Esta mañá tivo lugar o acto de inauguración da nova sede
da Biblioteca Pública do Estado en Ourense, a cargo do ministro de Cultura
e Deporte en funcións, José Guirao, e do presidente da
Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
Nas vésperas decidín ver o meu amplo
arquivo documental integrado por preguntas e respostas parlamentarias, boletíns
oficiais, informes e por suposto recortes de prensa.
E logo
publiquei no meu Blog- en dúas entregas- este breve resumo histórico temporal do importante
proxecto da Biblioteca que ten unha antigüidade de dúas décadas, e que vivíu
toda clase de incidencias, moitas delas negativas.
1999-2003
Dada a insuficiencia da Biblioteca pública do Estado de Ourense situada na rúa Concello, inaugurada en 1978 e cunha superficie de só de 3.860 metros cadrados, o Goberno atendendo a petición municipal considerou necesario ampliar e mellorar este equipamento na nosa cidade.
Sendo Ministro de Educación, Cultura e Deporte Mariano Rajoy e alcalde de Ourense Manuel Cabezas, o 5 de novembro de 1999 asinaron un protocolo entre o Ministerio e o Concello para que se producise a cesión dunhas parcelas que estaban no conxunto histórico de San Francisco, para rehabilitar e para construír nelas as instalacións do arquivo e da biblioteca.
O 7 de xaneiro de 2000 o Concello acordou a cesión de uso do inmoble. O anteproxecto redáctase pola propia Xerencia de Infraestruturas e Equipamentos do Ministerio, por José Luis Ramos.
Sendo Ministra do ramo Pilar del Castillo, en novembro de 2001 aprobouse o proxecto.
As
obras licitáronse no BOE do 8 de agosto de 2003 cun orzamento base de
16.187.329,12 € e foron adxudicadas á U.T.E., Construtora Hispánica S.A. e
Castilla de Construcciones, A.B.S., S. A. o 4 de novembro de 2003 por importe
de 15.062.309,70 €.
2004-2019
Sendo Ministra de Cultura Carmen Calvo Poyato en
decembro de 2004, o Ministerio parou as obras ao detectar presuntos incumprimentos
pola adxudicataria e autorizou a suspensión temporal parcial dos traballos e a
modificación do proxecto.
O 27 de setembro de 2006 no Senado a ministra Calvo en resposta á
senadora Mercedes Gallego afirmou “que as obras finalizarán en 2007. Eu
creo que este é un dato extraordinario para a cidade de Ourense, para toda a
provincia, porque vai contar cunha biblioteca de 6.900 metros cadrados,
practicamente unha duplicación da que tiñamos, e no concurso público a
execución desta obra estivo cifrada en máis de 15 millóns de euros, 15 millóns
de euros dunha obra que iniciamos en 2004, neste período de lexislatura, e que
estará terminada no 2007”
Sendo Ministro de Cultura César Antonio Molina o
19 de febreiro de 2007 o Ministerio informaba parlamentariamente por
escrito a unha pregunta de Celso Delgado, e dicía que “exposta a
remodelación do proxecto e previa reunión coas Administracións interesadas,
concluíuse a necesidade de levar a cabo un reformado en cuxa elaboración se
traballa actualmente”
O 26 de novembro de 2007, tras as avaliacións técnicas necesarias,
o Secretario Técnico da Xerencia de Infraestruturas e Equipamentos do
Ministerio, adoptou o acordo de iniciar o expediente de resolución do contrato
e dar traslado do mesmo ao adxudicatario.
O 29 de maio de 2008 emitiu un Ditame o Consello de Estado e o 6 de xuño do mesmo ano o Consello de Ministros autorizaba á Xerencia declarar a resolución do contrato de rehabilitación e construción do arquivo e a biblioteca por incumprimento do contratista e acordaba autorizar a convalidación dun gasto por importe de 2.771.724,68 € correspondente ao proxecto modificado non aprobado.
Sendo Ministra de Cultura Ángeles González Sinde o
20 de abril de 2009 asinouse a acta de continuación das obras. O 3 de marzo de
2010 licitouse o contrato de servizos para a redacción do proxecto de
terminación das obras.
O 28 de febreiro de 2011 os arquitectos José Manuel Casavella e
José Luis Martínez presentaron o proxecto que se cifraba en 17,1 millóns de
investimento e dicíase que as obras se licitarian no segundo semestre
dese ano.
Sendo Ministro de Educación,Cultura e Deporte, José
Ignacio Wert Ortega o 29 de xuño de 2012 a Administración Xeral do
Estado recibiu do Concello a cesión da parcela onde se constrúe a Biblioteca.
O 7 de decembro de 2012 o Consello de Ministros autorizou a
celebración do contrato para finalizar as obras e o 29 de xaneiro de 2013 o
Ministerio licitou as obras por un importe total de 16.689.022,93 €.
O 1 de xullo de 2013 adxudicouse o contrato de terminación das
obras a Corsan- Corviam, Construción S.A. por un importe de 13.310.000 €
e cun prazo de execución previsto de trinta e dous meses.
Sendo Ministro do ramo Íñigo Méndez de Vigo o 9
de marzo de 2016 o alcalde Ourense Jesús Vázquez entrevistouse co ministro para
desbloquear os problemas expostos na execución da obra. En abril de 2016
Isolux- Corsan renunciou ao contrato e cedeuno a Copasa. A cesión do
contrato foi solicitada por Isolux- Corsan en decembro de 2015 alegando
dificultades para executar as obras.
O 9 de marzo de 2017 nunha resposta a unha pregunta parlamentaria,
o Ministro dicía: “a obra de construción da Biblioteca Pública do
Estado en Ourense está finalizada, aínda que apareceu un problema nos chans da
planta principal que o Goberno, a través da Xerencia de Infraestruturas e
Equipamentos do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, xunto coa empresa
construtora, están a tratar de solucionar no menor tempo posible, a efectos de
proceder á súa recepción e posta ao dispor da Xunta de Galicia. Así mesmo,
comezáronse a tramitar os expedientes de adquisición de equipamentos en
coordinación coa Xunta de Galicia, estando prevista a súa adquisición e
instalación no presente exercicio.”
Sendo Ministro de Cultura José Guirao Cabrera, o
21 de novembro de 2018 o Ministerio nunha resposta escrita informaba que “as
obras da nova sede da Biblioteca atópanse finalizadas e pendentes de recepción
pola Administración Xeral do Estado, a partir da cal se procederá á
subministración do equipamento e mobiliario” e engadíase “O
equipamento foi adquirido con data do pasado 30 de setembro por valor
de 103.183,34 € e estase pendente da recepción do edificio para proceder á súa
instalación, así como estúdase – xunto cos técnicos da Xunta e a Dirección da
Biblioteca – o resto de necesidades para a súa adquisición polo Ministerio de
Cultura e Deporte”
O 13 de xaneiro de 2019 foron recibidas as obras pola
Administración Xeral do Estado.
As solicitudes de licenza de ocupación e de actividade
presentáronse ao Concello nos meses de abril e maio e a finais de xullo de 2019
fíxose entrega da finca de acceso e praza pública entre edificacións.
Do superficial relato anterior, vemos como o proceso estivo cheo de dificultades, complexidades administrativas, quebras de empresas adxudicatarias, litixios xudiciais, lentitude na toma de decisións, etc.
Nada menos que oito ministros ocuparon o Ministerio de Cultura, catro populares e catro socialistas.
Fago constar tamén que en relación co proxecto da Biblioteca presentei nestes anos no Congreso un total de 35 iniciativas parlamentarias, en solitario e en compañía doutros deputados como Ana Vázquez, Guillermo Collarte, Jesús Vázquez, Miguel Viso, etc. Todas elas tiveron por obxecto solicitar información, activar trámites, coñecer os motivos dos atrasos ou das inexecucións orzamentarias, etcétera.
Tamén foron moitas as xestións para que este proxecto tivera consignación orzamentaria nas leis de PGE de cada ano.
É xusto tamén mencionar o interese demostrado nestes anos no impulso a este proxecto doutros deputados do PSOE como Alberto Fidalgo, Laura Seara ou Rocío de Frutos. Tamén senadores como Mercedes Gallego e Carmen Leyte do PP e Xosé Manuel Pérez Bouza do BNG. E seguro que algún máis que non lembro agora.
E tamén por alcaldes e concelleiros do Concello de Ourense entre outros, Manuel Cabezas, José Luis Rodríguez Cid, Aurelio Gómez Villar, José Luis Baltar, Francisco Rodríguez, Alexandre Sánchez Vidal, Enrique Nóvoa, Isabel Pérez, Aurea Soto, Rosendo Fernández, Agustín Fernández, José Araujo, Jesús Vázquez, etc.
Tamén destacar o impulso que desde a Xunta de Galicia deron os diferentes Conselleiros que ostentaron as responsabilidades de Cultura. E tamén as xestións feitas polos subdelegados do Goberno, entre outros Camilo Ocampo, Roberto Castro, e Emilio González.
Hoxe fou un día importante para min, logo de tantos anos de impulso e control deste proxecto, e celebro moito poder ver inaugurada unha instalación cultural de primeira orde que sen dúbida dará un extraordinario servizo aos ourensáns.
Ben o merecen os cidadáns aos que debemos todos – na medida das
nosas responsabilidades- pedir desculpas pola demora.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta