lunes, 23 de diciembre de 2019

Na inauguración da nova sede da Biblioteca Pública do Estado en Ourense




Asisto esta mañá ao acto de inauguración da nova sede da Biblioteca Pública do Estado en Ourense, a cargo do ministro de Cultura e Deporte en funcións, José  Guirao, e do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

No acto interveu tamén o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez; e estaba presente o Presidente do Parlamento de Galicia Miguel Santalices, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o presidente da Deputación Provincial, José Manuel Baltar, o delegado do Goberno, Javier Losada e a directora desta biblioteca, Rosa Díaz, entre outras personalidades.

Na súa intervención José  Guirao mostrou a súa satisfacción pola apertura da nova sede: “Coa inauguración desta biblioteca cumprimos a nosa misión de facilitar, da mellor maneira posible, o acceso gratuíto e universal á información, o coñecemento e a memoria da humanidade”.


“A nova sede da biblioteca supuxo un investimento total de máis de 12 millóns de euros. Esta sede actualiza e mellora a calidade do servizo bibliotecario e ten en conta as necesidades dos usuarios e os novos modos de obter a información, unha biblioteca do século  XXI nun monumento histórico con moitos séculos de historia.

"O complexo está destinado a converterse nun referente cultural e arquitectónico. A súa superficie duplica o número de metros cadrados útiles chegando a un total de 6.000”.

Finalmente, o ministro anunciou que no próximos seis meses inaugurarase o arquivo estatal a escasos metros de alí, no mesmo conxunto histórico.


A nova biblioteca pode agora albergar con folgura un fondo bibliográfico de máis de 190.000 documentos e incrementar os seus servizos. Dispón de salón de actos, zona infantil, zona de préstamo e consulta de adultos, salas infantís e xuvenís, hemeroteca e espazos de traballo e formación e de acceso a internet.
O centro é de titularidade estatal e xestión transferida á Xunta de Galicia. Situada no conxunto do Convento de San Francisco, a Biblioteca Pública do Estado en Ourense está destinada a converterse nun referente cultural e arquitectónico da cidade, formando parte do complexo urbano definido polos tres edificios do Ministerio de Cultura e Deporte (biblioteca, arquivo e depósito do arquivo) e pola súa proximidade ao Auditorio e Palacio de Congresos de Ourense.

No seu discurso o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que a Xunta fará partícipes a todos os ourensáns da obra colectiva que supón a nova sede da Biblioteca Pública do Estado, cun concurso de ideas que lanzará para elixir o seu nome, que quedará para a posteridade.
Feijóo aseverou que para os galegos as bibliotecas son unha especie de pequenas Galicias nas que se produce o diálogo constante que existe no noso pobo. “Tanto en Galicia como nas bibliotecas hai unha rica diversidade. Tanto en Galicia como nas bibliotecas, culturas e idiomas enriquécense entre si, lonxe de polémicas artificiais”, dixo, subliñando que a Atenas galaica sigue viva como lugar de encontro e reencontro.

Ao fío disto, recordou que Ourense foi chamada a Atenas galega por ser aquí onde brillaron os pensadores máis senlleiros da galeguidade. “Desde aquí irradiaron a toda Galicia o desexo de que a nosa cultura recibira as influencias das grandes correntes europeas, e tamén desde Ourense crearon un afluente cultural que desembocou no pensamento europeo”, explicou, ao que engadiu que bibliotecas como esta teñen o don de proporcionarlle inmortalidade a todos aqueles que abriron e abren as nosas mentes.
Feijóo resaltou que logo da colocación da primeira pedra no 2003, finalmente a cidade e a provincia contan cun espazo no complexo cultural de San Francisco, que supón un incremento do 300% de superficie útil, en relación co vello emprazamento na rúa do Concello, e ao que se trasladaron 160.000 libros, 16.600 documentos audiovisuais e máis de 4.000 revistas e xornais.
En relación co vello emprazamento na rúa do Concello, o responsable do Executivo autonómico destacou, malia o precario desa instalación, o crecemento constante de visitantes e usuarios que desminte o agoiro de que as bibliotecas son un vestixio do pasado sen lugar no futuro. Así, entre o 2016 e o 2018 houbo un incremento anual de case mil socios, un logro que atribuíu á rica oferta de actividades que abrangue a todas as idades, e se diversifica en varios formatos.
Logo de afirmar que esta biblioteca que se está a inaugurar xa está instalada no mañá e proxéctase ao exterior para converterse nun factor de dinamización cultural, Feijóo concluíu lembrando que a Comunidade bautizou como Rede o seu sistema de bibliotecas; unha rede colaborativa na que interveñen diferentes administracións e onde a xestión e a titularidade combínanse sen problema algún.
Nesa rede están as bibliotecas de titularidade estatal situadas na comunidade, as 335 bibliotecas de titularidade pública local e 13 bibliotecas públicas e de titularidade privada, ademais de canalizar axudas como as que este ano se destinan á dotación de novidades editoriais en galego en formato físico, e tamén á mellora das coleccións bibliográficas.
Parabéns Ourense!!!






Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta