Especialmente relevante é a nova de que o presidente
da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou esta mañá o Plan Ribeira Sacra. Plan
de xestión da paisaxe cultural 2020-2023, unha ferramenta que tal e como
explicou é imprescindible para esta zona e supón un paso relevante no camiño
cara á súa inclusión na lista do Patrimonio Mundial da Unesco.
“Como saben, levamos moito tempo traballando nesta
candidatura”, dixo, asegurando que xa se declarou á Ribeira Sacra Ben de
Interese Cultural na categoría de paisaxe cultural e xa se conseguiu que a súa
candidatura sexa a que presentará España no ano 2021. Momento no que aproveitou
tamén para agradecer ás entidades locais o seu compromiso decidido no impulso
dunha candidatura que é “capaz de ilusionar a toda Galicia”.
Con respecto ao plan que hoxe se deu a coñecer,
precisou que é un instrumento de planificación que se articulará en 7 programas
e que contén 35 accións que se desenvolverán nunha área duns 3.000km2 na que
viven máis de 60.000 habitantes. Con melloras en eidos como: o patrimonio e
paisaxe cultural; a ordenación do territorio; a conservación dos valores
naturais e medio ambiente; o desenvolvemento económico sustentable, a xestión
do turismo; a educación, formación e investigación ou a comunicación e
participación.
O Plan Ribeira Sacra compromete máis de 34 M€, dixo,
un investimento que involucra a 5 consellerías e do que se beneficiarán 25
concellos co obxectivo de que a candidatura chegue nas mellores condicións
posibles.
Ademais, destacou que o dito plan define unha
estratexia común para a correcta conservación e protección dunha zona de
especial interese, a Ribeira Sacra, cuxa importancia reside no seu excepcional
Románico, no seu patrimonio antropolóxico, na súa impresionante xeografía
física, nas mostras de vida ermítica de occidente que alí se atopan ou nas
mostras de enxeñaría asociadas ao cultivo das vides.
Cómpre resaltar que esta planificación engádese a
outras iniciativas como o Plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra, que
foi a Consello en setembro, na que se inscribe a candidatura técnica da Reserva
da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel que avanza en paralelo
á de Patrimonio Mundial. “Sería un gran fito para Galicia que a Ribeira Sacra
obtivese eses 2 recoñecementos”, abundou.
Plan especial de Infraestruturas e dotacións do
consorcio local dos Peares
Por outra banda, o titular do Goberno galego tamén foi
partícipe da sinatura da Orde de aprobación definitiva do Plan especial de
Infraestruturas e dotacións do consorcio local dos Peares, un instrumento de
vangarda na ordenación do territorio que, por primeira vez, abrangue 2
provincias e 4 concellos, facendo da complexidade unha oportunidade. Tivo
lugar, asegurou, só uns días despois da aprobación no Consello do Proxecto de
Lei de ordenación do territorio.
As actuacións previstas neste plan, explicou, deixan
planificados preto de 15 M€ de investimento que se irán executando co obxectivo
de realizar distintas accións como: a urbanización do borde fluvial do río
Búbal, a pavimentación de accesos á estación ferroviaria ou a ampliación do
paseo do río Miño, que xa está en marcha. E tamén actuará como guía para a
mellora das condicións estéticas.
En definitiva, sentenciou, para lograr poñer en valor
o noso territorio son imprescindibles ferramentas como o Plan Ribeira Sacra e o
Plan especial de Infraestruturas e dotacións do consorcio local dos Peares.