Celebro que o Parlamento de Galicia
aprobara o pasado martes a nova Lei de medidas de garantía do abastecemento nos
episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, unha norma que entrará en vigor en xaneiro de 2020.
Segundo explicou Ethel Vázquez, a pesar da
crenza común, Galicia precisa adaptar a súa xestión da auga ao novo contexto
climático, que se evidencia nun cambio no réxime de precipitacións, con máis
períodos de seca prolongados e episodios de chuvias intensas.
A conselleira sinalou que a nosa Comunidade é
moi sensible a esta nova situación, pois a capacidade dos seus embalses é baixa
e as secas afectan, sobre todo, ás zonas máis poboadas de Galicia, pois os ríos
máis caudalosos se atopan na metade interior. Como exemplo puxo a situación de
escaseza de chuvia vivida no ano 2017, cando na comarca de Vigo se viu en risco
o abastecemento.
Ademais, Vázquez destacou que, ao mesmo
tempo, o desenvolvemento urbanístico en épocas pasadas a través de terreos
“gañados” ao mar ou aos ríos, sitúa unha parte importante da poboación en risco
de sufrir asolagamentos.
Por estes motivos, apuntou a necesidade de
impulsar un cambio de cultura sobre o uso da auga, tanto na sociedade xeral
como nas administracións públicas, sobre todo nos concellos, responsables das
competencias sobre o ciclo urbano da auga. A ese respecto mencionou a gravidade
do feito de que en Galicia haxa redes municipais que perdan ata o 40% da auga
despois de potabilizala, ou que haxa potabilizadoras incapaces de tratar con
garantías de calidade a auga cando o nivel dos encoros se sitúa por debaixo do
40% de ocupación.
Ante esta situación, e co obxectivo engadido
de velar pola calidade das augas galegas, Vázquez Mourelle explicou que a
Administración autonómica actúa en varias frontes para adaptar a xestión dos
recursos hídricos. Referiuse así, en primeiro lugar, ao labor de planificación,
a través, fundamentalmente dos plans hidrolóxicos que guían o proceder de cada
administración hidráulica.
En segundo lugar, a conselleira subliñou o
impulso por parte do Goberno galego de novos proxectos normativos destinados a
adaptar a xestión pública da auga ao cambio climático, nomeadamente a través da
Lei de garantía de abastecemento.
Situar as perdas de auga por debaixo do 20%
Como primeiro obxectivo desta norma, indicou o de acadar unha xestión axeitada dos servizos do ciclo urbano da auga, procurando, entre outras cousas, situar as fugas das redes municipais de abastecemento por debaixo do 20% nun período de 3 anos, para o que os concellos contarán con axuda da Xunta de Galicia.
O segundo obxectivo da Lei é reducir a
vulnerabilidade fronte os episodios de seca, para o que se establecen medidas
de planificación, de xestión eficiente dos recursos hídricos e de execución de
novas infraestruturas.
Neste punto, a conselleira remarcou a
importancia de anticiparse para evitar ter que tomar decisións de forma
improvisada ante a seca, polo que enfatizou a aposta da lei pola elaboración de
plans de seca, tanto a nivel autonómico, como municipal.
Tendo en conta que na actualidade non hai nin
un concello galego que conte cunha ferramenta deste tipo, a norma establece que
os plans de emerxencia locais deberán estar aprobados e dotados dun contido
mínimo nun período de 2 anos.
Para iso, os municipios tamén contarán co
apoio técnico e financeiro da Xunta, que xa concedeu as primeiras 20 axudas
para elaborar plans de emerxencia fronte a seca e proximamente publicará unha
nova convocatoria.
Ethel Vázquez destacou, ademais, que a Lei
facilita a execución de infraestruturas de urxencia, acurtando ao máximo os
trámites, cando a situación do abastecemento aconselle declarar a “emerxencia
por seca”.
No encontro, a conselleira presentou tamén o
segundo proxecto normativo impulsado pola Xunta en materia de auga, neste caso
destinado a conseguir unha maior calidade nos servizos de abastecemento,
saneamento e depuración de augas residuais.
Tendo en conta as dificultades contrastadas
de gran parte dos concellos galegos para exercer correctamente estas
competencias municipais, e que o 58% das depuradoras xestionadas por concellos
teñen un funcionamento deficiente, a Xunta aposta por crear un sistema de apoio
que siga o modelo de Sogama para os residuos.
Trátase da creación dunha sociedade 100%
pública na que os concellos que o desexen poidan delegar as súas competencias,
conseguindo unha xestión profesionalizada e de calidade dos servizos,
aproveitando as vantaxes da explotación agrupada.
Segundo dixo Ethel Vázquez, traballar por un
mellor saneamento é traballar por un maior coidado ambiental, pola saúde
pública e polo futuro das actividades económicas vencelladas ao mar e ás augas
en xeral.
A conselleira lembrou que a Xunta investiu na
última década 1.100 millóns de euros en obras de abastecemento e saneamento de
apoio aos concellos, o que permitiu mellorar en 10 puntos a porcentaxe de masas
de auga con boa calidade e duplicar a capacidade de depuración de auga.
Finalmente, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade
salientou a aposta do seu departamento pola innovación na xestión da auga, que
permite avanzar en cuestións concretas como a recollida de mostras mediante
drons ou a mellora da eficiencia enerxética das depuradoras.
Avanzou que a Xunta está inmersa nun proceso de compra pública innovadora de 7 millóns de euros que no eido da innovación con tres obxectivos: mellorar a xestión do recurso hídrico e o medio ambiente, a resiliencia fronte ao cambio climático e a economía circular.