lunes, 27 de enero de 2020

A Xunta de Galicia solicitou a convocatoria urxente da comisión de seguimento da estación intermodal de Ourense


A Xunta de Galicia solicitou hoxe a convocatoria urxente da comisión de seguimento da estación intermodal de Ourense para que o Ministerio  Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana aclare os seus plans de investimento na cidade. Así o anunciou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, quen trasladou a súa negativa a ser “cómplice” dos movementos cos que o Partido Socialista en Ourense trata de ocultar o incumprimento do Goberno de España coa cidade e co AVE a Galicia.
A conselleira compareceu hoxe en rolda de prensa acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e lembrou que a estación intermodal é un complexo que se basea nun acordo de colaboración asinado no ano 2016 pola Xunta, o Concello, o Ministerio de Fomento, ademais de pola actual presidenta de Adif.
De acordo co establecido nese acordo, actualmente están en execución, unicamente, a estación de autobuses que executa e financia ao 100% a Xunta, e o aparcadoiro subterráneo que cofinancia tamén a Administración autonómica. Sen embargo, sobre a reforma ferroviaria prevista no acordo como responsabilidade do Goberno de España pesa actualmente unha gran incerteza, ao non haber un cronograma previsto, nin proxectos en redacción nin contratos en licitación.
Por ese motivo, a conselleira considerou urxente que o Ministerio responsable dea información concreta sobre os seus proxectos de actuación na estación intermodal de Ourense, ademais das previsións sobre a Variante ferroviaria exterior.
A conselleira e o equipo de arquitectas responsables das obras e do proxecto da estación de autobuses intermodal explicaron polo miúdo os criterios técnicos que sustentan tanto o seu emprazamento como a súa configuración. A ese respecto, indicaron que a  nova terminal de autobuses, cuxas obras rematarán nos vindeiros meses, está a ser construída nos terreos definidos e acordados con Adif, conforme a criterios estritamente técnicos.
Ese emprazamento fai posible, ademais, a execución dun aparcadoiro subterráneo que dará servizo ao complexo intermodal pero tamén ao barrio da Ponte, onde abundan os edificios sen garaxe e falta un espazo de estacionamento de estas características e capacidade.
En relación co centro de saúde, a conselleira lembrou a situación previa ás obras, cando o centro de saúde estaba máis próximo ás vías de ferrocarril; rodeado por un supermercado con frecuente tránsito de camións de carga e descarga; un centro de almacenamento de material de Adif, e próximo a un posto de comida preparada que xeraba un importante fluxo de vehículos que estacionaban de forma irregular.
A este respecto, subliñou que as obras da nova estación de autobuses, que motivaron xa o retranqueo de 10 metros das vías férreas e a desaparición do supermercado e do posto de comida suporán unha “mellora radical” do contorno do centro de saúde, que se vai protexer cunha franxa axardinada de máis de 12 metros e se vai insonorizar.
Preocupación pola reforma ferroviaria

Fronte a isto Ethel Vázquez chamou a atención sobre a absoluta incerteza que rodea a parte do acordo asinado que se refire á reforma da estación ferroviaria e á integración urbana dos barrios da Ponte e do Vinteún, recollidos como responsabilidades do Ministerio de Transportes.

A conselleira manifestou a preocupación do Goberno galego a este respecto, tendo en conta o precedente recente do AVE a Galicia, pois hai poucas semanas que o Goberno dicía que a Xunta mentía cando denunciaba que se ían incumprir o prazo do ano 2019. Agora, cando resulta evidente que a Xunta tiña razón, ata a Comisión Europea ratifica  o prazo da Administración autonómica e o Goberno segue a negalo.

A conselleira insistiu na necesidade de que o Goberno de España informe á cidade de Ourense sobre os seus plans en relación cos compromisos que adquiriu para o desenvolvemento desta infraestrutura e insistiu en que a mellor estación intermodal é aquela que os estudos técnicos acreditan que se pode executar.