jueves, 12 de diciembre de 2019

Reclamamos unha solución aos problemas de circulación e seguridade viaria na estrada N-120 entre Os Peares e Ourense

Desde o pasado 7 de novembro a  estrada  N-120 (Vigo-Ourense-Logroño) ao seu paso por  Velle, viuse seriamente afectada por un desprendemento de pedras e terras desde un noiro que provocou inicialmente o corte completo da circulación ata o 29 de novembro que restableceuse por un só carril regulado por semáforos.

Os trastornos foron enormes durante 22 días, provocando desvíos para turismos pola vella  C-546 (hoxe  N120a) desde  Velle a Melias e especialmente para os camións de transporte que debían tomar a  N-540 via Chantada; pero ao día de hoxe continúan sendo relevantes as retencións. Onte mesmo circulando por este punto púideno comprobar.

É certo que o Ministerio de Fomento vén empregando a fondo na realización de traballos para suxeitar a citada  ladeira, que cedeu tras  reblandecer o terreo pola choiva.  Pero é un feito obxectivo que con reiteración veñen producindo desprendementos de pedras e terras sobre a  N-120 nos termos municipais de Nogueira de Ramuín, Pereiro de Aguiar e Ourense.

Neste mesmo blog daba conta o 8 de maio de 2018 que se acababan de empezar unhas obras de estabilización de noiros na  N-120 entre os  p.q. 551,000 e 564,500. Unhas obras que levaron o seu tempo e que consistiron en reparalos mediante  diferentes medios de sostemento como redes de cables, mallas de triplo  torsión,  bulones e muros de dique.



Onte mesmo chegando a cidade de Ourense, estaba noutro tramo da N-120 un carril cortado á circulación por mor de traballos que realizaba Fomento de colocación dunha malla metálica nun noiro.

Estamos pois ante unha situación que esixe do Ministerio de Fomento unha solución definitiva e global ao conxunto destes noiros, pois é previsible que feitos similares volvan repetir. 

Entre as primeiras decisións que Fomento debe tomar é a de aprobar inmediatamente o proxecto de implantación de carrís de adiantamento entre os puntos quilométricos 548,800 e 564,000, unha actuación que está claramente demorada.

Por iso, comezada esta nova  XIV Lexislatura imos continuar interesándonos por este tema pero aínda con maior intensidade.

Acabamos de redactar estas tres preguntas parlamentarias no Congreso dos Deputados e dirixidas ao Ministerio de Fomento.

¿Que razóns explican o importante atraso por parte do Ministerio de Fomento en concluír o proxecto de trazado "Mellora da seguridade viaria na   N-120.  Implantación de carrís entre os    PPKK 548+800 e 564+000?

¿Á vista dos desprendementos de noiros na estrada  N-120  ao seu paso polos termos municipais de Pereiro de Aguiar e Ourense, que veñen sucedendo con demasiada frecuencia - e afectan seriamente á circulación e á seguridade viaria - está disposto o Ministerio de Fomento a dar unha solución definitiva a este problema?

¿Que, previsións ten o Ministerio de Fomento en orde a restablecer a circulación en ambos os sentidos na estrada Nacional 120, ao seu paso por  Velle, Ourense e que se viu afectada desde o 7 de novembro por un desprendemento de pedras e terra?

Ademáis temos en preparación unha PNL sobre este tema, da que darei oportuna conta.