Hoxe no Parlamento o de Galicia o conselleiro de
Facenda, Valeriano Martínez, anunciou que o primeiro que fará a Xunta cando se constitúa o novo Goberno de España será pedir o pago íntegro
dos 700 millóns de euros que lle adebeda a Galicia. E asegurou que “atender
esta débeda é o primeiro e máis inmediato asunto da axenda galega que o Goberno
ten que cumprir”.
Na súa intervención durante o debate de totalidade do
proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade autónoma para o 2020, o titular de
Facenda lembrou que o Parlamento galego xa se ten pronunciado en tres ocasións,
cun alto grao de consenso, demandando o pago total destes recursos e lamentou
que a día de hoxe, o Goberno central “tan só transferise 60 dos 700 millóns que
lle debe a Galicia”.
40 anos de autogoberno
Durante o debate, o conselleiro lembrou que Galicia
volve ser das primeiras comunidades en tramitar as súas contas e subliñou que
“Galicia é un caso único en España en poder encadear 40 orzamentos seguidos”.
Todo isto grazas á estabilidade outorgada á Xunta polos galegos que “fai que
esteamos blindados ante a inestabilidade do Estado e a nosa obriga é
transformar esta inestabilidade en seguridade, certeza e confianza”.
Valeriano Martínez explicou que se trata do 5º
orzamento expansivo consecutivo e o máis elevado nunha década, con máis
recursos pero prudente porque “queremos que Galicia sexa un antídoto ao bloqueo
estatal”. Segundo expuxo, “estes orzamentos queren mellorar a vida dos galegos
do ano 2020” pero tamén comezar a planificar a vindeira década con catro
grandes prioridades: a Galicia moza, a Galicia familiar, a Galicia innovadora e
a Galicia verde. Estas prioridades incluiranse no novo Plan Estratéxico de
Galicia 2021-2030 que se aprobará no 1º semestre de 2020.
A Comunidade Autónoma disporá o vindeiro ano dunha
capacidade de gasto de 10.149 millóns de euros, un 3% que neste exercicio, co
que Galicia contará con 300 millóns máis que este ano e 1.400 máis que en 2016.
Ademais, seguen apostando polo reequilibrio territorial cun maior gasto per
cápita nas provincias orientais respecto das atlánticas, de aí que o maior
investimento por habitante volva producirse en Lugo (4.252 euros per cápita) e
Ourense (4.096), fronte aos 3.281 euros de A Coruña e os 3.200 de Pontevedra.
Menos impostos e máis beneficios fiscais
O conselleiro subliñou que o modelo da Xunta baséase
en fortalecer o crecemento económico con menos déficit, menos débeda e, tamén,
con menos impostos.
En canto ao imposto de Sucesións e Doazóns, desde 2016
non se pagan impostos polos primeiros 400.000 € en familiares directos, sen
contar a vivenda habitual, unha medida que xa beneficia aos 99% das
liquidacións. E o número de beneficiarios xa supera os 355.000 en menos de 4
anos. Ademais, hai que ter en conta que practicamente un de cada tres -un total
de 107.776- son beneficiarios por pactos sucesorios en vida. Agora, elévase a 1
millón de euros por herdeiro a cantidade exenta de pagar neste imposto. Con
esta medida, o 99,94% dos galegos non pagarán Imposto de Sucesións entre
familiares directos a partir do 1 de xaneiro de 2020, o que supón a súa
práctica supresión.
Por outra banda, unha das prioridades do Goberno
galego é que esta sexa a lexislatura do rural e, nese obxectivo, ten moito que
ver a política de Impostos 0 no rural xa consolidada, así como as rebaixas de
impostos en zonas pouco poboadas. Nestes orzamentos refórzase esta estratexia
para fixar poboación e para que sexa máis doado vivir no rural e do rural.
Entre as novidades, inclúese a rebaixa do imposto pola compra dunha vivenda
usada no 94% do territorio galego. Para iso, redúcese o Imposto sobre
Transmisións Patrimoniais (ITP) do 7% ao 5% no caso de compra de vivenda
habitual, e do 10 ao 6% para o resto de compras de vivenda, co obxectivo de
fixar poboación no rural e dinamizar estas 3.500 parroquias. Tamén se aproban
máis facilidades para a sucesión das empresas familiares e ponse en marcha unha
novidosa ‘dedución verde’ no IRPF.
Ademais, a estas importantes rebaixas fiscais hai que
engadir o cada vez máis importante volume de beneficios fiscais no orzamento.
En 2020 chegan ata os 448 millóns de euros, o que supón 84 millóns de
incremento durante esta lexislatura, un 23% máis. O 95% destes beneficios
fiscais son de carácter social.
Reforzo do gasto social e dos investimentos
Os Orzamentos para 2020 reforzan un ano máis o gasto
social, que medra en 275 millóns respecto a este ano e acada os 7.400 millóns
de euros, a cifra máis alta da historia. Estes novos recursos permitirán
incrementar o gasto directo en sanidade, no ensino e nas políticas sociais, e
poñer en marcha medidas pioneiras no ámbito familiar como a gratuidade das
escolas infantís a partir do segundo fillo ou a ampliación da Tarxeta Benvida.
Tamén medra o capítulo de investimentos, que acada os 1.691 millóns de euros.
Xacobeo, empregados públicos e débeda
Nas contas do vindeiro ano tamén destaca a dotación
para o Xacobeo, para o que se destina un paquete de medidas nas distintas
consellerías por 82 millóns de euros para afrontar con éxito a preparación do
vindeiro Ano Santo e conseguir que o Xacobeo 2021 sexa o mellor da historia.
Ademais, recóllese a anualidade correspondente aos
acordos sectoriais para mellorar as retribucións do persoal da sanidade
pública, do ensino público, da xustiza, do Consorcio de Servizos de Igualdade e
Benestar, bombeiros forestais e axentes medioambientais.
En canto ao endebedamento, Valeriano Martínez destacou
que neste momento Galicia é a comunidade que menos aumentou a débeda desde
2008; leva 2 anos en práctica consolidación fiscal e tivo o 1º superávit en 16
anos; encabeza o esforzo investidor en España, destinando o dobre de recursos
por habitante que a media de CCAA, e lidera o pago aos provedores. Para o ano
2020, Galicia quere seguir por este camiño e, de feito, a ratio de débeda/PIB
en Galicia de 2018, comunicada oficialmente polo Banco de España, é do 18,1%, 5
décimas menos que en 2017. Esta evolución descendente seguirá nos vindeiros
exercicios, á vez que se remata a consolidación fiscal.