autobús de cara a
facilitar o uso do transporte público e facer cidade.
Hoxe pola tarde fun ata a estación e puiden comprobar persoalmente como había unha intensa actividade de operarios e máquinas realizando eses traballos de escavación e movemento de terras. Estas fotos o acreditan.
Confío en que estas obras avancen con normalidade e que se poida cumprir o cronograma previsto.