miércoles, 11 de diciembre de 2019

Unha xusta proposta da Xunta á Fomento para evitar máis incrementos extraordinarios nas peaxes da AP-9 e aplicar novas bonificacións do 25 % nas viaxes de ida e volta no día


Hoxe a Xunta trasladoulle ao Goberno estatal unha proposta para evitar máis incrementos extraordinarios nas peaxes da AP-9 e aplicar novas bonificacións do 25 % nas viaxes de ida e volta no día. A comparto integramente.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén de remitirlle ao secretario de Estado de Infraestruturas, Pedro Saura, unha proposta que contén dúas medidas concretas para paliar o impacto das peaxes nas economías familiares e na competitividade de Galicia.

Por unha parte, esta alternativa céntrase na revisión da aplicación do Real Decreto que fixa o aumento de tarifas do 1 % acumulativo durante 20 anos para financiar a ampliación da autoestrada en Santiago e na ponte de Rande.

Trátase de revisar o acordo pechado en 2011 coa concesionaria, eliminando os pagos inxustificados, xa que, de cumprirse nos seus termos, suporá que os galegos paguen a Audsasa mediante as peaxes un total de 1.400 millóns de euros por unhas obras que custaron preto de 230 millóns.  A Xunta propón que o custo das obras se afronte a través dos Presupostos Xerais do Estado en lugar de con subas de peaxe e sen incluír beneficios inxustificados para a concesionaria.

Así, proponse un pago anual á concesionaria de 53,1 millóns de euros durante 5 anos por parte dos Presupostos Xerais do Estado que, sumado ás dúas subas de peaxe xa acometidas, permitiría evitar novos incrementos extraordinarios.

Por outra parte, esta alternativa do Goberno galego tamén plantexa a bonificación doutro 25 % a todos os usuarios que realicen traxectos de ida e volta no día pola AP-9 e que sería complementaria á que xa se vén aplicando.

Vázquez Mourelle cualificou estas medidas de realistas e viables e concretou que son froito dun intenso traballo de estudo que realizou a Xunta para avanzar cara un maior equilibrio territorial en materia de peaxes no conxunto de España e paliar a desigualdade de Galicia.

Destacou na misiva a preocupación da Xunta por mor da desigual evolución das peaxes nas autoestradas do Estado, xa que mentres a AP-9 afrontará subidas de tarifas no 2020 e sucesivos anos, outras vías como as de Sevilla- Cádiz ou Tarragona- Alicante, deixarán de ser de pago.

Explicou que estas subas nos prezos da principal arteria de comunicación de Galicia están xerando un desequilibrio ao se acentuar as desvantaxes da súa situación xeográfica periférica e reforzar a asimetría territorial en termos de mobilidade e competitividade.

Subliñou que fronte a estes incrementos nas tarifas da AP-9, a Xunta está a facer un importante esforzo para minimizar o impacto das peaxes das autoestradas autonómicas nas familias e na economía galega. Para isto, precisou que o próximo ano as tarifas non aumentarán e ademais se seguirán aplicando bonificacións nas viaxes de volta como nas realizadas en horario nocturno e se comezarán a efectuar descontos ás familias numerosas.

Ethel Vázquez tamén lle solicitou ao secretario de Estado de Infraestruturas a convocatoria dunha nova xuntanza da comisión da AP-9 para abordar conxuntamente a proposta de actuación hoxe remitida.

Cómpre lembrar que esta comisión foi constituída en 2017 pola Xunta e o Ministerio de Fomento e ten demostrado ser un foro de colaboración institucional de utilidade.

Os antecedentes do 26 de febreiro de 2019

Nesa data da XII Lexislatura os deputados do PP de G no Congreso presentamos unha batería de enmendas ao articulado da  Proposición de Lei Orgánica  de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Comunidade Autónoma de Galicia.

Nunha nota de prensa difundida ese día dicíamos  “ Demandamos que o cambio de titularidade sirva para paliar o desequilibrio territorial en materia de autoestradas de peaxe que prexudica a Galicia, e acadar tamén unha mellor eficiencia e eficacia da vía. “É necesaria a súa transferencia para rachar con esta discriminación”, e que permita unha xestión máis directa e pegada ao territorio que suporá unha mellora considerable da calidade do servizo e un aumento da súa competitividade.

E así co fin de garantir o imprescindible equilibrio territorial e igualdade de oportunidades de Galicia co resto de España, instan ao Estado a que asuma, con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado a supresión da aplicación do incremento da tarifa do 1% acumulativo anual durante os próximos 20 anos. Neste punto, recordábamos que estas subas das tarifas teñen a súa orixe nun acordo aprobado polo Goberno socialista en 2011. “Queremos que se poña fin a estes pagos inxustos e que se afronte o custo das obras acometidas, a través dos Orzamentos Xerais do Estado en lugar de con subas inxustificadas de peaxe”, indicamos. “É inaceptable –engadiu- que os galegos teñan que pagar máis de 1.400 millóns de euros por unha infraestrutura que custou menos de 230 millóns”.

Os deputados do PP de G o 26-2-2019 no Congreso
Os populares propoñen, tamén, a bonificación da peaxe nun 25% para itinerarios de ida e volta, aplicándose a ambos itinerarios para todos os tipos de vehículos e calquera día da semana. Unha medida que afonda na diminución do impacto das peaxes nas economías familiares, na competitividade e na seguridade viaria.


Tamén nesas emendas esixiamos tamén o cumprimento de todas aquelas actuacións xa comprometidas polo anterior Goberno de Mariano Rajoy. Así, recordabamos, a liberalización da peaxe de Redondela, a ampliación de Alfonso Molina, a conexión da AP-9 coa A-54 (Enlace Orbital) nas súas dúas fases, a reforma do enlace de Pontevedra Norte, o Vial 18 de conexión entre AP-9 e AC-14, así como as medidas derivadas do Plan de Acción contra o ruído aprobado polo Ministerio de Fomento.


A estas actuacións sumábamos tamén: a ampliación da capacidade de aqueles tramos da autoestrada no que o nivel de servizo que se rexistre o faga preciso, como son os tramos entre A Coruña e Guísamo, Pontevedra Norte-Pontevedra Sur, a ponte de Rande, Rande-Puxeiros e AP-9, incluíndo a remodelación do enlace de Bos Aires."

Lamentablemente a disolución da XII Lexislatura por decisión de Pedro Sánchez  o 5 de marzo de 2019 impediu que a tramitación desta Proposición de Lei Orgánica - que fors admitida a trámite o 11 de decembro de 2019 - continuase.

http://www.celsodelgado.gal/2018/12/o-congreso-aproba-iniciar-transferencia.html

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es


Recibirá resposta