Celebro como unha boa nova que o presidente do Goberno galego, Alberto
Núñez Feijóo, dera conta hoxe na rolda de prensa do Consello da extensión da
gratuidade do transporte público interurbano a todos os menores de 21 anos.
Amplíase así, dixo, o rango de idade dos usuarios da Tarxeta Xente Nova, que
botou a andar no ano 2016 e limitaba ata os 18 anos incluídos a idade dos
beneficiarios.
Para este fin destinarase no ano 2020 unha partida de 2,6 M€, o
que supón un incremento do 52% na bonificación. Poderán beneficiarse máis de
372.000 mozos e mozas ao longo de 2020, fronte aos máis de 55.500 que na
actualidade están a utilizar esta tarxeta.
En relación ao funcionamento do dispositivo, Feijóo explicou que
os usuarios poderán realizar de balde un total de 60 viaxes mensuais no
transporte público regular por estrada. Así mesmo, o titular do Goberno galego
fixo fincapé en que esta tarifa, que comezará a aplicarse a partir do 1 de
xaneiro nas áreas metropolitanas, irá progresivamente superando o actual ámbito
territorial das áreas de transporte metropolitano podendo aplicarse en todas as
viaxes interurbanas que se efectúen en calquera concello de Galicia.
Xa para concluír, o presidente da Xunta destacou a compoñente
social, a vertente educativa e de sensibilización e concienciación desta
iniciativa. Contribuirá, dixo, a aliviar os gastos das familias, a facilitar o
acceso aos centros de formación e para fomentar o uso dun transporte compartido
máis sustentable e respectuoso co medio.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta