24 de decembro de 2019
”Hai cinco anos tiven a honra, por primeira vez como Rei, de felicitarvos o Nadal e de transmitirvos unha mensaxe de afecto e bos desexos para o novo ano. Unha mensaxe tamén de compromiso coa miña vocación de servir a España con lealdade, responsabilidade e total entrega.
Polo tanto, agradézovos que me permitades novamente compartir convosco uns minutos nesta noite tan especial. E o primeiro que quero facer, naturalmente, é desexarvos —xunto á Raíña, a Princesa Leonor e a Infanta Sofía— a maior felicidade e paz nestes días nos que nos reunimos coas nosas familias e seres queridos.
E nestas horas queremos ter un recordo moi especial con todo o noso cariño para as familias e persoas máis afectadas e que máis sufriron –mesmo traxicamente– as consecuencias das inundacións e as riadas que se produciron en España durante os últimos días, como o foron outras moitas ao longo do ano.
Dise –e é verdade– que o mundo non vive tempos doados. Quizais nunca o sexan de todo; pero os actuais son, sen dúbida, tempos de moita incerteza, de cambios profundos e acelerados en moitos ámbitos que provocan na sociedade preocupación e inquietude, tanto dentro coma fóra do noso país: A nova era tecnolóxica e dixital, o rumbo da Unión Europea, os movementos migratorios, a desigualdade laboral entre homes e mulleres ou o xeito de afrontar o cambio climático e a sostibilidade, entre outras..., son cuestións, en fin, que están moi presentes e condicionan xa de xeito inequívoco as nosas vidas.
E xunto a todo iso, a falta de emprego —sobre todo para os nosos mozos— e as dificultades económicas de moitas familias, especialmente aquelas que sofren unha maior vulnerabilidade, seguen sendo a principal preocupación no noso país. É un feito que no mundo —e tamén aquí—, en paralelo ao crecemento e ao desenvolvemento, a crise económica agudizou os niveis de desigualdade.
Así mesmo, as consecuencias para a nosa propia cohesión social da revolución tecnolóxica á que me referín antes, a deterioración da confianza de moitos cidadáns nas institucións, e dende logo Cataluña, son outras serias preocupacións que temos en España.
Agora, despois das eleccións celebradas o pasado 10 de novembro, encontrámonos inmersos no procedemento constitucional previsto para que o Congreso dos Deputados outorgue ou denegue a súa confianza ao candidato proposto para a Presidencia do Goberno. Así pois, corresponde ao Congreso, de acordo coa nosa Constitución, tomar a decisión que considere máis conveniente para o interese xeral de todos os españois.
Dicíavos ao principio que non vivimos tempos doados; pero tamén creo que, por iso precisamente, debemos ter máis que nunca unha confianza firme en nós mesmos e en España, que sempre soubo abrirse camiño cando afrontamos o futuro con responsabilidade, con xenerosidade e rigor; con determinación, pero tamén con reflexión e serenidade. E temos razóns de sobra para ter esa confianza.
O progreso dun país depende, en boa medida, do carácter dos seus cidadáns, da fortaleza da súa sociedade e do adecuado funcionamento do seu Estado.
O pasado 19 de xuño tiven a grande honra de condecorar coa Orde do Mérito Civil a 41 cidadáns procedentes de toda España. Mulleres e homes, maiores e novos, de orixes e condicións diversas, que son un verdadeiro exemplo de dignidade e fiel reflexo do mellor da nosa sociedade.
Puiden apreciar persoalmente a súa xenerosidade e espírito solidario, a súa capacidade de sacrificio e superación, a súa disposición para axudar aos demais e antepoñer o ben común aos intereses particulares, a súa coraxe en situacións adversas; calidades que son expresión das virtudes cívicas que inspiran á inmensa maioría dos nosos cidadáns.
Trátase, sen dúbida —e interésame especialmente salientalo—, de actitudes que foron forxando paso a paso a personalidade dos españois e moldeando a nosa sociedade actual ao longo destas xa catro décadas de democracia.
Unha sociedade que experimentou unha transformación moi profunda, como xamais antes na nosa historia; que vive conforme a valores e actitudes compartidos coas demais sociedades libres e democráticas; que é e se sente profundamente europea e iberoamericana; e que non está illada, senón moi aberta ao mundo e plenamente integrada na sociedade global.
Unha sociedade que fixo fronte –e superou– situacións moi difíciles cunha serenidade e enteireza admirables, demostrando unha gran resistencia e madureza.
Unha sociedade, en fin, emprendedora e xenerosa, que desenvolve unha gran creatividade e un liderado indiscutible en moitos campos como a enxeñaría, a medicina, a ciencia, a cultura, o deporte ou a empresa.
Vivimos nun Estado Social e Democrático de Dereito que asegura a nosa convivencia en liberdade e que converteu a España nun país moderno, con prestacións sociais e servizos públicos esenciais como en educación e en sanidade; que está equipado cunha gran rede de infraestruturas de comunicacións e transportes de vangarda, e garante como poucos a seguridade dos cidadáns.
Unha Nación, ademais, cunha posición privilexiada para as relacións internacionais grazas á súa clara vocación universal, á súa historia e á súa cultura. Os que nos visitan, invisten aquí ou deciden vivir entre nós, son testemuñas de todo iso, recoñéceno e destácano.
É moito, así pois, o que construímos xuntos, o que xuntos avanzamos. E podemos sentirnos moi orgullosos dos valores que inspiran aos nosos cidadáns, da enerxía, a vitalidade e o dinamismo da nosa sociedade e da solidez do noso Estado. E coido que é importante dicilo, non por unha autoestima mal entendida senón porque é unha realidade contrastada que debemos pór en valor.
Ante esa realidade non debemos caer nos extremos, nin nunha autosatisfacción que silencie as nosas carencias ou erros, nin nunha autocrítica destrutiva que negue o gran patrimonio cívico, social e político que acumulamos.
Sen dúbida queda moito por facer, por mellorar e renovar. Para iso é preciso ter unha conciencia clara e obxectiva das nosas fortalezas e das nosas debilidades; e ademais, ter unha visión o máis realista e completa de como e cara a onde vai o mundo.
Todo canto logramos —como comentei outras veces— non se xerou de xeito espontáneo. É o resultado, en última instancia, de que millóns de españois, grazas á nosa Constitución, compartimos ao longo dos anos uns mesmos valores sobre os que fundamentar a nosa convivencia, os nosos grandes proxectos comúns, os nosos sentimentos e ideas.
E de entre eses valores, quero destacar en primeiro lugar, o desexo de concordia que, grazas á responsabilidade, aos afectos, á xenerosidade, ao diálogo e ao respecto entre persoas de ideoloxías moi diferentes, derrubou muros de intolerancia, de rancor e de incomprensión que marcaran moitos episodios da nosa historia.
En segundo lugar, a vontade de entendemento e de integrar as nosas diferenzas dentro do respecto á nosa Constitución, que recoñece a diversidade territorial que nos define e preserva a unidade que nos dá forza.
E en terceiro e último lugar, a defensa e o impulso da solidariedade, a igualdade e a liberdade como eixos vertebradores da nosa sociedade, facendo da tolerancia e o respecto manifestacións do mellor espírito cívico da nosa vida en común.
Estes valores levan moitos anos presentes entre nós e constitúen un sinal de identidade da España dos nosos días; pero non podemos dalos por supostos nin tampouco esquecer a súa fraxilidade; e por iso debemos facer todo o posible para fortalecelos e evitar que se deterioren.
O tempo non se detén e España non pode quedarse inmóbil, nin ir por detrás dos acontecementos. Ten que seguir percorrendo o seu camiño, sen pecharse en si mesma como noutras épocas do pasado e levantando a ollada para non perder o paso ante os grandes cambios sociais, científicos e educativos que sinalan o futuro.
Os desafíos que temos por diante non son sinxelos pero, como en tantas ocasións da nosa historia recente, estou convencido de que os superaremos. Confiemos en nós mesmos, na nosa sociedade; confiemos en España e manteñámonos unidos nos valores democráticos que compartimos para resolver os nosos problemas; sen divisións nin enfrontamentos que só erosionan a nosa convivencia e empobrecen o noso futuro.
Temos un gran potencial como país. Pensemos en grande. Avancemos con ambición. Todos xuntos. Sabemos facelo e coñecemos o camiño...
Con ese ánimo e con ese espírito, a Raíña, as nosas fillas e mais eu, desexámosvos a todos –e de xeito especial a cantos estades lonxe, traballando e velando polo noso país, ou prestades aquí servizos esenciais nestas horas– moi felices Pascuas e todo o mellor para o Ano Novo 2020.
Eguberri on. Bon Nadal. Boas festas.”