“Vamos a seguir traballando, con leis, con resolucións, con decretos e con plans”, dixo, aseverando que o patrimonio natural e a calidade ambiental seguirán a formar parte da axenda do Goberno galego.
Ao fío disto, o presidente do Executivo autonómico incidiu en que a protección ambiental e o desenvolvemento industrial “non son, nin deben ser conceptos excluíntes”. E recordou que Galicia é a terceira comunidade cunha Estratexia de Economía Circular, ademais de contar cunha Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 e reducir un 5% as emisións de CO2, mentres España as incrementa.
Nesta mesma liña, destacou que o 12% do territorio da Comunidade forma parte da rede de espazos protexidos; “e aprobamos a Lei de patrimonio natural, o plan director de ríos, o plan director da rede natura e o plan de usos e xestión do Parque Illas Atlánticas, ademais dos restantes ou o decreto polo que se crea a rede de reservas da biosfera de Galicia”, engadiu, referíndose tamén, en materia de calidade ambiental, á aprobación do plan de xestión de residuos urbanos, do plan de residuos industriais, á eliminación dos vertedoiros incontrolados ou ao incremento da capacidade de reciclaxe de Sogama nun 81%.
Rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas
Tamén Alberto Núñez Feijóo, anunciou a aprobación no Consello un decreto polo que se crea e regula o rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas, que permitirá mellorar a conservación e posta en valor destas masas, formadas por especies de gran interese como carballos, castiñeiros, cerquiños e bidueiros, como recurso económico, social e ambiental de Galicia.
Entre os beneficios que suporá o rexistro destas masas para os seus titulares, cómpre salientar o feito de que, ademais de vantaxes e incentivos fiscais, terán prioridade na concesión de axudas públicas, especialmente para dotarse dun instrumento de ordenación ou xestión forestal que regule os seus aproveitamentos dunha forma sustentable.
O decreto supón un importante desenvolvemento da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e responde tamén ao establecido polo ditame da Comisión forestal do Parlamento galego. Non en van, a extensión actual das masas de frondosas autóctonas na nosa comunidade é de preto de 415.000 hectáreas, o que supón algo máis do 20% do territorio forestal galego, de aí a necesidade e a importancia de contar con esta ferramenta.
Neste rexistro, quedarán inscritas aquelas masas cunha superficie en couto redondo de polo menos 15 hectáreas e cunha idade media de polo menos vinte anos. E admitirase a presenza doutras especies arbóreas sempre que non representen máis do 25% do número de pés maiores -aqueles cun diámetro igual ou superior a 7,5 centímetros-.
Así mesmo, favorecerase tamén a súa xestión forestal activa, mediante actuacións de mellora e aproveitamento continuadas, seguindo os modelos silvícolas que sexan de aplicación ás especies principais que compoñan as súas masas. Ademais, de promoverse a súa xestión mediante sociedades de fomento forestal (Sofor) ou por medio de calquera outro tipo de asociación ou agrupación prevista na lexislación vixente.