Asisto hoxe no local multiusos de Lobios a un acto no que a conselleira
de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez presentou o proxecto de mellora da
estrada OU-540, desde Celanova ata a Baixa Limia e a fronteira portuguesa.
Estivo acompañada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas,
Francisco Menéndez, a rexedora de Lobios e os alcaldes de Bande, Entrimo, Lobeira e Muíños.
Vázquez Mourelle informou
que o contrato deste proxecto licitado hoxe, completará o eixe de comunicación
Ourense – Celanova – Fronteira portuguesa coa mellora da estrada desde Celanova
ata Lobios, e conta cun orzamento de 200.000 euros. As empresas interesadas
poden presentar as súas ofertas ata o 14 de xaneiro, tal e como recolle a
publicación na Plataforma de Contratos de Galicia.
Explicou que o proxecto de actuación nesta
estrada vai incluír a intervención en varios treitos para aumentar a súa
capacidade coa execución de novos terceiros carrís de adiantamento. Isto,
sinalou, vai supoñer unha mellora cualitativa para os case 7.000 veciños da
Baixa Limia que diariamente percorren a mesma, cun volume de tráfico diario de entre
1.500 e 2.500 coches, e que se incremente considerablemente no mes de agosto
ata preto dos 4.000.
Concretou que dos 34 km que separan a saída
da autovía en Celanova Sur e a ponte de Lindoso, practicamente 8 disporán dun
novo terceiro carril de adiantamento, o que unido aos terceiros carrís xa
existentes, farán que 15 km, o 44% do percorrido, conten con terceiro carril de
adiantamento.
A isto hai que engadir a mellora do trazado,
sumando 4 quilómetros e medio de rectificacións de curvas.
Un proxecto que a conselleira cualificou de
ambicioso e cuxa execución supón un investimento da orde dos 9 millóns de
euros, e que, tal e como salientou suporá unha importante mellora nas
comunicacións interiores da Baixa Limia e nas súas conexións con Celanova e
Ourense.
Ethel Vázquez subliñou que cumprindo cos
prazos previstos na Lei de contratos públicos, o departamento que dirixe prevé
poder asinar o contrato antes do verán e comezar os traballos de redacción do
proxecto, con obxectivo
de someter a información pública a efectos expropiatorios e iniciar a
tramitación ambiental no propio ano 2020 e, a continuación, aprobar o proxecto
e iniciar a contratación das obras.
Puxo o acento na acción da Xunta na construción
e mellora da mobilidade por estrada dos galegos e galegas en condicións de
seguridade, nun tempo no que se fala moito das subidas das peaxes das
autoestradas e mesmo se poden escoitar plantexamentos de implantar pagos por
uso nas autovías estatais hoxe gratuítas.
Deste xeito, lembrou que desde 2009 a Xunta leva
posto en servizo 220 km de vías de altas prestacións sen unha soa peaxe, das
que case 40 foron na provincia de Ourense. Aquí apuntou que, practicamente a
metade deles beneficiaron directamente á Baixa Limia, coa posta en marcha da
autovía entre Ourense e Celanova Sur, que supuxo 18,7 km dunha vía deseñada cun
altísimo estándar de calidade e un investimento de máis de 120 millóns de
euros.
Celebro moito este anuncio pois atende unha
vella reivindicación para mellorar as conexión desta importante comarca da
provincia de Ourense.
Recibirá resposta